O Principado de Asturias rexeita definitivamente o proxecto mineiro de Asturgold en Tapia de Casariego



Desde a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños congratulámonos pola vitoria do colectivo Oro No, compañeiros de loita contra a minaría. Reproducimos, traducida ao galego, a nota de prensa enviada por Oro No aos medios de comunicación:
A Plataforma ORO NO quere mostrar a súa ledicia e satisfacción pola decisión do Principado de Asturias, a través da Comisión de Asuntos Medioambientais (CAMA), de emitir unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) desfavorable para o proxecto de Asturgold en Tapia de Casariego.
ORO NO entende que non cabía outra opción máis que rexeitar o proxecto de Asturgold por non cumprir a normativa e ser inviable medioambientalmente, como quedou acreditado por informes técnicos e legais, entre eles, os da Confederación Hidrográfica do Cantábrico.
Por outra parte, con esta decisión, respéctase o sentir maioritario da poboación, que vía neste proxecto unha ameaza ao seu entorno, non só ao medioambiente, senón tamén aos seus medios de vida: turismo, gandaría e pesca e agricultura.
ORO NO espera que esta decisión teña un efecto disuasorio sobre calquera outro futuro intento de extraer o ouro nun entorno que, dadas as súas especiais características non pode asumir unha explotación mineira deste tipo.
Aínda que esta decisión da CAMA pode significar un punto e final no que se refire ao proxecto de Asturgold, aínda quedan temas que pechar, como por exemplo a caducidade das concesións mineiras, que ORO NO considera caducadas e sen efecto. ORO NO seguirá traballando neste e outros temas pendentes para tratar de que non se produzan máis iniciativas de explotación mineira na zona.
Por último, ORO NO quere agradecer a tódalas persoas, organizacións e institucións que nos apoiaron nesta loita contra o proxecto de Asturgold, este éxito é grazas ao traballo de moita xente, cadaquén na medida das súas posibilidades. Todos xuntos lográmolo.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Edgewater perde os dereitos mineiros de Corcoesto

O Parlamento Europeo prohibe o uso do cianuro nas tecnoloxías mineiras