Edgewater perde os dereitos mineiros de Corcoesto


A lei de acompañamento aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, prevé a caducidade dos dereitos mineiros cando se denegue a autorización de explotación.

A publicación o pasado día 30 de decembro no Diario Oficial de Galicia da lei 12/2014, de 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, supón un novo e duro golpe para as pretensións da empresa canadense Edgewater e a súa filial, Mineira de Corcoesto, sobre a explotación da mina de ouro no Concello de Cabana de Bergantiños.

Esta lei de acompañamento aos orzamentos da comunidade autónoma de Galicia, recolle unha modificación da lei 3/2008 de ordenación da minaría de Galicia, á que engade unha disposición transitoria segunda que remata definitivamente coas expectativas de Edgewater sobre o proxecto mineiro de Corcoesto.
Nesta nova disposición  recóllese que as concesións mineiras reguladas pola Lei da minaría de 1973, ás que se lle denegue a autorización de explotación por calquera das causas legais, determinará a caducidade dos dereitos mineiros correspondentes. Ademais prevé a súa aplicación retroactiva no caso de resolucións denegatorias de autorizacións de explotacións ditadas con anterioridade á entrada en vigor desta lei.
 Isto resulta de aplicación directa para Mineira de Corcoesto, cuxo proxecto para a explotación aurífera das concesións Emilita, Ciudad de Masma e Ciudad de Landró, reguladas pola lei de minas de 1973, foi denegado ante a forte oposición social ao mesmo, por resolución da Consellería de Economía e Industria de data 11 de marzo de 2014, debido a falta de garantías técnicas e económicas.
Esta modificación lexislativa fai que Mineira de Corcoesto e a canadense Edgewater perdan definitivamente os dereitos mineiros que ostentaban sobre dos montes de Corcoesto e imposibilita, para tranquilidade da veciñanza da comarca, que poida presentar no futuro outro proxecto de explotación de ouro na zona.
Agora correspóndelle á Consellería de Economía e Industria incoar de oficio o procedemento de caducidade dos dereitos mineiros e a cancelación da súa inscrición no Rexistro Mineiro de Galicia, solicitude que tamén vai presentar por escrito a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños para asegurar a tramitación, canto antes, deste procedemento de caducidade.


Comentarios

  1. Canto valen , ou, canto costaron os dereitos de eplotación de Corcoesto?

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.

Publicacións populares deste blog

O Parlamento Europeo prohibe o uso do cianuro nas tecnoloxías mineiras