Non máis minas tóxicas en Europa! Campaña Bang! Ban Cyanide

Reproducimos o comunicado de prensa da coalición Bang¡ Ban Cyanide, da que facemos parte e que foi presentada simultaneamente o 29 de setembro en tódolos países que partillan a coalición, coincidindo coa audiencia ao candidato a comisario de Medio Ambiente da C.E., K. Vella, diante da Comisión ENVI do Parlamento Europeo:

Non máis minas tóxicas en Europa!

29 de setembro de 2014 As grandes minas de ouro ao descuberto están en alza en toda Europa. Isto é algo que a cidadanía da UE, en xeral, ignora, pero os metais utilizados nos computadores, dispositivos electrónicos e teléfonos móbiles teñen que vir dalgún sitio. A minería moderna mutila o  ambiente, produce contaminación por un longo período de tempo, utiliza grandes cantidades de produtos químicos altamente tóxicos como o cianuro e tamén, con frecuencia, despraza comunidades enteiras.

Somos unha coalición europea de organizacións non gobernamentais, grupos de acción e comunidades de Bélxica, Bulgaria, Finlandia, Francia, Grecia, Alemaña, Romanía, Eslovaquia, España (nomeadamente Galiza e Asturias), Reino Unido, República Checa e Turquía. Unímonos para loitar contra as minas tóxicas e a minería a base de cianuro en Europa.

Moitas das persoas involucradas nesta loita vivimos en zonas ameazadas por estas minas tóxicas. Nós, ademais de falar sobre a nosa ameaza común, estamos a propoñer unha solución común. A partir de exemplos en todo o mundo sabemos que a minería a base de cianuro afecta o medio ambiente e as persoas que viven preto, lonxe e moi lonxe. A partir de exemplos en todo o mundo, tamén sabemos que cando as persoas se unen, gañan. Isto é o que sucedeu recentemente en Eslovaquia, onde se prohibiu a minería a base de cianuro.
En agosto de 2014 puxemos en marcha en Rosia Montana (Romanía) unha campaña conxunta para prohibir o uso da minería a base de cianuro en Europa. En 2010 o Parlamento Europeo votara a favor de prohibir a minería a base de cianuro, debido aos inmensos riscos que supón esta tecnoloxía para a saúde humana e para o ambiente. Queremos converter ese voto nunha realidade, pedindo ao Sr. Karmenu Vella, candidato a Comisario de Medio Ambiente, que faga cumprir a resolución e actúe en consecuencia!


Sabemos que a minería industrial moderna é un proceso químico con risco, que non xera riqueza senón que contamina o medio, produce pobreza e dependencia. Tamén sabemos que desarraiga ás persoas e ás comunidades.

Cremos que Europa debe estar formada por comunidades fortes e saudables, cunha cidadanía que teña confianza no presente e no futuro.

Sabemos que as actividades extractivas e o cianuro están vinculados á corrupción e as decisións políticas impostas desde arriba.
Cremos que a verdadeira democracia prospera cando quen toman as decisións traballa para a xente e non polo poder e os beneficios.

Negámonos a aceptar que unha sustancia química tan velenosa como o cianuro se poida seguir utilizando en grandes cantidades na minería en toda Europa, nunha zona densamente poboada. O cianuro é altamente tóxico e pode levar rapidamente á morte. Unha cullerada dunha solución de cianuro ao 2% mata a un ser humano, e os sempre recorrentes accidentes mineiros mostran o seu impacto devastador.

Cremos que chegou o momento de esixir que os responsables europeos por fin tomen medidas e fagan que a minería a base de cianuro sexa algo do pasado.

Unimos forzas para facer que se aborde a dura realidade que supón a minería a base de cianuro, na audiencia do Sr. Karmenu Vella, o candidato a Comisario de Medio Ambiente. A través do contacto directo cos nosos Eurodeputados e Eurodeputadas, e as redes sociais, transmitimos a importancia de incorporar a prohibición da minería a base de cianuro na axenda do futuro Comisario.

As deputadas e deputados do Parlamento Europeo que se fixeron eco das nosas preocupacións interpelarán ao Sr. Karmenu Vella durante as audiencias que terán lugar o 29 de setembro.

O cianuro non coñece fronteiras e pedimos á xente con conciencia de toda Europa que se una a nós neste esforzo!

#pideaoequipodejuncker #prohibirocianuro nas #audienciasPE2014
#askteamjuncker #bancyanide #EPhearings2014

Organizacións membros da campaña europea Bang Ban Cyanide:


Para máis información, visita o blogue da campaña: bancyanide.eu

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Edgewater perde os dereitos mineiros de Corcoesto

O Parlamento Europeo prohibe o uso do cianuro nas tecnoloxías mineiras