III Milladoiro por Corcoesto


Os milladoiros eran cheas de pedras colocadas ao pé dalgúns camiños ou cruces de camiños. En moitos lugares existía a tradición de que cando un camiñante pasaba por un determinado lugar, debía botar unha pedra máis á chea, de modo que co paso dos séculos, algúns milladoiros son dunha altura considerable, e formados por miles e miles de pedras.
Está moi estendida a opinión de que podería ser unha cristianización dun culto prerromano ás divindades dos camiños das que fala Estrabón, e que se mantivo con forza en época romana grazas ao sincretismo cos deuses viarios.
Na loita contra a mina de Corcoesto, en Xuño de 2013 fíxose un acto lúdico cultural na Carballeira de Santa Mariña (Corcoesto) que rematou co levantamento dun MILLADOIRO multicolor, a barbarie pro mina destruíuno aos poucos días. No ano 2014 outra vez a veciñanza da comarca levantou de novo outro MILLADOIRO, que igualmente foi destruido aos poucos días pola barbarie pro mineira.
Estes feitos leváronnos a establecer no primeiro sábado de Xuño de cada ano, un reencontro veciñal e de amigos e amigas que sirva para manter en pé a loita contra a mina de Corcoesto, reconstruír o MILLADOIRO  e sexa tamén un día de lecer e de reivindicación colectiva.
Convidámosvos a participar con nós na xornada festiva que se celebrará o vindeiro sábado, a partir das 13:30 da mañá, na Carballeira de Santa Mariña de Corcoesto.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Edgewater perde os dereitos mineiros de Corcoesto

O Parlamento Europeo prohibe o uso do cianuro nas tecnoloxías mineiras