Máis minas contaminantes para Galicia: alerta social




O Goberno da Xunta do PP segue a pensar que "Galiza é unha mina" como proclamaba a súa campaña institucional. Despois da multitudinaria manifestación contra a Megaminaría contaminante convocada por ContraMINAcción e as miles de sinaturas recollidas, xa non o din tan claramente, mais os feitos condúcennos a pensar que así é.

A Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de anunciar que se somete a información pública o expediente da solicitude do permiso de investigación mineira Isabela II, tras resolver favorablemente a admisión definitiva da solicitude presentada o 20 de xuño de 2011, pola sociedade Grupo M-FM 2001, S.L., de permiso de investigación mineira de recursos da sección C), de 156 cuadrículas mineiras, situado nos termos municipais de Zas, Santa Comba, Vimianzo e Coristanco, na provincia da Coruña.

Dificultades no acceso a información

O anuncio non facilita outra información ademais das coordenadas da superficie que será sometida a explotación. Desde Verdegaia, para facilitar a identificación da superficie afectada, trazamos a mesma en Google Maps. A superficie afectada é de 43.6 quilómetros cadrados (unha superficie equivalente a 4.360 campos de fútbol), que se encadran dentro da zona coñecida como cinto de ouro de Malpica-Tui. 
 

Nos Concellos o público non dispón da información necesaria para facer alegacións, e para ver o expediente é necesario trasladarse ata A Coruña. Por desgracia, acotío acontece que na Sección de Minas da Xefatura Territorial, non dan moitas facilidades para ver os expedientes, e se son solicitados en formato electrónico, adoitan chegar fóra de prazo para alegar.

A Consellería debería informar ás persoas afectadas que un permiso de investigación de recursos mineiros tipo C pode converterse nun futuro non moi afastado nun permiso de explotación que podería cambiar para sempre as súas vidas.

Leis franquistas

Grazas a unha lei de minas franquista e a unha lei --tamén franquista-- de expropiación forzosa, as persoas propietarias das terras afectadas poderán perder as súas terras por un xustiprezo, que normalmente non vai ser xusto. E iso no mellor dos casos, porque podería acontecer que a túa casa quedase ao pé da explotación, mais que non a expropiasen pero que tiveses que soportar ruídos, fendas, polución...

A empresa Grupo M-FM 2001, S.L., que nos últimos anos recibiu do Estado subvencións de varios centos de miles de euros para a exploración mineira, vai buscar a licenza social para a súa actividade. Para iso este tipo de empresas adoitan contratar a unha persoa que teña unha boa consideración entre a veciñanza da zona para convencer da necesidade de que permitan facer as catas nos seus terreos. Prometerán postos de traballo para aquelas persoas e as súas familias que permitan gratuitamente furar nas súas terras. Dirán que o ouro correrá polas mans de todas e todos, mais nada diso acontecerá.

Os concellos deben velar polos intereses da veciñanza

Segundo advirten dende a Asociación Ecoloxista Petón do Lobo, unha vez aprobado definitivamente o permiso de investigación mineira, os concellos xa non van poder facer nada por parar a exploración no seu dominio público, aínda que teñan prevista facer unha sondaxe no portal do Concello. Instamos polo tanto aos catro concellos afectados a que estuden o expediente, o divulguen entre a veciñanza e fagan as oportunas alegacións opoñéndose ao mesmo. Estamos a falar dun entorno humanizado, con valiosos elementos patrimoniais, explotacións agrícolas, gandeiras e forestais.

A xente ten que saber que ten dereito a non permitir que entren nas súas fincas a traballar. E que se entran, as autoridades teñen a obriga de protexer as súas propiedades, polo que poderán acudir á Garda Civil para que coiden dos seus intereses.

Se hai información e unión, no haberá licenza social

Se algunha persoa consente en que traballen na súa finca, deberá saber que se está arriscando a que nun breve prazo pode perder a súa finca e a súa vivenda. Cómpre que teñan isto en conta cando pidan unha compensación económica. As persoas cobizosas, que saiban que a empresa sempre lles vai dicir que están a pagarlles moito máis que ás súas veciñas e veciños. Habitualmente, as empresas mineiras rompen a paz social enfrontando á veciñanza entre as persoas que buscan un posto de traballo na mina e as que se opoñen ás instalacións mineiras. Para evitar este problema, recomendamos a obxectividade: que a xente se informe do que se pretende facer, e do que acontece e ou aconteceu con outros proxectos mineiros semellantes.

Consideramos prioritario que as persoas que residen ou teñan intereses lexítimos nos Concellos de Zas, Santa Comba, Vimianzo e Coristanco se informen do plano de investigación mineira e das consecuencias que podería ter, e que comparezan como parte interesada no expediente para que sexan informadas e tidas en conta no desenvolvemento deste expediente de licenza de investigación. Para iso a A.S.C. O Iríbio facilitou modelos de comparecencia no expediente. Tamén, cando a administración nos facilite o expediente, elaboraremos alegacións para que sexan presentadas polas persoas afectadas. A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños acordou dar charlas informativas para contrarrestar a falta de transparencia por parte da administración, facilitando así a participación pública e a defensa do ambiente, da paz social e dos intereses dos particulares das persoas afectadas.

Outros proxectos en Galiza

Dende o Sindicato Labrego Galego advirten que este non é o único proxecto mineiro que está a desenvolver a Administración. Nos concellos de Santa Comba e Zas, empresas filiais da canadense Edgewater solicitaron os permisos de investigación para ouro denominados Grixoa, Vilar e Monte Castelo que afectan a 1.680 hectáreas; e na comarca de Bergantiños as Julias (tamén de ouro) mobilizaron a toda a contorna.

Moitos son os permisos de investigación, e proxectos de explotación en tramitación en Galiza: A mina de tantalio de Forcarei (a maior de Europa), a da Terra Cha que continúan a dirimirse nos xulgados, os de Seixo de Erinsa na comarca de Ordes Compostela (8000 ha), ou todos os permisos de ouro da montaña de Lugo A Fonsagrada, Baleira, Baralla, Becerreá, etc. En Lousame está a piques de estalar un grave conflito social pois a mineira Sacyr en busca de volframio está pechando ilegalmente o acceso ao monte aos seus comuneiros.

Non entendemos como non se dá prioridade á agricultura, que é unha alternativa sustentable, con vocación de permanencia no tempo que xera postos de traballo de calidade e de futuro fronte a estas actividades destrutivas e temporais con postos de traballo precarios e de moi pouca duración.


Galiza 27 Xaneiro 2016

Apoian este comunicado: A Ría Non Se Vende, A Terra Non Se Vende, Asociación autonómica Cova Crea, Asociación autonómica e ambiental Petón do Lobo, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), ContraMINAcción, Contraminate, Foro Social de Cangas, Galiza Non Se Vende, Greenpeace, O Iribio, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Plataforma veciñal Corno do Monte, Salva la Selva, Sindicato Labrego Galego, Verdegaia, Véspera de Nada, Voces polo Litoral de Teis 

Podes consultar o expediente nesta ligazón. 
Mapas do expediente (debido ao seu peso, convén descargalos para visibilizalos):

Comentarios

  1. Boas. Gustaríame saber, se teñen pensado dar charlas no Concello de Zas e, de ser así, cando van ser. Desgraciadamente hai moita xente que aínda non sabe nada disto... moitas grazas.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.

Publicacións populares deste blog

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do acceso á documentación