martes, 27 de outubro de 2015

Das manobras xudiciais de Edgewater





En relación coa comunicación de Edgewater Exploration do 21 de outubro “Edgewater Responds to Galician Government Statements Concerning its Mining Concessions at the Corcoesto Gold Project, Spain”, relativa ás actuacións xudiciais pola Resolución de caducidade das Concesións de Corcoesto, a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, quere salientar:
1.- Que a Comisión Europea ao través da Comisaria C. Malmstron, a unha pregunta da eurodeputada Lidia Senra Rodríguez (GUE/NGL) realizada en outubro, respondeu en decembro de 2014 o seguinte (resposta traducida ao galego):
“Ningunha empresa canadense pode actualmente invocar o Acordo Económico e Comercial Global (AECG) con Canadá para impugnar unha decisión referente ao seu investimento, nin presentar reclamacións por danos patrimoniais, dado que este acordo non está en vigor. O AECG entrará en vigor unha vez finalicen os respectivos procedementos de aprobación por parte de Canadá e da UE. No caso da UE, requiren a aprobación do Consello e do Parlamento Europeo.
En calquera caso, os acordos de libre comercio, incluído o AECG, non modifican o dereito dos Estados membros a perseguir os seus obxectivos lexítimos de política pública, incluída a fixación de normas de protección ambiental. O AECG deixa claro que a UE e Canadá manteñen o seu dereito a lexislar para alcanzar obxectivos lexítimos en materias como a saúde pública, a seguridade, o medio ambiente, a moral pública e a promoción e protección da diversidade cultural. Isto significa que un investidor non pode recibir unha compensación por lucro cesante, perda de beneficios ou custos sufridos.”
2.- Que un recurso de Edgewater contra a resolución que se ditou ao amparo da modificación da lei de minería de Galicia, que introduciu a caducidade dos dereitos mineiros no caso de que un proxecto non se aprobe, non prosperaría. A resolución da Xunta é conforme a dereito.
O comunicado de Edgewater semella ser unha manobra cara aos seus investidores que, baseándose en información nesgada ofrecida pola empresa, esperaban obter un gran lucro e agora atópanse con que as súas accións non valen nada.
Chama moito a atención que Edgewater e Mineira de Corcoesto S.L. non puidesen cumprimentar os requisitos de solvencia esixidos pola Xunta de Galicia, e que agora aparentemente teñan fondos para contratar unha firma de avogacía de ámbito internacional, para facer unha reclamación de indemnización de tan elevada contía. Tamén queremos sinalar que a sociedade Corcoesto, S.A., á que fai referencia o comunicado de Edgewater, foi constituída en Panamá o 21 de agosto de 2014.
No que se refire ao recurso de inconstitucionalidade 5458/2015, promovido polo presidente do Goberno de España contra os artigos 5.dous e 84 da Lei de Galicia 12/2014, de 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, admitido a trámite o pasado 6 de outubro (DOG 14 outubro 2015), a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños quere apuntar o seguinte:
1.- Quen está realmente detrás do recurso? Non esquezamos que os lobbys empresariais teñen os seus tentáculos esparexidos por todas as partes, incluído o lobby mineiro.
2.- Desde o punto de vista administrativo e político, a interposición do recurso de inconstitucionalidade xera bastantes interrogantes.
3.- Aínda que o recurso prosperase (cabe entender que a súa resolución non se producirá antes das próximas eleccións xerais), hai que lembrar a situación das Concesións de Corcoesto, xa que cos datos do Censo Mineiro, a concesión Emilita estaría caducada e as outras dúas (Ciudad de Landró e Ciudad de Masma), caducarían no vindeiro 2016. En consecuencia, a eventual inconstitucionalidade do artigo 84, non tería consecuencias prácticas para Edgewater, que vería como se queda igualmente sen concesións polo simple paso do tempo.
Por último, queremos lembrar que a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños segue vixiando os movementos de todos os participantes no Proxecto de Corcoesto.
Corcoesto, 27 de outubro de 2015

luns, 5 de outubro de 2015

As vosas vaguedades, cumprido fin terán


A Xunta de Galicia resolve que as concesións mineiras de Corcoesto están caducadas, remata así unha loita popular, cunha nova vitoria na loita de resistencia contra a megaminaría destrutiva.

 


O Grupo parlamentar da Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) remata de comunicar á Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños que a Xunta de Galiza, despois de estudar as alegacións presentadas por Mineira de Corcoesto (Edgewater Exploration) e de desestimar o recurso de Edgewater contra a denegación do proxecto de explotación de ouro na mina de Corcoesto, proxecto mineiro que xerou unha fortísima contestación social non só na Galiza senón cunha moi importante repercusión internacional:

A Xunta de Galiza ACORDOU DECLARAR A CADUCIDADE DAS CONCESIÓNS MINEIRAS DAS EXPLOTACIÓNS “Emilita, nº1221, “ Cidade de Landró” nº 1454 e “Cidade de Masma”, nº 1455, da titularidade de Mineira de Corcoesto SLU.


Estas explotacións constitúen o núcleo fulcral da pretendida mina a ceo aberto de Corcoesto, polo que ao decaer os dereitos mineiros (concedidos irregularmente e que foran denunciados pola veciñanza organizada na Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, así como por outras organizacións sociais) inviabilizan na práctica totalmente o proxecto mineiro de Corcoesto.

Por parte da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños queremos amosar a nosa satisfacción polos éxitos acadados nesta loita popular na defensa da nosa terra e do noso xeito de vida fronte aos intentos do novo colonialismo por destruír os nosos recursos e a nosa terra.
Non podemos esquecermos de agradecerlle a todas as persoas, colectivos sociais, concellos partidos políticos, organizacións sindicais, ecoloxistas,...... que dende un primeiro momento puxéronse do lado da nosa loita conseguindo entre todos e todas parar esta barbarie.
Desde a Plataforma seguiremos con atención tódolos posibles movementos que se poidan producir nun futuro, porque somos conscientes que onde exista un recurso será obxecto da avaricia do capital máis destrutor, que disfrazado de falsas promesas de prosperidade pode volver a intentar esta actividade coa complicidade da política subordinada a estes poderes económicos



Corcoesto 5 de Outubro de 2015



 

sábado, 26 de setembro de 2015

Manifestación en Vigo contra o TTIP




O vindeiro sábado, 10 de Outubro, marcará o día de inicio para a Semana de loita contra os tratados de libre comercio: TTIP, TPP, CETA e TISA.
Centos de localidades están convocadas a unha mobilización global que dará continuidade á que xa se celebrou o pasado 18 de Abril. Dende o 1 ao 15 de outubro miles de persoas marcharán dende diferentes localidades de toda Europa, para bloquear o cumio da Unión Europea que terá lugar precisamente o día 15, en diversas protestas que se manterán ata o día 17.
A manifestación galega celebrarase en Vigo, saíndo ás 20:00 horas da Praza de Independencia, para dirixirse cara a Praza de América.
Desde a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños animámosvos a participar desta mobilización contra uns tratados que, de levarse adiante, terán graves consecuencias para a poboación en xeral, e moi en particular para os colectivos que loitamos na defensa do noso territorio.
Vémonos en Vigo!

martes, 30 de xuño de 2015

Desde Corcoesto con Ana Miranda



A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños quere amosar o seu apoio á Eurodeputada galega Ana Miranda, integrante da Flotilla da Liberdade, persoa sempre comprometida con Galiza, coas loitas sociais e cos máis desfavorecidos.


Ana Miranda sempre estivo ao noso lado na nosa loita contra a posta en marcha do salvaxe e destrutivo Proxecto da mina de ouro de Corcoesto. Nós tamén queremos estar ao seu lado e ao dos seus acompañantes nestes duros momentos para eles. Facemos votos para que todo se resolva favorablemente e poidan regresar a casa xunto coas súas familias, sans e salvos. Os nosos mellores desexos e o noso agarimo para todos eles desde Corcoesto.

domingo, 31 de maio de 2015

III Milladoiro por Corcoesto


Os milladoiros eran cheas de pedras colocadas ao pé dalgúns camiños ou cruces de camiños. En moitos lugares existía a tradición de que cando un camiñante pasaba por un determinado lugar, debía botar unha pedra máis á chea, de modo que co paso dos séculos, algúns milladoiros son dunha altura considerable, e formados por miles e miles de pedras.
Está moi estendida a opinión de que podería ser unha cristianización dun culto prerromano ás divindades dos camiños das que fala Estrabón, e que se mantivo con forza en época romana grazas ao sincretismo cos deuses viarios.
Na loita contra a mina de Corcoesto, en Xuño de 2013 fíxose un acto lúdico cultural na Carballeira de Santa Mariña (Corcoesto) que rematou co levantamento dun MILLADOIRO multicolor, a barbarie pro mina destruíuno aos poucos días. No ano 2014 outra vez a veciñanza da comarca levantou de novo outro MILLADOIRO, que igualmente foi destruido aos poucos días pola barbarie pro mineira.
Estes feitos leváronnos a establecer no primeiro sábado de Xuño de cada ano, un reencontro veciñal e de amigos e amigas que sirva para manter en pé a loita contra a mina de Corcoesto, reconstruír o MILLADOIRO  e sexa tamén un día de lecer e de reivindicación colectiva.
Convidámosvos a participar con nós na xornada festiva que se celebrará o vindeiro sábado, a partir das 13:30 da mañá, na Carballeira de Santa Mariña de Corcoesto.

martes, 21 de abril de 2015

Vivir de pe. Pobos na defensa da terra: As Encrobas-Corcoesto


A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños organiza un encontro entre As Encrobas (Cerceda) e Corcoesto (Cabana de Bergantiños) o vindeiro sábado 25 de Abril ás 18 horas no Forum de Carballo.

O acto consistirá na Proxección do documental “As Encrobas a ceo aberto“. Tendo lugar a continuación unha charla coloquio na que participarán:

  • Xosé Bocixa, realizador do documental.
  • María Pardo, veciña de As Encrobas. 
  • Lola de Baralláns, veciña de Corcoesto.
  • Paco García, voceiro da Plataforma.
Separadas por case 40 anos, estas dúas loitas emblemáticas na defensa da nosa terra e das súas xentes, teñen moito en común: a loita contra o capitalismo depredador e o neo-colonialismo das empresas multinacionais.

No ano 1975 iniciouse na parroquia rural de As Encrobas, situada no concello coruñés de Cerceda, un conflito agrario que, polo significado que acadou no contexto da fin do franquismo e dos primeiros momentos da transición democrática española, tivo unha gran repercusión en Galicia.

A empresa eléctrica de orixe galega, denominada entón Fenosa, pretendeu explotar un xacemento de lignito pardo depositado no subsolo do val agrícola sobre o que se asentaba unha gran parte da poboación desta parroquia, que roldaba naquel momento os mil cincocentos habitantes. O procedemento elixido, de extracción a ceo aberto, esixía o desaloxo de aproximadamente catrocentas familias campesiñas ou “casas”.

Os enfrontamentos aos que deron lugar os intentos de ocupación dos terreos, con especial protagonismo das mulleres de As Encrobas, suscitaron o apoio masivo da sociedade, que sería decisivo para o abandono do procedemento expropiatorio e a apertura de negociacións entre a empresa e as persoas afectadas.


Son moitas as coincidencias coa loita de Corcoesto, aínda que tamén existen diferencias moi interesantes. Como dicían as xentes de As Encrobas: Se a terra é nosa, por que o que hai baixo ela non é tamén noso?.

xoves, 16 de abril de 2015

Vigo, 18A: Día de acción global contra os tratados de libre comercio e investimentos.

“As persoas e o Planeta antes que o Capital!” será o lema baixo o cal se mobilizará a cidade olívica o vindeiro 18 de Abril que acollerá a mobilización central de Galiza.

A campaña Non ao TTIP integrada por ADEGA, A Cova dos Ratos, ACOUGA, ANOVA Vigo-Mos, Asemblea de Movementos Sociais de Vigo, BNG, CIG, ContraMINAcción, Coordinadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres, Democracia Real Xa-Vigo, DesPensa, Entremos na Panificadora, ECOAR))), EQUO Galiza, Esquerda Unida, Horta Comunal de Donas, Moeda Social Val Miñor, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Podemos Vigo, RSP-Vigo, TANKOllectif e Verdegaia, convocan a toda a cidadanía e organizacións a mobilizarse o vindeiro 18 de Abril. Vigo sumarase aos millóns de voces que sairán ás rúas en decenas de países de catro continentes no Día de Acción Global Contra os Tratados de Libre Comercio e Investimentos baixo o lema “As persoas e o Planeta antes que o Capital!”.

As diferentes accións e mobilizacións son a resposta unitaria e coordinada dunha cidadanía que sente que ten problemas e solucións semellantes perante unha situación actual insostible. Os Tratados de Libre Comercio e Inversións, impulsados pola empresas transnacionais e os gobernos de costas á cidadanía, vulneran os dereitos das persoas e o medio ambiente.

Todas as persoas e organizacións están chamadas a participar na xornada para organizar accións descentralizadas en cada recuncho do planeta baseadas na diversidade táctica das mesmas. As accións buscarán informar, sensibilizar, fomentar a participación e fortalecer a mobilización da xente rumbo a un novo movelo económico e de comercio que funcione para o beneficio de todas as persoas e o planeta.

En Vigo a saída efectuarase ás 20:00 dende a Farola de Urzáiz, descenderá por esta, pasará por Policarpo Sanz e rematará na Porta do Sol coa lectura dun manifesto.

mércores, 1 de abril de 2015

O Pleno de Carballo aproba a nosa moción sobre caducidade dos dereitos mineiros

O pasado luns debateuse no pleno municipal de Carballo a moción sobre a caducidade dos dereitos mineiros de Corcoesto que foi presentada a ese Concello pola nosa Plataforma.
A moción, asumida e presentada polo BNG, xa que a Plataforma non ten entidade xurídica para presentar mocións nos Concellos, foi aprobada cos votos de BNG e PSOE, a abstención do TEGA e os votos en contra do PP.
Nela recóllese a solicitude á Xunta de Galicia da incoación urxente do procedemento para a caducidade dos dereitos mineiros do proxecto de Corcoesto.  
En representación do Partido Popular, Núñez Centeno reiterou o seu apoio ao proxecto, afirmando que se chega unha empresa solvente e con garantías vai ter o camiño libre pola súa parte. 




Como podedes ver nas imaxes do noso compañeiro Nacho Gándara, un numeroso grupo de activistas da nosa Plataforma estivo presente durante o debate da moción, apoiándoa coa súa presenza.
Texto da solicitude de caducidade dos dereitos mineiros presentado pola Plataforma.

martes, 24 de marzo de 2015

Día mundial de acción - 18 de abril de 2015. Non aos TTIP!

Desde a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, apoiamos a chamada a celebrar o día de acción global contra os Tratados de Libre Comercio. A continuación reproducimos a mensaxe do blogue globaltradeday, que podedes visitar pinchando aquí.

AS PERSOAS E O PLANETA ANTES QUE O CAPITAL


Chamamento de acción global para deter os Tratados de libre comercio e investimentos.

Nós, organizacións da sociedade civil, sindicalistas, labregas e labregos, xente moza, activistas de movementos de tódalas partes do mundo, chamamos a un Día global de acción a realizarse o 18 de abril de 2015, co fin de parar os acordos de libre comercio e investimentos, e promover unha economía que funcione para as persoas e o medio ambiente.

Ao longo das últimas décadas, as empresas transnacionais e os gobernos impulsaron tratados de libre comercio e investimentos a costas da cidadanía, vulnerando os nosos dereitos e os do medio ambiente.

Ao longo das últimas décadas, loitamos pola soberanía alimentaria, polos nosos bens comúns, pola defensa dos nosos empregos, os nosos territorios, as liberdades en internet, mentres esixíamos democracia. Polo medio, fomos medrando como movemento, logramos que se escoiten as nosas voces e acadamos moitas vitorias.

Entre todas e todos, podemos parar os acordos que se están a negociar, e traballar para reverter os impactos nocivos dos tratados pasados. Conxuntamente impulsamos as nosas alternativas, que se fundamentan na primacía dos dereitos humanos por riba dos privilexios e beneficios das grandes empresas.

Facemos un chamado ás organizacións, persoas e alianzas a participar na xornada para organizar accións descentralizadas nos cinco continentes. Acollémonos a unha diversidade de tácticas e accións solidarias en todo o planeta que contribúan a informar e sensibilizar, fomentar a participación e fortalecer a mobilización da xente, camiño a un novo modelo económico e de comercio que funcione para o beneficio de tódalas persoas e do planeta.

Únete á lista automática do Día mundial de acción, e participa nas discusións estratéxicas!

Envía unha mensaxe a 18a-subscribe@lists.riseup.net para inscribirte !

venres, 6 de marzo de 2015

Xornadas: recuperar a soberanía, desarmar o TTIP


A finais deste mes marzo darán comezo as xornadas “RECUPERAR SOBERANÍA, DESARMAR O TTIP”. Trátase dunha serie de actividades abertas a toda a cidadanía, e enmarcadas na campaña global STOP TTIP. 

O obxectivo fundamental desta iniciativa e fomentar a análise e difusión das nefastas consecuencias que os tratados de libre comercio (TTIP, TISA, CETA…) poden ter tanto para as persoas como para a biodiversidade.
As xornadas, organizadas por ECOAR, compóñense dun ciclo de catro conferencias e unha videoconferencia realizadas por especialistas de diversos eidos, así como outras actividades: videodebate, charlas, proxeccións…
O programa previsto é o seguinte:


  • Xoves 26 de Marzo de 2015 (Vigo) Conferenciante: Susan George (activista, escritora, científica socio-política e presidenta da Xunta do Transnational Institute (TNI)
  • Sábado 4 de Abril de 2015 (Vigo) Conferenciante: Albano Dante Fachín (activista e editor de Café amb Llet)
  • Xoves 9 de Abril de 2015 (Santiago de Compostela) Conferenciante: Ricardo García Zaldívar (activista, Doutor en Economía, profesor na Universidad Carlos III Economía e Presidente de Attac España)
  • Martes 14 de Abril de 2015 (A Coruña) Conferencia: Arcadi Oliveres (activista, pacifista, Doutor en Ciencias Económicas e profesor na Universitat Autònoma de Barcelona).
  • Data por confirmar Videoconferencia: Florent Marcellesi (investigador, político e activista ecoloxista, europarlamentario por EQUO)
Coa finalidade de financiar os gastos derivados do desprazamento, manutención e hospedaxe das persoas poñentes, aluguer de locais, gastos de difusión…está en marcha unha campaña de crowfunding na que podes participar desde aquí.

martes, 10 de febreiro de 2015

Estamos con Máxima!



A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños solidarízase coa loita de Máxima Acuña fronte a multinacional mineira Yanacocha

Desde a Plataforma estamos con Máxima

Lonxe de ser unicamente unha causa legal, o caso Máxima contra Yanacocha (filial de NewmontMining) está no centro dun problema político que sacudiu Cajamarca e o Perú nas últimas décadas: a relación entre os grandes investimentos mineiros e os dereitos das familias e comunidades campesiñas que non desexan o desenvolvemento de actividades extractivas na súa contorna.
Unha vez un mineiro díxolle a Máxima Acuña que se estaba ao lado da mina ía ter o ceo, pero que se se puña en contra ía terminar esmagada, tal como un elefante esmaga a unha formiga.
A súa casa queda fronte á Lagoa Azul, unha das lagoas que serán afectadas o Proxecto Mineiro Conga e que forma parte da cabeceira de conca de Celendín: esta lagoa é o corazón de moitos ríos que irrigan o campo onde miles de campesiños sementan e cultivan a terra. E desa terra nace o noso alimento.
Máxima vive alí, arriba, onde nace a auga e o sol, entre choivas torrenciais e brétema turbulenta, entre ambiciosos mineiros e corrompidos "axentes da lei": Aquí naceu a súa coraxe.
Como unha muller enfrontada ao poder dunha gran empresa converteuse nun símbolo para os cajamarquinos, e para todos os que loitan por defender o medio ambiente contra a barbarie.
O 2011 foi para Máxima Acuña o ano do inicio dunha batalla desigual contra a poderosa mineira Yanacocha, que tenta tomar control dos seus terreos, descoñecendo, alega Acuña, o certificado en que consta que ela adquiriu a propiedade á comunidade de Sorocucho. Estas terras, nas que ela vive e traballa coa súa familia desde 1994, son contiguas á Lagoa. A historia previa é que a empresa quixo comprar e Máxima non quixo vender.
Máxima e a súa familia foron atacados por policías en varias ocasións, as máis graves en maio e en agosto de 2011. Houbo queimas, desfeitas; operarios introduciron maquinaria nos seus terreos, os seus fillos foron golpeados. Pero ela non soportou en silencio o abuso, denunciou unha e outra vez.
O pasado 3 de febreiro de 2015, o avogado Máxima Acuña dixo á prensa que polo menos 200 policías entraran nas súas terras en Tragadero Grande (Sorochuco, Cajamarca) e derrubaron a ampliación da casa desta, realizada para reforzar a estrutura da vivenda contra as choivas.
Máxima Acuña é nun símbolo na loita contra os abusos da megaminería e na defensa da súa terra fronte a barbarie destrutiva do colonialismo.

TODOS E TODAS SOMOS MÁXIMA ACUÑA

CONGA NON VAI!!!!
Corcoesto 10 de Febreiro de 2015

luns, 12 de xaneiro de 2015

Importante resposta da Comisión europea sobre a reclamación de Edgewater


Reproducimos, polo seu interese, a pregunta realizada no Parlamento Europeo pola eurodeputada de AGE Lidia Senra, así como a resposta da Comisión.
Nelas queda claro que a empresa Edgewater non ten dereito algún a reclamar indemnización polas posibles perdas derivadas da denegación do seu proxecto. 
É,por tanto, unha nova estocada para Mineira de Corcoesto.





PREGUNTA PARLAMENTAR:

Perguntas Parlamentares (Parlamento Europeu, Comissão)


9 de outubro de 2014, E-007767-14

Pergunta com pedido de resposta escrita à Comissão, Artigo 130.° do Regimento

Lidia Senra Rodríguez (GUE/NGL)

Assunto: Acordo CETA e empresa Edgewater na Galiza



O CETA estabelece mecanismos que conferem às multinacionais o direito de apresentar exigências aos governos, quando estes tomam decisões que considerem que afetam os seus negócios.

Na Galiza, a empresa canadiana Edgewater pretende obter autorização do governo galego para a exploração mineira de ouro, afetando a esse fim terras agrícolas e florestais. A empresa em causa usará cianeto, pondo assim em risco a saúde das pessoas, a vida aquática e a qualidade da água.

O governo galego anunciou há alguns meses o cancelamento do projeto aurífero. Todavia, de acordo com notícias recentemente vindas a lume na imprensa, a empresa está disposta a processar a Xunta da Galiza por danos patrimoniais se o projeto cancelado não for retomado ou não receber uma compensação económica.

1. Será que, nos termos do acordo CETA, o povo galego vai ser obrigado a indemnizar a empresa para proteger os solos, o ambiente e a saúde?

2. Não pensa a Comissão que a União Europeia deveria preocupar-se em manter a qualidade da água não permitindo que um povo seja prejudicado por querer protegê-la?

3. Será que os benefícios concedidos à empresa Edgewater merecerão mais proteção pública do que o direito das galegas e dos galegos a uma vida saudável?

----

RESPOSTA DA COMISIÓN:
Preguntas parlamentarias (Parlamento Europeo, Comisión)

4 de decembro de 2014, E-007767/2014

Resposta da Sra. Malmström en nome da Comisión



Ningunha empresa canadense pode actualmente invocar o Acordo Económico e Comercial Global (AECG) con Canadá para impugnar unha decisión referente ao seu investimento, nin presentar reclamacións por danos patrimoniais, dado que este acordo non está en vigor. O AECG entrará en vigor unha vez finalizasen os respectivos procedementos de aprobación por parte de Canadá e da UE. No caso da UE, requiren a aprobación do Consello e do Parlamento Europeo.

En calquera caso, os acordos de libre comercio, incluído o AECG, non modifican o dereito dos Estados membros a perseguir os seus obxectivos lexítimos de política pública, incluída a fixación de normas de protección ambiental. O AECG deixa claro que a UE e Canadá manteñen o seu dereito a lexislar para alcanzar obxectivos lexítimos en materias como a saúde pública, a seguridade, o medio ambiente, a moral pública e a promoción e protección da diversidade cultural. Isto significa que un investidor non pode recibir unha compensación por lucro cesante, perda de beneficios ou custos sufridos.

xoves, 8 de xaneiro de 2015

Edgewater perde os dereitos mineiros de Corcoesto


A lei de acompañamento aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, prevé a caducidade dos dereitos mineiros cando se denegue a autorización de explotación.

A publicación o pasado día 30 de decembro no Diario Oficial de Galicia da lei 12/2014, de 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, supón un novo e duro golpe para as pretensións da empresa canadense Edgewater e a súa filial, Mineira de Corcoesto, sobre a explotación da mina de ouro no Concello de Cabana de Bergantiños.

Esta lei de acompañamento aos orzamentos da comunidade autónoma de Galicia, recolle unha modificación da lei 3/2008 de ordenación da minaría de Galicia, á que engade unha disposición transitoria segunda que remata definitivamente coas expectativas de Edgewater sobre o proxecto mineiro de Corcoesto.
Nesta nova disposición  recóllese que as concesións mineiras reguladas pola Lei da minaría de 1973, ás que se lle denegue a autorización de explotación por calquera das causas legais, determinará a caducidade dos dereitos mineiros correspondentes. Ademais prevé a súa aplicación retroactiva no caso de resolucións denegatorias de autorizacións de explotacións ditadas con anterioridade á entrada en vigor desta lei.
 Isto resulta de aplicación directa para Mineira de Corcoesto, cuxo proxecto para a explotación aurífera das concesións Emilita, Ciudad de Masma e Ciudad de Landró, reguladas pola lei de minas de 1973, foi denegado ante a forte oposición social ao mesmo, por resolución da Consellería de Economía e Industria de data 11 de marzo de 2014, debido a falta de garantías técnicas e económicas.
Esta modificación lexislativa fai que Mineira de Corcoesto e a canadense Edgewater perdan definitivamente os dereitos mineiros que ostentaban sobre dos montes de Corcoesto e imposibilita, para tranquilidade da veciñanza da comarca, que poida presentar no futuro outro proxecto de explotación de ouro na zona.
Agora correspóndelle á Consellería de Economía e Industria incoar de oficio o procedemento de caducidade dos dereitos mineiros e a cancelación da súa inscrición no Rexistro Mineiro de Galicia, solicitude que tamén vai presentar por escrito a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños para asegurar a tramitación, canto antes, deste procedemento de caducidade.