mércores, 24 de decembro de 2014

O Principado de Asturias rexeita definitivamente o proxecto mineiro de Asturgold en Tapia de Casariego



Desde a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños congratulámonos pola vitoria do colectivo Oro No, compañeiros de loita contra a minaría. Reproducimos, traducida ao galego, a nota de prensa enviada por Oro No aos medios de comunicación:
A Plataforma ORO NO quere mostrar a súa ledicia e satisfacción pola decisión do Principado de Asturias, a través da Comisión de Asuntos Medioambientais (CAMA), de emitir unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) desfavorable para o proxecto de Asturgold en Tapia de Casariego.
ORO NO entende que non cabía outra opción máis que rexeitar o proxecto de Asturgold por non cumprir a normativa e ser inviable medioambientalmente, como quedou acreditado por informes técnicos e legais, entre eles, os da Confederación Hidrográfica do Cantábrico.
Por outra parte, con esta decisión, respéctase o sentir maioritario da poboación, que vía neste proxecto unha ameaza ao seu entorno, non só ao medioambiente, senón tamén aos seus medios de vida: turismo, gandaría e pesca e agricultura.
ORO NO espera que esta decisión teña un efecto disuasorio sobre calquera outro futuro intento de extraer o ouro nun entorno que, dadas as súas especiais características non pode asumir unha explotación mineira deste tipo.
Aínda que esta decisión da CAMA pode significar un punto e final no que se refire ao proxecto de Asturgold, aínda quedan temas que pechar, como por exemplo a caducidade das concesións mineiras, que ORO NO considera caducadas e sen efecto. ORO NO seguirá traballando neste e outros temas pendentes para tratar de que non se produzan máis iniciativas de explotación mineira na zona.
Por último, ORO NO quere agradecer a tódalas persoas, organizacións e institucións que nos apoiaron nesta loita contra o proxecto de Asturgold, este éxito é grazas ao traballo de moita xente, cadaquén na medida das súas posibilidades. Todos xuntos lográmolo.


venres, 12 de decembro de 2014

Xornadas "As diferentes vías de acaparamento de terra na Galiza"

Onte finalizaron as xornadas "As diferentes vías de acaparamento de terra na Galiza", promovidas pola eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGE), Lídia Senra, e que contou no Parlamento Europeo en Bruxelas ca participación de 55 persoas representantes de distintos colectivos e organizacións que loitan pola defensa do noso territorio.
 
Momento das Xornadas

Nelas levouse a cabo unha exposición das problemáticas e metodoloxías de artellamento de loitas vinculadas á resistencia contra os proxectos mineiros, na que interviñeron:
  • Francisco García Trigo en representación da nosa Plataforma, falando da loita contra a empresa canadiense Edgewater  en Corcoesto, que pretendía sacar adiante unha mina de ouro a ceo aberto que afectaría directamente a tres parroquias: Corcoesto (Concello de Cabana) Valenza e Cereo (Concello de Coristanco).Cunha poboación total directamente afectada duns 1000 veciños, polo que esta actividade medioambientalmente inviable afectaría a un entorno fortemente humanizado. A mina destruiría un total de 800 Ha de monte arborado, chegando a profundidades de 300 m, coa conseguinte alteración da capa freática e posible desaparición de tódalas fontes de auga das que se abastece ata o 80% da veciñanza. O proxecto, que pretendía empregar  1,5 Tm diarias de cianuro de sodio, xeraría ademais residuos que se contabilizan por millóns de Tm, das que 17 millóns serían residuos contaminantes, e 800 mil Tm deles lodos contaminados con cianuro.
  • Marga Prieto, da Comisión contra as Minas da Terra Cha, explicou o proxecto que, dende hai 8 anos, ameaza a 5700 Ha da Terra Cha, para extracción de cuarzo, comprometendo unha actividade agrogandeira que historicamente permitiu saír adiante a miles de familias, que é sostible e durable no tempo, con centos de persoas mozas que están facendo cursos de formación e realizando proxectos de incorporación á actividade agraria e gandeira, totalmente comprometidas por unha actividade extractiva moi limitada no tempo. Destacou a falta de participación pública, e a importancia da organización veciñal dende o principio para parar ata hoxe o proxecto,  e tamén o salto que se deu na loita contra a minería en Galiza  cando os colectivos afectados de moitas zonas de Galiza se poñen en contacto e se articulan na Rede ContraMINAcción.
  • Violeta Núñez, en nome da Asociación Socio-Cultural O Iríbio de Triacastela, que deu conta do grave conflito social xerado pola empresa Cementos Cosmos, situada con total impunidade nos espazos naturais protexidos que forman parte da Rede Natura 2000 - no LIC Ancares-Courel-, no tramo do Camiño de Santiago que foi declarado Primeiro Itinerario Cultural Europeo pola Unión Europea e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, e sobre o xacemento arqueolóxico da Cova de Eirós. Violeta subliñou outra agresión non menos importante: o acaparamento de terras e os efectos na agricultura que implica esta explotación mineira Na área acaparada por esta empresa ubícanse as casas de máis de 200 persoas que poderían ser expulsadas en calquera momento, e existen máis de 50 explotacións gandeiras tradicionais, principalmente de gando bovino.
  • Dende SOS Caurel, Orlando Álvarez, que denunciou "a proliferación indiscriminada de canteiras e proxectos de canteiras por todo o espazo natural e a súa contorna inmediata, a plantación indiscriminada de miles de hectáreas de monocultivos de especies forestais pirófitas, resinosas e alóctonas, destruíndo especies e hábitats e propios". Mais O Caurel tamén está ameazado por grandes infraestruturas,  "a construción de estradas en Rede Natura 2000, sen a correspondente avaliación ambiental ou cunha deficiente avaliación ambiental".
  •  Beatriz Fervenza, da Plataforma Cidadá contra a Autovía de Redondela, que se centrou na construción de 2 viais da A- 57 e da A- 59, que  suporía a convivencia de 3 viais de alta velocidade en menos de 10 Km de radio. Dende esta plataforma demandan a paralización destes proxectos, en prol dun transporte público de calidade, e "a descentralización dos servizos,  acercándoos á cidadanía, o que tería un custo económico  menor e sería máis sostible dende o punto de vista medioambiental, ademais de reducir considerablemente os problemas de tráfico"
  •  Claudio Quintillán, da Organización Galega de Mancomunidades de Montes, que lembrou na súa intervención  que "os montes comunais son indivisibeis, inembargabeis, inalienabeis e imprescriptibeis, e pertencen aos veciños e veciñas habitantes dunha parroquia ou lugar". Quintillán subliñou que, "aos problemas que xa  había ata o de agora, temos que engadirlle os xerados polas liñas eléctricas, gasodutos, antenas de comunicación, canteiras, explotacións forestais, eólicos, polígonos industriais, autoestradas, tren de alta velocidade, ocupacións por parte da administración...Ademais, "os poderes políticos  modifican ou aproban novas normativas como a actual Lei de Montes de Galiza, o Decreto sobre Minaría, favorecen os denominados "cultivos enerxéticos, etc.".
  •   No nome das comuneiras e comuneiros de Monte Cabral interveu Antonio Carrera, que deu conta da forte presión urbanística á que están sometidos os montes das parroquias limítrofes ca cidade de Vigo. A día de hoxe enfróntanse á tentativa de arrebatarlles as terras para construír un centro comercial, "pero logramos que un 90% das comuneiras e comuneiros votaran e parouse", contou. "Sen embargo, ao día seguinte o alcalde de Vigo saíu na prensa dicindo que seguía adiante co proxecto." Respecto a Porto Cabral, Carrera di que está latente ata que pasen as eleccións municipais. "A nosa idea é que Cabral, como pasa noutras zonas da costa, sexa un modelo de parroquia semirrural, cun pé na cidade pero acordándose do campo e tratando de dar un servizo medioambiental á cidade", reivindicou.
  • Pola asociación "Salvemos A Fracha", que naceu da unión dun grupo de veciños e veciñas contra o proxecto A57 -un novo corredor na provincia de Pontevedra-, paralelo á  autoestrada AP-9,  falou María Blanca Barrio, quen sinalou que "o tramo que se está a licitar, despois de máis de cinco modificacións do trazado, perde o seu sentido orixinal (que era o de circunvalar a cidade de Pontevedra) e conleva serios defectos de funcionalidade e de forma." Aliás, resaltou, "está proxectado case nun continuo talude, que non só rompe o monte mendioambiental e paixasisticamente, senón que afecta aos usos de esparcemento e lecer que a veciñanza da comarca fai del, a máis de separar as parroquias de Vilaboa, Figueirido, Bértola, Tomeza e Marcón do seu monte comunal ó dificultar o uso das vías naturais e de comunicación e servizo apoderándose dunha gran parte do monte."
  • Da acaparación dos montes para a construción de parques eólicos falou Mariano Pazos. "Na zona da Baña e Santa Comba estase instalando un parque eólico, na parroquia de Cabanas, monstros de cen metros de alto que, ademais, contaminan dende o mesmo momento da súa instalación, xa que os postes están feitos con resinas derivadas do petróleo, ao que hai que engadirlle a contaminación de terras e augas polo verquido de grandes cantidades de formigón". Pazos destacou tamén que, ao igual que adoita pasar para a construción doutro tipo de grandes proxectos, "fano todo ás caladas, van negociando casa por casa dicíndonos que ao outro veciño vanlle pagar menos, e buscan que non esteamos unidos".
  • Dende a Comarca da Limia, José Manuel García, denunciou a acción destrutiva do sistema de embalses de purín da empresa Coren, que "supón a destrución dos sistemas agrarios locais da Limia, Coren arrasou cunha comarca fundamentalmente agrícola e gandeira, inundándoa cas balsas de purín derivadas das súas macrogranxas de polos e porcos. Na actualidade, a maioría das terras da Limia están sendo empregadas para absorber o purín das balsas de Coren." García sinalou tamén que "malia a que é a propia empresa a que lle di á xente que tecnoloxía teñen que empregar e logo cando teñen problemas co purín dinlles que o solucionen eles."
  • Por parte do Sindicato Labrego Galego, a súa Secretaria Xeral, Isabel Vilalba, destacou que vivimos "un proceso xeneralizado no que se pretende poñer en mans do Capital e da industria todo tipo de bens", e criticou "a nivel galego e europeo hai un desprezo total pola terra, polos sistemas agrarios tradicionais, polos nosos empregos e medios de vida." Salientou que na Galiza temos tan só un 24% de superficie agraria útil, unha das medias máis baixas de toda a UE.  A Secretaria Xeral do SLG incidiu tamén en como publicamente arguméntase sempre os postos de traballo que supostamente conlevarían certo tipo de proxectos nocivos para a terra e o territorio, nembargantes, nunca se pon en valor o feito de que en actividades agrarias e gandeiras "hai máis de 122.000 empregos recoñecidos no Plan de Desenvolvemento Rural de Galiza, e iso que óbviase por completo o autoconsumo e outro tipo de actividade vinculada á agricultura e gandaría que xeran beneficio económico para a poboación".  
  • Dende Alternativa Galega de Esquerda, o deputado Antón Sánchez debullou algunhas das modificacións lexislativas que o Partido Popular está a promover nestes momentos na Galiza chamando a atención no feito de que "a lexislación aprobada e en vías de aprobación nesta lexislatura ten como obxectivo fundamental facilitar a entrada á explotación de recursos dentro do solo rústico", a día de hoxe o 90% do solo galego. "E, completamentariamente, están lexislando tamén para eliminar a capacidade da cidadanía para decidir sobre a terra." En relación ás explotacións mineiras, sinalou tamén que estase a modificar a lei "para legalizar todas as existentes e dar entrada a novas explotacións mineiras na Rede Natura."
  • A eurodeputada de AGE Lídia Senra, promotora destas xornadas de denuncia do acaparamento de terras na Galiza, valorounas "moi positivamente", xa que "permitiron poñer en contacto persoas que loitan contra inimigos comúns ao longo de todo o país e, deste xeito, reforzar a unidade entre todas e todos nós." Por outra banda, denunciou novamente que "as avaliacións de impacto medioambiental, tal e como se están a facer agora, son unha coladeira" e reivindicou a necesidade de que a Comisión faga valer esta ferramenta con seriedade, "ten que deseñar instrumentos para verificar que están facendo os gobernos correspondentes en cada momento cando dan unha avaliación por boa".

luns, 8 de decembro de 2014

Participamos nas xornadas: "As diferentes vías de acaparamento de terra na Galiza", en Bruxelas

A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños intervirá no Parlamento Europeo os días 10 e 11 de Decembro
A nosa Plataforma foi convidada por Lídia Senra, Deputada da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, integrada no GUE/NGL, a participar nunhas Xornadas no Parlamento Europeo os días 10 e 11 de Decembro  co título de  “AS DIFERENTES VIAS DE  ACAPARAMENTO DE TERRA NA GALIZA”.

Esta iniciativa pretende levar a Bruxelas as diferentes formas de acaparamento da terra en Galiza, e dar a coñecer as loitas que en diferentes puntos do país se están levando adiante para impedir a apropiación das terras e dos montes por empresas de todo tipo ou para grandes infraestruturas pensadas en función dos seus intereses. Calquera actuación sobre a terra debe ser a de manter a prioridade de producir alimentos e sustentar o dereito do noso pobo a Soberanía Alimentar.
A actividade consistirá nun encontro no que persoas dos diferentes  colectivos explicarán como afecta o proxecto contra o que están loitando á terra ou os montes, ben sexan proxectos mineiros    (Corcoesto, Triacastela, A Limia, O Courel,......), ou de especulación urbanística, grandes infraestruturas, forestación de terras agrarias, eólicos, montes veciñais en man común coa lexislación vixente, así como as modificacións lexislativas ao respecto na Galiza.

venres, 5 de decembro de 2014

"Los Soprano"

Deixámosvos aquí os vídeos da última intervención no Parlamento galego do deputado de AGE, Antón Sánchez, en relación ao proxecto mineiro de Corcoesto.
No primeiro deles vemos como Antón Sánchez pide ao conselleiro de Industria, Francisco Conde, que aclare se son ou non verdade unhas supostas declaracións do director do Igape, Javier Aguilera, transcritas dunhas gravacións feitas pola empresa Mineira de Corcoesto, e incluídas no recurso de reposición presentado por esa empresa.
Nestas supostas declaracións o director do Igape afirmaba ter avalado o proxecto da mina a ceo aberto en Corcoesto durante unha cea coa empresa e antes de coñecer o proxecto.
 

Neste outro, e diante da falta dunha resposta clara por parte do Conselleiro, Antón Sánchez acúsao de "irse polos cerros de Úbeda". 
O deputado remata dicindo que "...isto non é Salsa Rosa nin Sálvame de Luxe, é Los Soprano", en clara alusión aos aparentes trapicheos habidos entre empresa e Consellería. 






xoves, 13 de novembro de 2014

Presentación da "Guía para o descenso enerxético


 Nova actividade pública da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños

O Domingo 16 de Novembro ás 11 h. no Local social de Corcoesto (escola de Cures) presentamos a “Guía para o descenso enerxético, preparando unha Galiza pospetróleo" da Asociación Véspera de Nada, baixo a denominación:

Volta ao rural: Cómo sobrevivir ao fin da era da abundancia?
A Guía presentarase na escola de Cures


A presentación da mesma correrá a cargo de Xoán R. Doldán, natural de Ponteceso, profesor de Economía Aplicada da USC, coautor da guía e presidente da Asociación Véspera de Nada.
Na mesma abórdase que a civilización industrial afronta o seu colapso a causa da queda irreversible da súa base enerxética principal: o petróleo. Non hai enerxía que poida substituír o petróleo a tempo e na escala precisa para seguir termando da sociedade de consumo capitalista. Galiza, despois dun proceso recente e incompleto de industrialización, atópase con que ese modelo económico e social está a deixar de ser viable, e debe volver de novo a súa ollada ao rural para buscar a súa única riqueza real. 
Esta Guía presenta unha explicación das transformacións sociais que xa están en marcha, e que van supoñer a fin da Era da Abundancia e do Crecemento, ao tempo que ofrece un amplo conxunto de recomendacións acerca do que podemos ir mudando cada galega e cada galego nos terreos da nosa economía, do consumo enerxético, do transporte, da alimentación, da saúde, da vivenda e da educación para non só sobrevivirmos ao colapso do petróleo, senón para construírmos unha Galiza que teña un futuro mellor despois do petróleo.

martes, 28 de outubro de 2014

II Encontros galegos sobre os impactos da minaría

Os II Encontros galegos sobre os impactos da minaría celebraranse nesta ocasión en Lugo.
Neles participará un membro da nosa Plataforma, Paco García Trigo. 
Aquí podedes ver o cartaz co programa do evento:

Cartaz dos Encontros

Para máis información

luns, 27 de outubro de 2014

Mina de Mongolia Massive pon en perigo a augua dos nómades e o seu sistema de vida.


A compañía Río Tinto, xigante da minaría, xestiona a mina mongola de Oyu Tolgoi, o maior depósito de cobre do mundo e un xacemento de especial importancia estratéxica. A compañía anglo-australiana, que xa se viu no punto de mira das críticas a causa de cargos por contaminación ambiental nos seus proxectos mineiros de Indonesia e Papúa Nova Guinea, volve a poñer en risco o medio ambiente, esta vez en Mongolia.
Os habitantes do lugar temen que a explotación mineira poña en risco as súas reservas de auga para o futuro. 
Aspecto da mina de Oyu Tolgoi

Os acuíferos veranse alterados debido ás inxentes cantidades de auga requiridas para o procesado dos minerais. Un panorama que provoca o desasosego na poboación do lugar, por medo a que a explotación mineira poña en risco as súas reservas de auga para o futuro, e o seu modo de vida tradicional.

sábado, 25 de outubro de 2014

Edgewater lanza globo sonda para ocultar a súa extrema debilidade


Edgewater e Mineira de Corcoesto lanzan un globo sonda para ocultar a súa extrema debilidade financeira.

  • As contas anuais do 2013 de Mineira de Corcoesto revelan o incumprimento da normativa contable española por non amortizar os activos intanxibles.
  • O rexistro contable dunha única cota de amortización destes activos por parte de Mineira de Corcoesto, S.L., situaría á empresa en causa de disolución obrigatoria prevista na Lei de Sociedades de Capital.



A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños considera o anuncio das negociacións de Edgewater cun grupo empresarial español para retomar o proxecto mineiro de Corcoesto, un globo sonda para ocultar a súa extremada debilidade financeira e tratar de mellorar as perspectivas de cotización da empresa cuxo valor en bolsa está afundido desde outubro de 2013, cando o Presidente da Xunta anunciou no Parlamento a paralización definitiva do proxecto por incumprir as garantías técnicas e económicas. A capitalización en bolsa da matriz canadense continúa, despois do anuncio feito público o día de onte, en niveis mínimos históricos, o que determina a falta de credibilidade que esta nova xera dentro dos potenciais inversores.
Bernardo Tahoces afirma que a tramitación do proxecto está "concluída"
Por outra banda, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, considera totalmente falso que Mineira de Corcoesto poida retomar e continuar o proxecto mineiro de Corcoesto -consiga ou non un socio financeiro- toda vez que a tramitación do proxecto mineiro está “concluída”, segundo palabras do propio director xeral de Industria, Ángel Bernardo Tahoces. Calquera intento de sacar adiante o proxecto pasaría necesariamente pola presentación dun novo proxecto que tería que seguir a tramitación administrativa necesaria con exposición pública e fase de alegacións ao mesmo por parte dos cidadáns e afectados. Polo tanto este comunicado vén de confirmar que Edgewater e Mineira de Corcoesto continúan coa súa coñecida estratexia de manipulación, enredo e engano á cidadanía e mesmo aos inversores.

En relación á situación financeira, despois de analizar as últimas contas presentadas e consultados diversos expertos na materia, a Plataforma considera que Mineira de Corcoesto, S.L. incumpre a normativa contable española que obriga a amortizar os activos intanxibles recoñecidos no activo do balance. En consecuencia, as contas anuais non reflectirían, de acordo coa normativa, a verdadeira situación económica e financeira da empresa. Concretamente, segundo explica a empresa nas últimas contas anuais presentadas no rexistro mercantil, os activos intanxibles contabilizados ascenden a 11,5 millóns de euros que se corresponden cos custes de exploración, avaliación e desenvolvemento do proxecto mineiro de Corcoesto. Estes custes activados deben amortizarse, é dicir imputarse á conta de resultados nun prazo de cinco anos, o que determinaría que Mineira de Corcoesto debería ter contabilizado como gasto no 2013 un importe que superaría os dous millóns de euros. Isto provocaría automaticamente que a empresa pasase a ter uns fondos propios negativos, entrando así de cheo na causa de disolución obrigatoria prevista no artigo 363 e) da lei de sociedades de capital.

Nas contas anuais tampouco se rexistra, en contra da opinión dos expertos, ningún deterioro do valor dos activos intanxibles derivado da negativa resolución da Xunta de Galicia que impide a explotación do xacemento. Tampouco na memoria hai ningunha referencia a isto como un “feito posterior a peche das contas” -tal e como contempla a normativa contable- no que se debería indicar a incidencia que sobre as contas anuais ten a citada resolución negativa da Xunta de Galicia. A contabilización deste deterioro ou a explicación da incidencia da resolución administrativa nas contas anuais, suporía, a xuízo da Plataforma, un acusado empeoramento da situación económica e financeira, tanto da filial, Mineira de Corcoesto, como da súa matriz Edgewater.

Outro extremo que acredita a extremada e delicada situación financeira é que o activo corrente da empresa, que ascende a 510.099,96 euros, é moi inferior ao pasivo corrente (débedas a curto prazo) que ascenden a 12.086.952,55 euros o que determina que a empresa non ten ningunha capacidade de facer fronte ás débedas a curto prazo. Esta constitúe a causa típica de concurso de acredores, manifestada pola incapacidade de facer fronte ás débedas esixibles a curto prazo.

Por último, a Plataforma indica que estará atenta a calquera movemento de Edgewater e que vai continuar traballando para impedir que este despropósito de proxecto saia adiante en contra dos intereses dos cidadáns.

xoves, 16 de outubro de 2014

Non máis minas tóxicas en Europa! Campaña Bang! Ban Cyanide

Reproducimos o comunicado de prensa da coalición Bang¡ Ban Cyanide, da que facemos parte e que foi presentada simultaneamente o 29 de setembro en tódolos países que partillan a coalición, coincidindo coa audiencia ao candidato a comisario de Medio Ambiente da C.E., K. Vella, diante da Comisión ENVI do Parlamento Europeo:

Non máis minas tóxicas en Europa!

29 de setembro de 2014 As grandes minas de ouro ao descuberto están en alza en toda Europa. Isto é algo que a cidadanía da UE, en xeral, ignora, pero os metais utilizados nos computadores, dispositivos electrónicos e teléfonos móbiles teñen que vir dalgún sitio. A minería moderna mutila o  ambiente, produce contaminación por un longo período de tempo, utiliza grandes cantidades de produtos químicos altamente tóxicos como o cianuro e tamén, con frecuencia, despraza comunidades enteiras.

Somos unha coalición europea de organizacións non gobernamentais, grupos de acción e comunidades de Bélxica, Bulgaria, Finlandia, Francia, Grecia, Alemaña, Romanía, Eslovaquia, España (nomeadamente Galiza e Asturias), Reino Unido, República Checa e Turquía. Unímonos para loitar contra as minas tóxicas e a minería a base de cianuro en Europa.

Moitas das persoas involucradas nesta loita vivimos en zonas ameazadas por estas minas tóxicas. Nós, ademais de falar sobre a nosa ameaza común, estamos a propoñer unha solución común. A partir de exemplos en todo o mundo sabemos que a minería a base de cianuro afecta o medio ambiente e as persoas que viven preto, lonxe e moi lonxe. A partir de exemplos en todo o mundo, tamén sabemos que cando as persoas se unen, gañan. Isto é o que sucedeu recentemente en Eslovaquia, onde se prohibiu a minería a base de cianuro.
En agosto de 2014 puxemos en marcha en Rosia Montana (Romanía) unha campaña conxunta para prohibir o uso da minería a base de cianuro en Europa. En 2010 o Parlamento Europeo votara a favor de prohibir a minería a base de cianuro, debido aos inmensos riscos que supón esta tecnoloxía para a saúde humana e para o ambiente. Queremos converter ese voto nunha realidade, pedindo ao Sr. Karmenu Vella, candidato a Comisario de Medio Ambiente, que faga cumprir a resolución e actúe en consecuencia!


Sabemos que a minería industrial moderna é un proceso químico con risco, que non xera riqueza senón que contamina o medio, produce pobreza e dependencia. Tamén sabemos que desarraiga ás persoas e ás comunidades.

Cremos que Europa debe estar formada por comunidades fortes e saudables, cunha cidadanía que teña confianza no presente e no futuro.

Sabemos que as actividades extractivas e o cianuro están vinculados á corrupción e as decisións políticas impostas desde arriba.
Cremos que a verdadeira democracia prospera cando quen toman as decisións traballa para a xente e non polo poder e os beneficios.

Negámonos a aceptar que unha sustancia química tan velenosa como o cianuro se poida seguir utilizando en grandes cantidades na minería en toda Europa, nunha zona densamente poboada. O cianuro é altamente tóxico e pode levar rapidamente á morte. Unha cullerada dunha solución de cianuro ao 2% mata a un ser humano, e os sempre recorrentes accidentes mineiros mostran o seu impacto devastador.

Cremos que chegou o momento de esixir que os responsables europeos por fin tomen medidas e fagan que a minería a base de cianuro sexa algo do pasado.

Unimos forzas para facer que se aborde a dura realidade que supón a minería a base de cianuro, na audiencia do Sr. Karmenu Vella, o candidato a Comisario de Medio Ambiente. A través do contacto directo cos nosos Eurodeputados e Eurodeputadas, e as redes sociais, transmitimos a importancia de incorporar a prohibición da minería a base de cianuro na axenda do futuro Comisario.

As deputadas e deputados do Parlamento Europeo que se fixeron eco das nosas preocupacións interpelarán ao Sr. Karmenu Vella durante as audiencias que terán lugar o 29 de setembro.

O cianuro non coñece fronteiras e pedimos á xente con conciencia de toda Europa que se una a nós neste esforzo!

#pideaoequipodejuncker #prohibirocianuro nas #audienciasPE2014
#askteamjuncker #bancyanide #EPhearings2014

Organizacións membros da campaña europea Bang Ban Cyanide:


Para máis información, visita o blogue da campaña: bancyanide.eu

mércores, 18 de xuño de 2014

XORNADAS AGROECOLÓXICAS - VALENZA E CEREO



O próximo fin de semana temos o pracer de participar na I Xornada Agroecolóxica en Valenza e Cereo, 2 pequenas aldeas do concello de Coristanco. Serán dúos días intensos de debate e aprendizaxe sobre a soberanía alimentaria,a agricultura a pequena escala e a visión dunha labrega de produtos ecolóxicos de Galicia. Haberá comida de campo o sábado o mediodía e prácticas nas campos da zona onde Carmen nos mostrará todo o seu saber. 

TADES TODOS CONVIDADOS sexas de onde sexas só fai falla que nos avises. Inscricións 639 630 152

xoves, 22 de maio de 2014

Comunicado de prensa conjunto emitido 19 de mayo 2014

Asociación Veselývrch -  plataforma ORO NO - Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños


El pasado Sábado 3 de mayo de 2014 tuvo lugar en Mokrsko, República Checa, el festival DOBRÁ NÁLADA NAD ZLATO. El objetivo de este encuentro era el de dar las gracias a todas las 
personas implicadas en las luchas contra la mega minería en Mokrsko y cualquier otro lugar del  planeta. En el acto estuvieron presentes muchas figuras de relevancia local, nacional e 
internacional. En primer lugar socializamos, bailamos, cantamos y disfrutamos de un entorno  natural de gran belleza, junto al río Vlatva y a 40 km de la capital Praga. 
Durante el acto nos reunimos representantes de diferentes organizaciones que estamos en lucha contra este tipo de proyectos agresivos tanto en la república Checa (Association of citizens Veselývrch and Čechy nad zlato), España (Plataforma ORO NO, Contraminacción, SOS Laciana, Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños), Romania (SalvatiRosia Montana), Italy and Slovakia (Association of citizens Kremnica nad zlato). 
Todos pusimos de manifiesto que la verdadera calidad de vida de las personas no puede medirse en función de un proyecto de mina de oro, del precio del oro o de la bolsa de Toronto. 
De mucha mayor importancia nos parecen la calidad del entorno natural y social en el que las presentes y futuras generaciones viven. 

venres, 25 de abril de 2014

Documental "Rosa de Corcoesto"

"Dar voz ós veciños"  

Este foi o principal obxetivo de Xosé Bocixa e Manuel Vilas neste documental filmado en octubre de 2013.

"É un mini-documental sobre oconflicto en torno ó proxecto de unha macrominería de ouro a ceo aberto que foi filmado en octubre de 2013, inmediatamente despois de que a Xunta comunicase que desestimaba, polo de agora, o proxecto presentado por Edgewater", explican ambos.

Xosé Bocixa - Guión, Edición e Realización.
Manuel Vilas - Guión e Producción,

Se queredes coñecer un poco máis a realidade social do acontecido ó arredor deste proxecto non dudedes en votarlle unha ollada. Aquí vos deixamos o enlace.


 

mércores, 9 de abril de 2014

O Plan Director da Rede Natura incumpre a normativa comunitaria

Analizamos o recentemente publicado Plan Director da Rede Natura por parte da Xunta de Galicia, sinalando algúns aspectos importantes do mesmo que até agora non foran suficientemente explicitados.

O goberno da Xunta fachandea de que Galiza é a segunda comunidade autónoma en contar cun Plan Director da Rede Natura. O que non dí é que a outra Comunidade, A Rioxa, conta cun Plan Director de natureza substancialmente diferente ao aprobado por Galiza. 

Mentres en Galiza, o Decreto 37/2014 non contempla os obxectivos específicos e ordenación detallada dos niveis de protección e conservación dos LIC e ZEP, a norma da Rioxa inclúe como anexos os Plans de xestión e ordenación dos recursos naturais de cada unha das zonas especiais de conservación, e para cada unha delas detállanse as cuestións básicas de obxectivos estratéxicos e operativos, réxime de protección (coa regulación específica de usos e normativa), así como o programa de actuacións (co seu cronograma, orzamento e financiamento). 

 O EXCLUIDO TRANSMUTADO EN AUTORIZABLE POR PLAN DE RANGO AMBIENTAL INFERIOR. 

O réxime normativo relativo ás actividades extractivas a ceo aberto é perverso. Mentres no PDRN se contén unha exclusión paras as novas actividades (non para as existentes, que se consolidan, mesmo as ilegais) o propio PDRN remite o réxime de autorización a un Plan Sectorial de actividades extractivas (actualmente en trámite), instrumento de natureza non ambiental (dito plan sectorial non é outra cousa que un instrumento de planificación da política mineira), ou mesmamente á declaración dun concello como mineiro, ocorrencia da lei da minería de Galiza que permite que a Xunta poida declarar a un concello como mineiro (previa solicitude ao respecto do propio concello), o cal ampara, de acordo co Decreto 37/2014, a inaplicación do réxime de exclusión das minas a ceo aberto; exclusión para os concellos mineiros que carece de amparo normativo algún xa que a Lei 3/2008 da minería unicamente prevé para tales concellos medidas de apoio á adaptación das infraestruturas ás súas necesidades, de mellora ambiental e seguridade e de diversificación do tecido produtivo, pero en ningún caso habilita un réxime específico propio para tales concellos en relación co réxime de usos, prohibicións e exclusións da actividade mineira. 




De xeito que o Plan Sectorial de Industrias Extractivas vai amparar legalmente non só as actividades existentes (tamén as ilegais) e a súa ampliación, senón tamén as novas que se proxecten na Rede Natura, en calquera das Zonas (tamén na 1, aquela que o propio PDRN cualifica como da máxima protección). 

No dito Plan (do cal nada mais se soubo desde a exposición ao público do trámite ambiental) xa se anticipaba que mesmo na Rede Natura “algúns proxectos de extracción poden resultar mesmo beneficiosos para a biodiversidade ao proporcionar nichos ecolóxicos de calidade”. A cualificación fúnebre de nichos é ambientalmente apropiada para un Plan que considera a Galiza, toda ela, como unha mina, real ou potencial. 

De xeito que o PDRN remite ao Plan Sectorial tanto a legalización das actividades mineiras existentes na Rede Natura como a habilitación normativa para a súa ampliación e para a autorización de novos proxectos. Un Plan Sectorial que expresamente vai amparar tal actividade en TODA a Rede Natura. 

Ademais do PDRN e do Plan Sectorial, o terceiro instrumento normativo habilitador para a desfeita da Rede Natura mediante a autorización xeneralizada das actividades extractivas é a nova Lei do Solo (en trámite parlamentario na actualidade). 

En efecto, a proposta do PP de nova lei do solo supón a desregularización e uniformización do réxime de usos en solo rústico, ao establecer o mesmo réxime para todas as categorías de solo rústico, tanto se é especialmente protexido como se non. De xeito que é autorizable en rústico (tamén no especialmente protexido) o de “Actividades extractivas, incluída a explotación mineira, as canteiras e a extracción de áridos ou terras, así como os seus establecementos de beneficio”. E non só iso senón que inclúe unha disposición transitoria en virtude da cal se ampara a legalización das actividades extractivas existentes a 01/01/2003 así como a implantación de novas actividades remitindo tal autorización ao que dispoña, como non, o Plan Sectorial. 

Por último, e a maiores de todo o anteriormente exposto, o propio PDRN prevé (art. 26.2.b) a disposición terrorífica de que mesmo diante dunha avaliación ambiental negativa dun plan, programa ou proxecto en Rede Natura a Xunta pode autorizalo, ben sexa por “razóns imperiosas de interese público de primeira orde”, ben sexa por simples “razóns de índole social ou económica”. Para tal réxime excepcional o PDRN invoca o art. 6.4 da Directiva 92/43/CEE e 45 da Lei 42/2007, pero “esquece” de precisar que o propio art. 6.4 da Directiva 92/43 precisa que “No caso de que o lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural e/ou unha especie prioritarios, unicamente poderanse alegar consideracións relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública, ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente, ou ben, previa consulta á Comisión, outras razóns imperioso de interese público de primeira orde ”. No mesmo senso, art. 45.6 da Lei 42/2007. E a Rede Natura está ateigada de hábitats naturais e especies prioritarios, onde non poden invocarse razóns sociais ou económicas (só as relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública, que non son, desde logo, as propias das actividades extractivas). 

En consecuencia, dito art. 26.2.b) do Decreto 37/2004 vulnera manifestamente tanto o art. 6.4 da Directiva 92/43 como o art. 45.6 da Lei 42/2007. 

Por todo iso, a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños e varias organizacións sociais implicadas na loita contra a megaminaría e contra a mina de Corcoesto anuncian que van denunciar este PDRN á Comunidade Europea, axuntándolle un extenso informe sobre o referido Plano Director da Rede Natura.

venres, 4 de abril de 2014

Festa popular 29 de Marzo en Corcoesto: POR UNHA VIDA SEN MINA

As AA.V. de Cereo, Valenza, Corcoesto e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños co gallo da comunicación oficial pola Xunta da paralización definitiva do actual proxecto da mina de Corcoesto, celebramos o pasado día sábado 29 un xantar lúdico festivo na emblemática Carballeira de Sta. Mariña ( Corcoesto) baixo a denominación: Polo rexurdir da Primavera e o amor á Terra Este acto constituíu un recoñecemento aos apoios recibidos na loita contra a barbarie que pretendía Edgewater co proxecto da mina de Corcoesto e que suscitou un rexeitamento social no noso país sen precedentes. Con certeza a empresa canadiana ou outra con máis potencial económico van seguir insistindo con outros proxectos semellantes, polo que a celebración desta vitoria non implica que baixemos a garda no futuro inmediato. Eis a pretensión do Alcalde de Cabana de incluír a mina no futuro PXOM do concello ou a insistencia por parte de Edgewater da vixencia da Declaración de Impacto Ambiental ou a negativa da Xunta a prohibir o uso do cianuro nas tecnoloxías mineiras. Deixamos algunha foto da festa


 

xoves, 3 de abril de 2014

Xornada informativa e divulgativa sobre a loita contra a megamineria - CORISTANCO

A Asociación galega Amarante Setem no marco do programa de educación para o desenvolvemento, Xanela Aberta. Asómate ao cambio, na súa edición número XIII, achegouse á comarca de Bergantiños para coñecer a labor desenvolvida pola Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños fronte á megaminería especulativa.

As actividades empezáronse ás 10:30 horas, no Edificio de Servizos Múltiples de Coristanco,  onde os colectivos Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Plataforma ORO NO, de Asturias, e Amarante Setem ofreceron unha xornada de encontro para coñecer e reflexionar sobre os impactos que a megaminaría especulativa ten sobre o territorio e as persoas.

Proxectouse o documental “A Rosa de Corcoesto” na que contaron coa presenza do seu director,  Xosé Bocixa, que acampañou ás intervencións de ORO NO e a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños.

Para rematar a xornada represetantes da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, guiaron ás persoas participantes nun roteiro organizado arredor da zona cero onde a empresa mineira Edgewater fixou os seus intereses especulativos.

Aquí vos deixamos un vídeo que recolle os mellores momentos do día realizado por Xosé Bocixa. 



martes, 11 de febreiro de 2014

Camiñada por Corcoesto xunto a Asociación cultural “Monte da Estrela” de Arteixo


Este sábado día 15 de Febreiro a Asociación cultural “Monte da Estrela” de Arteixo e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños organizan unha camiñada  que percorrerá a zona afectada pola proxectada mina  de Corcoesto.

A Asociación “Monte da Estrela” de Arteixo anima á participación da cidadanía nunha ruta de sendeirismo que percorrerá o perímetro das 770 Héctareas  afectadas pola proxectada actividade mineira. 
Será unha ruta circular que partirá as 10.30 da mañá da  Carballeira de Santa Mariña cun percorrido aproximado de 17 km. A realización da ruta permite apreciar  “in situ” toda a desfeita e contaminación que provocaría esta actividade mineira de extracción de ouro a ceo aberto.  

DATA: Sábado día 15 de febreiro de 2014
HORA: 9:00 de Arteixo
PREZO transporte: 8 € socio. 
12 € non socios.
PLAZAS LIMITADAS
Inscripcións: direccion@montedaestrela.org

MAPA DO PERCORRIDO DO ROTEIRO


Dende a A Asoción Cultural “Monte da Estrela” de Arteixo e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, animamos á participación nesta andaina como un acto máis de denuncia á pretendida instalación da mina. Especialmente convidamos aos xornalistas dos diferentes medios de comunicación para que coñezan “in situ” toda a área afectada.




sábado, 25 de xaneiro de 2014

Mesa redonda ”Minaría, Territorio e Sustentabilidade”

Auditorio de Carballo, 31 de Xaneiro ás 20 h.

Ana Miranda, grupo Verdes-ALE no Parlamento Europeo, ex eurodeputada.
Antón Sánchez, deputado no Parlamento Galego.
Xoán Doldán, profesor de Economía Aplicada na USC.



venres, 24 de xaneiro de 2014

O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Cabana de Bergantiños inclúe o proxecto mineiro de Corcoesto


A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños presentará alegacións ao PXOM de Cabana.

  • Advirte ao alcalde José Muiño que non vai consentir que se utilice o planeamento urbanístico para beneficiar á empresa mineira.
  • A reserva de solo no novo PXOM para o proxecto mineiro de Corcoesto é unha burla á poboación de Cabana.


Nos próximos días estudiaremos o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Cabana de Bergantiños cuxa aprobación inicial está a exposición pública durante o prazo dun mes, e presentararemos alegacións para defender o nivel de protección que teñen os montes de Corcoesto na actualidade, de solo rústico de especial protección forestal.

Dende a plataforma advetimos a José Muiño que non vamos consentir que a través do planeamento se actúe en contra dos intereses xerais dos veciños para favorecer a unha empresa mineira canadense, xa que coa cualificación urbanística que se contempla no documento de aprobación inicial, está facilitándolle a obtención de solo para levar adiante un proxecto mineiro que conta coa oposición total dos propietarios dos montes afectados e da maioría da poboación da Comarca de Bergantiños.

Con esta manobra, o alcalde de Cabana deixa ás claras unha vez máis que está ao servizo da empresa mineira e que actúa con evidente mala fe contra os intereses dos veciños, a pesar de ser consciente de que o proxecto mineiro non ten ningunha posibilidade de prosperar no futuro. Para nos, o feito de que no documento de revisión do PXOM se contemple un proxecto que foi rexeitado pola Xunta de Galicia, que conta cunha gran oposición social na Comarca e en Galicia, non pode ter outra lectura máis ca de que non comprende a realidade que o rodea ou simplemente pretende burlarse da cidadanía e dos seus votantes.

Para nos resulta manifestamente ilegal a cualificación “de sistema xeral” prevista no novo documento para o monte de Corcoesto, cando esta cualificación, segundo o artigo 165 da Lei de Ordenación Urbanística de Galicia, está reservada para “terreos dotacionais públicos que están deseñados ou previstos para o servizo da totalidade do municipio e, en especial, para implanta-las infraestruturas básicas do modelo de cidade”.

Resulta evidente que unha mina non cumpre cos obxectivos do solo que merece este tipo de cualificación, polo que se está retorcendo a normativa para favorecer a unha empresa mineira Canadense.

Na seguinte ligazón podedes consultar o plan Xeral mencionado:  Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Cabana de Bergantiños


xoves, 23 de xaneiro de 2014

A oposición veciñal á mina de Corcoesto viaxa ao Parlamento Europeo

O pasado 20 de Xaneiro unha representación da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e da Asociación Petón do Lobo viaxaron a Bruxelas para facer visible o grave impacto que a mina de ouro que se pretendía desenvolver en Corcoesto, tería sobre a comarca de Bergantiños e unha ampla zona dos Concellos da Costa da Morte [1]. 

Invitados pola Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, analizouse os graves impactos que o frustrado proxecto mineiro tería para a poboación, tanto no eido da saúde, como no ambiental, económico e social.

A Comisión examinou previamente o informe remitido pola Plataforma que foi elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela sobre a mobilización do arsénico en Corcoesto. Neste informe indícase que o proxecto subestima a mobilidade real do arsénico e en consecuencia minimízanse os efectos que este elemento químico altamente canceríxeno ten sobre a saúde da poboación e o medio natural. Nel tamén se pon de manifesto o incumprimento da lexislación comunitaria en materia de residuos mineiros. Malia todo, a empresa canadense Edgewater gábase de ter logrado da Xunta de Galicia unha Declaración de Impacto Ambiental positiva.

Deixamos un vídeo da intervención:





¿Que se consegueu?

Que a petición siga aberta, significa, que non se peche, e que polo tanto, a Comisión Europea como executivo comunitario, vai osbservar e garantir que non haxa vulneración da normativa comunitaria aplicable.



[1] No caso da Plataforma, un erro na comunicación por parte da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo imposibilitou que representantes desta organización puideran comunicar en prazo a súa asistencia e organizar a viaxe. En consecuencia, solicitaron a ex – eurodeputada Ana Miranda, que ten liderado en Europa a loita contra a minería contaminante, que interveña na súa representación.

[2] http://www.europarl.europa.eu/committees/es/PETI/home.html

venres, 10 de xaneiro de 2014

PLATAFORMA "ORO NO" CRITICA O ESTUDO DE IMPACTO AMBIENTAL DA MINA DE SALAVE

OURO NON CRITICA O NOVO ESTUDO DE IMPACTO AMBIENTAL DA MINA DE *SALAVE E ANUNCIA QUE SE MOBILIZARÁ PARA EVITAR UN “FRAUDE Á LEGALIDADE”

A plataforma Asturiana Oro No critica que o anuncio no BOPA do novo estudio de "Impacto Medioambiental" presentado por Astur Gold se faga en fechas navideñas, en concreto o 31 de decembro 

O documento tenta evitar os efectos negativos da Declaración de Impacto Ambiental e do Informe da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, ditados agora hai un ano, que impiden autorizar na súa integridade o proxecto mineiro de ouro en Salave.

OURO NON critica que a publicación deste novo trámite realizouse en plenas datas do Nadal e de modo case clandestino. É obvio que a publicación o 31 de decembro busca que pase desapercibida, en exercicio da peor tradición administrativa deste país. Doutra banda, non se notificou directamente aos centos de alegantes á mina, a pesar de pedir formalmente información respecto diso durante as últimas semanas.

Ademais, desde OURO NON se anuncia unha nova marea de alegacións en contra desta nova modificación da Avaliación de Impacto Ambiental e facendo un chamamento a toda a poboación asturiana para mobilizarse "en contra deste novo intento dirixido a amparar a un proxecto inasumible"

OURO NON insta a Confederación Hidrográfica do Cantábrico para que non ceda ás presións e manteña o seu correcto criterio sobre a mina de ouro.

Finalmente OURO NON reitera, unha vez máis, a súa intención de exercer todas as accións xudiciais necesarias para impedir que se consome un "fraude ambiental" de enormes proporcións e de consecuencias imprevisibles

mércores, 8 de xaneiro de 2014

Minería, Sociedade, Política e Consumo - Conversas

Aquí vos deixamos a conversa entre Emilio Menéndez, Carlos Taibo e Braulio Amaro que tivo lugar en Laxe o día 15 de decembro, un debate  sobre minaría, política, economía e sociedade a partir do caso de Corcoesto.

A grabación foi realizada por Cora Peña e o equipo do documental que se está a realizar sobre o proxecto mineiro de Corcoesto: "Tesouro de Corcoesto" . Máis info sobre este documental no seguinte enlace: http://www.corcoesto.com/http://www.corcoesto.com/