xoves, 31 de outubro de 2013

CAMPAÑA “Eu digo NON á mina de Corcoesto”.

A Xunta de Galicia acaba de rexeitar publicamente por segunda vez o proxecto da mina de ouro de Corcoesto, pero novamente, non o anula por razóns ambientais senón por cuestións financeiras. 

Nós continuaremos a nosa mobilización ata que se anule o proxecto e a súa declaración de impacto ambiental (DIA), aprobada no seu día pola Xunta. O noso obxectivo persegue que este tipo de minaría a ceo aberto que emprega o cianuro se prohiba, e non só en Galicia.

Esta campaña iniciada por Contramínate quere contrarrestar a da empresa Egdewater, co seu lavado de imaxe recente, na que pretende a licencia social da comarca de Bergantiños. 

Imos dar a cara, mostrar quen somos os que estamos en contra desta mina: as persoas, a veciñanza, o pobo en loita pola terra.

¿Cómo participar na campaña?

1º ) Descargade o cartel no seguinte enlace e imprimilo:  Descargar -->  

2º) Sacade unha foto con él onde se vexa só a cara. 

3º) Colgar esa foto no FB de Contramínate Conmigo ou no grupo de amigos de “Corcoesto: Non todo é brillo no ouro. Plataforma Pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños”

Axúdanos a espallar a causa!


mércores, 30 de outubro de 2013

Intervención da Plataforma no pleno de Carballo para pedir a súa oposición ó proxecto de Corcoesto

A loita continúa...


Onte Luns 28 de Outubro ás 20.30 h. a Plataforma Pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños intervío no Pleno do concello de Carballo para pedir o posicionamento do Concello contra a mina de Corcoesto. 


A platafoma liu un escrito informando ao Alcalde e a totalidade dos concelleiros e concelleiras do gravísimo impacto que a proxectada mina de ouro en Corcoesto terá na comarca de Bergantiños e en particular no Concello de Carballo, impactos referidos á saúde humana ( presenza de arsénico nun 46 % nas rochas obxecto da explotación), á economía agro-gandeira-forestal existente hoxe en día na comarca, ou a pesca, marisqueo e o turismo, os riscos derivados da explotación a ceo aberto e o uso das tecnoloxías mineiras con cianuro, a existencia perpetua da balsa de lodos e a balsa de cianuración cos enormes riscos que se derivarían dunha eventual ruptura das megabalsas previstas,......

Na intervención solicitouse o posicionamento do Pleno do Concello sobre os aspectos relacionados anteriormente e que polo tanto non teña lugar nunca a autorización deste tipo de minaría salvaxe, depredadora e destrutiva na comarca de Bergantiños. Tamén se instou ó Concello a que se dirixa ao parlamento Galego e á Xunta de Galicia para que se prohiba o uso das tecnoloxías mineiras baseadas no cianuro ou no mercurio, por seren altamente contaminantes para o medio ambiente e para a saúde das persoas.






mércores, 16 de outubro de 2013

A Comisión Europea continúa a investigación sobre a declaración de impacto ambiental da mina de Corcoesto.


  •     Incorpora ao expediente o informe sobre os niveis de arsénico en Corcoesto elaborado pola Universidade de Santiago.


  •      Indica que esixirá o pleno cumprimento da lexislación da Unión Europea en materia de medio ambiente.

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños remitira no mes de xullo á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo o informe “Potencial mobilización de arsénico nos materiais xeolóxicos e residuos mineiros de Corcoesto: Unha revisión crítica”, que foi elaborado polos profesores e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, Dr. David A. Rubinos, Dr. Rosa Devesa-Rey, Dr. Francisco Díaz-Fierros e a Dr. María Teresa Barral. Con base nese informe, a Plataforma solicitara ao Parlamento Europeo que procedese á revisión da declaración de impacto ambiental por vulnerar a normativa europea en materia de avaliación ambiental de proxectos, e que se instase ás autoridades sanitarias españolas a realizar os estudos epidemiolóxicos á poboación da contorna recomendados no informe científico.

Agora, a Plataforma acaba de recibir unha comunicación na que se lle indica que a Comisión Europea incorpora o informe científico da Universidade de Santiago ao expediente de investigación que sigue en relación á declaración de impacto ambiental do proxecto mineiro, e que solicitará información ás autoridades españolas sobre as cuestións que figuran no mesmo. O obxectivo da investigación é o de garantir o pleno cumprimento da lexislación da Unión Europea en materia de medio ambiente, incluídas as disposicións da Directiva sobre residuos da minaría, da Directiva Marco sobre a Auga e da Directiva sobre hábitats, por atoparse a proxectada mina de ouro de Corcoesto a 140 metros do Lugar de Importancia Comunitaria, río Anllóns.

A Plataforma recorda que o informe científico da Universidade de Santiago, cuestiona de cheo o estudo de impacto ambiental realizado pola empresa mineira canadense Edgewater e bota por terra a declaración de impacto ambiental, pola total falta de rigorosidade na estimación do impacto que terá sobre a poboación a liberación dos altos contidos de arsénico existentes no solo de Corcoesto.

Os investigadores indican no informe, que o método empregado por Edgewater para calcular os vertidos de arsénico ao medio natural non é válido, por non ser un método de referencia na Unión Europea, e porque subestima a mobilidade real deste elemento químico altamente prexudicial para a saúde. Inciden en que non se tiveron en conta os riscos potenciais para o medioambiente e a saúde pública da poboación da comarca de Bergantiños, derivados da exposición ao arsénico que se vai liberar no caso de que se autorice a explotación da mina de ouro. Por este motivo recomendan tamén a realización de estudios epidemiolóxicos á poboación.

Por último, o informe científico resalta que a empresa mineira fai unha incorrecta clasificación dos residuos de lixiviación como “inertes non perigosos”, que vulnera a Directiva Comunitaria sobre residuos da minaría. Con esta incorrecta clasificación dos residuos, Edgewater pretende evitar o cumprimento dunha serie de requisitos moi estritos no que se refire á xestión de residuos e á política de prevención de accidentes graves, entre os que se inclúe a obrigatoriedade de establecer un plan de emerxencia que prevea a evacuación da poboación no caso de que acontezan este tipo de accidentes.


Todas estas cuestións serán investigadas agora pola Comisión Europea, dentro do proceso que sigue para verificar o cumprimento da legalidade na declaración de impacto ambiental outorgada pola Xunta de Galicia ao proxecto mineiro de Corcoesto.

luns, 14 de outubro de 2013

Asociación asturiana ORO NO denuncia á empresa mineira AsturGold


ORO NO DENUNCIA OS VERQUIDOS QUÍMICOS DOS SONDEOS DE SALAVE SOBRE UNHA SENDA COSTEIRA E O CAMIÑO DE SANTIAGO

Fotomontaje de la Plataforma ContraMina sobre el proyecto original de hace unos años, con una explotación minera a cielo abierto. El proyecto actual supondría abrir una galería

A asociación asturiana ORO NO presentou varias denuncias por posibles infraccións cometidas polas sondaxes que está executando AsturGold en Salave (Tapia de Casariego).

Entre outros motivos, ORO NO denunciou a Industria que as sondaxes se están efectuando infrinxindo claramente a autorización, ao estar traballando 24 horas e, por tanto, en horario  nocturno e tamén por ter vertido lodos con produtos químicos, pendentes de analizar, na senda costeira E-9 que é transitada por numerosos viandantes e peregrinos do Camiño de Santiago, tal e como se puido documentar.

Dado que é o concello de Tapia de Casariego o titular da senda costeira e o encargado do mantemento e conservación da mesma, a Asociación ORO NO ínstao a que defenda o patrimonio e os veciños de Tapia de Casariego e deixe de servir aos intereses privados dunhaempresa mercantil.

Estas actuacións da empresa deixan patente unha vez máis, incluso nestas
sondaxes simplemente preparatorias, o nulo respecto de AsturGold cara as leis, o medio ambiente e os veciños de Tapia e fainos temer o peor no caso de que sexan autorizados a levar a cabo a explotación mineira.

martes, 8 de outubro de 2013

Recollidos xa 160 apoios da comunidade científica para que a XUNTA prohiba o cianuro na minería

Durante as dúas últimas semanas a Sociedade Galega de Historia Natural e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños desenvolveron unha exitosa campaña entre o profesorado e a comunidade científica de Universidades e OPIs (Organismos Públicos de Investigación) para recabar apoios á petición de que se prohiban en Galicia as tecnoloxías mineiras que empregan cianuro, sumándose así á “Declaración de Berlín” e a resolución do Parlamento Europeo. 

 A petición recolleu 160 apoios da comunidade científica e universitaria, procedentes de 67 Departamentos pertencentes á 7 universidades e 9 OPIs. O texto da petición, acompañado da listaxe de asinantes, enviouse hoxe 8 de outubro por rexistro ao Presidente da Xunta de Galicia. 

 O obxectivo desta petición é evitar os gravísimos riscos medioambientais e para a saúde das persoas no caso de que se implementasen estas tecnoloxías nas explotacións auríferas proxectadas en Galicia, das que a máis adiantada é a mega explotación mineira de ouro a ceo aberto en Corcoesto (Cabana de Bergantiños) na que se pretenden empregar milleiros de toneladas de cianuro no proceso de extracción do ouro (ata 128 kg de cianuro por cada kilo de ouro). 

 Á vista do clamor social e co apoio significativo da comunidade científica, a Sociedade Galega de Historia Natural e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños pídenlle que a Xunta de Galicia que vostede preside prohiba canto antes o emprego das tecnoloxías mineiras a base de cianuro en Galicia e o teña en conta en todolos proxectos actualmente en tramitación, nomeadamente o de Corcoesto.

Texto da petición:


APOIO Á PETICIÓN DE QUE SE PROHIBA O USO DAS TECNOLOXÍAS MINEIRAS A BASE DE CIANURO EN GALICIA

Para garantir que a actividade mineira non comprometa o equilibrio e a dinámica dos ecosistemas e poña en perigo a biodiversidade e a saúde humana, cómpre previr e limitar o risco e os efectos nocivos de determinadas prácticas e técnicas mineiras. Tal é o caso das tecnoloxías de extracción do ouro empregando enormes cantidades de cianuro, unha sustancia química altamente tóxica, clasificada como un dos principais contaminantes no Anexo VIII da Directiva 2000/60, pola que se establece un marco comunitario en política de augas, e que pode ter un impacto catastrófico e irreversible na saúde humana, o medio ambiente e a diversidade biolóxica.

Nos últimos 25 anos, rexistráronse en todo o mundo máis de 30 accidentes importantes relacionados con verquidos de cianuro e non existe ningunha garantía real de que non volva producirse un accidente semellante, especialmente tendo en conta o incremento das condicións meteorolóxicas extremas, por exemplo, intensas e frecuentes precipitacións, tal como preve o Cuarto Informe de Avaliación do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático. En outubro de 2000, a “Declaración de Berlín” xa alertou expresamente á poboación respecto aos problemas de seguridade que existen cando se emprega o cianuro nos procesos de extracción do ouro.

Considerando que existen tecnoloxías alternativas ao uso do cianuro na minería, o Parlamento Europeo acordou mediante resolución de 5 de maio de 2010 pedir á Comisión “a prohibición completa do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro na Unión Europea antes de finais de 2011, xa que é a única forma segura de protexer os nosos recursos hídricos e ecosistemas da contaminación por cianuro procedente das actividades mineiras”. En resposta a esta demanda, algúns países da UE como Alemaña, Hungría e a República Checa xa incorporaron ás súas lexislacións a prohibición do uso do cianuro en minaría.

Por todo o cal,

1. Considero que o cumprimento dos obxectivos da UE en virtude da Directiva marco sobre política de augas, é dicir, conseguir un bo estado químico e protexer os recursos hídricos, así como a protección da diversidade biolóxica, só pode lograrse mediante a prohibición das tecnoloxías mineiras a base de cianuro;

2. Pido ao Goberno Galego que impoña unha prohibición total do uso de tecnoloxías mineiras a base de cianuro en Galicia antes de que finalice 2013, posto que é o único xeito seguro de protexer a saúde humana, os recursos hídricos e os ecosistemas fronte á contaminación por cianuro procedente das actividades mineiras.

luns, 7 de outubro de 2013

Apoiando a manifestación convocada polo Monte Pindo Parque Natural na defensa da nosa Terra domingo 6 de Octubre

A Plataforma Pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños estivo onte domingo día 6 de Octubre en Santiago apoiando a manifestación convocada polo Monte Pindo Parque Natural na defensa da nosa Terra.

Deixamos algunhas fotos do percorrido e o noso texto de apoio:


ARDE O QUE SERÁ…

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños acude a esta marcha pola defensa do territorio, invitada pola Asociación de Amigos do Monte Pindo, con ánimo de incendiar as vosas conciencias. Vimos crear un fronte común, prender a mecha da colaboración, meter lume a tanta indiferencia criminal de quen ainda non sabe que a terra é nosa.

Ardiu o Monte Pindo, Olimpo dos deuses celtas, que de habelos, estarán profundamente ofendidos. Os responsables desta desfeita teñen delito, un delito capital de arrogancia e atrevemento que no mundo antiguo chamaban hubris. Para a hubris, o castigo era eterno.

Esta arrogancia e atrevemento proponse queimarnos o futuro, desfacerlle as entrañas a Galiza, asfaltar a totalidade dos seus campos, extirparlle o rostro, borrarle os sinais de identidade. O mundo rural e mariñeiro, a esencia da Galiza, deberían ser fonte de traballo e riqueza, pero son arrasados pola desidia e o esquecemento, ano tras ano, cada verán. Ata cando seguiremos así? Que nos vai quedar tras esta queima sistemática? Ás novas xeracións, que lles imos deixar? Un legado carbonizado? Un horizonte de altos fornos sen oxíxeno, sen bosques, sen natureza?

Non queremos unha Galiza sen presente nin escapatoria.

Non queremos mirar con temor o corpo indefenso do noso futuro.

Paremos a destrucción da nosa terra!

Hoxe facemos un novo chamamento á sociedade galega para reclamar un cambio drástico na dirección das políticas das Consellerías de Medio Ambiente e de Industria.

Queremos que o noso goberno deixe de ver a Galiza como un campo de minas, como pasto para a especulación.

Aos que non souberon realizar a tempo o seu traballo, exixímoslles o cese inmediato!

Imos darlles á brasa ata logralo, imos lembrarlles de que madeira están feitas as nosas árbores autóctonas: esa madeira que non sabe de follas de expedientes.

Agardamos cambios, agardamos respostas en lugar de silencio administrativo.
Reclamamos dereitos en lugar de multas e sancións.

Ante a criminalización da protesta, responderemos con democracia e participación!







domingo, 6 de outubro de 2013

Mina de ouro Kittilä vs Corcoesto

A mina de ouro de Kittilä non é comparable coa que se proxecta en Corcoesto.

  - Kittilä ten unha extensión territorial superior a toda a provincia da Coruña e unha densidade de poboación de 0,76 habitantes por km2 fronte aos 53 habitantes por km2 que teñen os concellos de Cabana, Coristanco e Ponteceso.



A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños considera un insulto á intelixencia dos Bergantiñáns o intento de Mineira de Corcoesto de comparar a mina de ouro de Kittilä coa proxectada na parroquia cabanesa de Corcoesto.

 Kittilä é un municipio finlandés que conta cunha poboación de 6.125 habitantes repartidos nunha superficie de 8.263 km2, o que determina unha densidade de poboación de 0,76 habitantes por km2. Caracterízase por ser un concello cunha vasta extensión territorial improdutiva, superior á de toda a provincia da Coruña, moi baixamente poboada e sen ningún tipo de actividade económica, a parte do turismo.

Mina de Kittilä - Finlandia
 Pola contra, os concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso, afectados directamente pola mina de ouro proxectada en Corcoesto, suman en total 17.798 habitantes repartidos nunha superficie de 333,5 km2, o que representa unha densidade de poboación de 53 habitantes por km2.

 Polo tanto, a situación económica, produtiva, e de asentamento da poboación, responde a dúas realidades que nada teñen que ver, por moito que o Sr. Arechaga queira atopar similitudes que non existen, entre o Concello de Kittilä e o de Cabana de Bergantiños.

 Os concellos máis afectados polo proxecto mineiro de Corcoesto están densamente poboados en comparación con Kittilä, e neles desenvólvense multitude de actividades agrícolas, gandeiras e forestais nun entorno amplamente humanizado. Isto supón un uso intensivo do territorio por parte da poboación que é totalmente incompatible cunha actividade altamente contaminante coma a da minería de ouro a ceo aberto.

  A outra realidade da minaría finlandesa 

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños critica que non se informe á poboación da comarca sobre a realidade de outras minas finlandesas, como a mina Orivesi ou a mina Talvivaara, que provocaron graves problemas ambientais motivados por vertidos con altas concentracións de metais pesados ao medio natural, e que xeraron unha masiva contestación social en Finlandia.