sábado, 27 de xullo de 2013

Denuncia dos veciños por delito continuado contra o medio ambiente

As asociacións de veciños de Cereo, Corcoesto e Valenza presentaron no xulgado unha denuncia conxunta, asinada por 249 persoas, contra a empresa mineira por un presunto delito continuado contra o medio ambiente.

  • A denuncia tamén se dirixe contra o Concello de Coristanco, Augas de Galicia, Consellería de Economía e Industria e a Consellería de Medio Ambiente.
  • 77 vivendas quedaron sen auga como consecuencia dos traballos realizados ilegalmente por Mineira de Corcoesto.

As asociacións de veciños de Cereo, de Corcoesto e de Valenza, veñen de presentar unha denuncia conxunta no Xulgado de Carballo contra a empresa Mineira de Corcoesto, S.L., contra a súa subcontrata, Terratec Geotecnia y Sondeos, S.L., e tamén contra o Concello de Coristanco, Augas de Galicia, Consellería de Medio Ambiente e a Consellería de Economía e Industria, por un presunto delito continuado contra o medio ambiente.
A denuncia baséase na realización por parte da empresa mineira de Corcoesto, a través da subcontrata Terratec Geotecnia, de sondeos de exploración mineira e xeotécnicos nas cuadrículas mineiras que configuran o permiso de investigación Julia 2 e Julia 3, que se atopan en tramitación na actualidade. A empresa mineira non dispoñía, por tanto, de autorización administrativa para a realización deses traballos que se desenvolveron sen ningún tipo de control medioambiental en zona de dominio público hidráulico, co consentimento das administracións sinaladas.
Ademais do anterior, a empresa mineira tampouco dispón de autorización de Augas de Galicia para captación de auga do río Lourido, para o seu uso na  realización dos sondeos xeotécnicos necesarios para o cálculo da estabilidade das balsas de cianuración e lixiviación, que están fora do ámbito das actuais concesións mineiras de Corcoesto.
Como consecuencia deses traballos, setenta e sete vivendas da parroquia de Cereo quedaron sen abastecemento de auga para consumo humano, debido aos danos causados pola empresa mineira e a súa subcontrata, aos acuíferos soterrados que abastecían o manancial do Regueiro. Estes danos non foron reparados por parte da empresa, que non amosou interese algún en atender as reclamacións dos veciños afectados. Por este motivo, acoden agora á vía xudicial para facer valer os seus dereitos.
Por todo o anterior, solicitan ao xulgado que instrúa a denuncia presentada e que se condene ás empresas, e tamén ás administracións, pola pasividade e inactividade destas últimas ante estes feitos. Solicitan ademais que se proceda á reposición inmediata do abastecemento de auga e á indemnización aos propietarios das vivendas afectadas polos danos e prexuízos ocasionados.

venres, 26 de xullo de 2013

O ALCALDE DE CABANA DEBERÍA VELAR POLA SAÚDE DOS VECIÑOS

A Plataforma Pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños esixe ao Alcalde de Cabana que faga o seu traballo e que vele pola saúde dos veciños.
Desde o ano 2011 está consentindo que varios veciños de Corcoesto consuman auga contaminada con arsénico.
A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños esixe ao Alcalde de Cabana que en lugar de traballar para a empresa mineira, acudir a Bruselas coma un directivo máis da empresa, e de ir facer o ridículo á concentración convocada por esta fronte ao Parlamento galego, se dedique a facer o seu traballo como Alcalde dos veciños de Cabana.
Neste sentido recórdanlle ao Sr. José Muiño que algúns veciños de Corcoesto están bebendo auga contaminada con arsénico co seu coñecemento desde o ano 2011, concretamente das fontes de “as labradas”, “augalavada” e “augalavada 1”, que presentan uns niveis de arsénico segundo información que figura no control preoperacional de augas superficiais de Corcoesto, elaborado por Applus Norcontrol para a empresa mineira de 13,42, 83,06 e 14,87 ug/litro respectivamente, mentres que o límite para consumo humano é de 10 ug/litro. Acúsano de ocultar esa información á poboación afectada, consentido o seu consumo cos graves riscos que comporta para a saúde humana, pois trátase dun elemento altamente canceríxeno con outros múltiples efectos sobre a saúde.
Recórdanlle que a lei de bases de réxime local establece no seu artigo 25 que entre as súas competencias están as de abastecemento de auga aos núcleos de poboación e a de velar pola salubridade pública, competencias que parece descoñecer o Sr Alcalde pois como xa se indicou, desde o ano 2011 ten coñecemento de que varios mananciais de Corcoesto dos que se abastecen os veciños para consumo, están contaminadas con arsénico, pero non tomou ningunha decisión encamiñada a advertir dos riscos nin facilitarlle un subministro alternativo, incluso con cisternas de auga potable, como si teñen feito outros alcaldes en casos semellantes, como por exemplo o de Vila de Cruces.
Por último advírtenlle de que o seu proceder podería ser constitutivo dun presunto delito continuado contra a saúde pública co agravante de autoridade o que levaría consigo a inhabilitación especial para cargo ou emprego público.

venres, 19 de xullo de 2013

Solicitamos ó Parlamento Europeo que revise a Declaración de Impacto Ambiental.


  •   Remítelle á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo o informe científico da USC sobre o Arsénico.
  •       O informe elaborado polos profesores da USC Dr. David A. Rubinos, Dr. Rosa Devesa-Rey, Dr. Francisco Díaz-Fierros e a Dr. María Teresa Barral, invalida a Declaración de Impacto Ambiental.  
  •       Máis de 100.000 persoas quedarían expostas ao arsénico, un elemento altamente canceríxeno


A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños vén de presentar á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo o informe científico elaborado polos profesores da Universidade de Santiago Dr. David A. Rubinos, Dr. Rosa Devesa-Rey, Dr. Francisco Díaz-Fierros e a Dr. María Teresa Barral, que bota por terra o Estudo de Impacto Ambiental realizado pola empresa mineira sobre o proxecto de Corcoesto, e que, en consecuencia, supón a nulidade da Declaración de Impacto Ambiental que lle outorgou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

No informe científico ponse de manifesto que o método empregado por Edgewater para calcular os vertidos de arsénico ao río Anllóns non é válido nin é un método de referencia en Europa, xa que subestima a mobilidade real do arsénico presente nas rochas de Corcoesto e o seu impacto sobre a saúde dos veciños da contorna e sobre a ría de Corme e Laxe. Neste sentido o informe sinala que o método empregado pola empresa mineira é “claramente INSUFICIENTE e non debería ser aceptado considerando os riscos potenciais para o medioambiente e a saúde pública por exposición ao arsénico”. Entre os riscos para a saúde, no informe cítanse abundantes referencias bibliográficas que describen os graves efectos da exposición ao arsénico por actividades mineiras, como son o aumento de mortalidade por cáncer de pulmón, estómago e tracto respiratorio, entre outros efectos nocivos. Por este motivo e como consecuencia de que o po das voaduras para o arranque do material pode alcanzar un radio de máis de 30 km, máis de 100.000 persoas poden verse afectadas directamente polo arsénico.

Por outra banda, os investigadores cuestionan de cheo a clasificación dos residuos mineiros, cuestión esta que xa foi denunciada pola Plataforma en reiteradas ocasións. A empresa mineira clasifica os residuos de lixiviación como “inertes non perigosos” mentres que os investigadores da Universidade de Santiago de Compostela sinalan que esta clasificación non é correcta. Esta intencionada e incorrecta clasificación de residuos realizada pola empresa en conivencia coa Xunta de Galicia, vulnera a Directiva Comunitaria 2006/21/CE, e ten por obxecto evitar o cumprimento dunha serie de requisitos moi estritos no que se refire aos aspectos relativos á política de prevención de accidentes graves que se debe aplicar na xestión dos residuos de extracción. Pretende evitar tamén, a instauración dun sistema de xestión de seguridade e a posta en práctica dun plan de emerxencia interior no que se especifiquen as medidas que se deben tomar no caso de que acontezan este tipo de accidentes. Por outra banda, a Xunta de Galicia, estaría obrigada a elaborar un plan de emerxencia exterior que debe ser comunicado, xunto con un protocolo de actuación, á poboación afectada no caso de que ocorran accidentes graves.


En definitiva, a Declaración de Impacto Ambiental non se sostén, xa que as medidas correctoras quedan invalidadas por non terse avaliado axeitadamente os impactos do proxecto sobre a saúde da poboación e sobre o medio natural. En consecuencia, a Plataforma Pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños solicita ao Parlamento Europeo que proceda á revisión da Declaración de impacto ambiental por vulnerar a normativa europea en materia de avaliación ambiental de proxectos, e que se proceda á realización dos estudios epidemiolóxicos recomendados no informe científico a poboación da contorna.

xoves, 18 de xullo de 2013

PEDRA E RÍO

Un precioso escrito por Diego Cousillas Novo:

Pedra e Río. Se os nomes nos identifican, se expresan parte da nosa identidade e só somos nós mesmos cando coincidimos co que nos nomea, daquela Corcoesto é pedra e río. Corco. O que perdura. A pedra. Esto. O que flúe.  O Río. Son as nosas raíces celtas. As palabras da orixe. Permanecen innominadas. Un rumor que está aí desde sempre,  como a voz secreta dun río inscrita na pedra. Pedra e río en íntima coexistencia. Estes dous elementos, pedra e río, tamén conforman o noso carácter.  O das xentes de Corcoesto. Estamos feitos desa  pedra e dese río e sabemos resistir a erosión. Os nosos xestos poden resultar ás veces duros, pero hai un lento proceso de sedimentación que lles dá serenidade, confiamos na nosa razón e non somos facilmente maleables. Non nos imos deixar manipular con mentiras e promesas, nin co brillo sucio da publicidade dun ouro que relucirá pola súa ausencia se chegan a arrincalo das entrañas da terra.

Imos defender esta pedra e este río. E cada vez hai máis xente con nós, en Corcoesto. Se o censo non recolle este incremento de poboación nos nosos montes, é porque o señor alcalde de Cabana de Bergantiños só pode ver xente deprimida, pobre, sen vontade. Sérvese desa imaxe para vender un proxecto que consiste sinxelamente en vendernos. Pois nesa transacción non  vende só ouro. Véndenos a nós, a el mesmo… Porque para que a empresa canadense Edgewater leve o ouro de Corcoesto para especular con el na bolsa de Toronto é necesaria unha operación a ceo aberto que deixa un territorio canceríxeno e inhabitable e compromete as nosas vidas e a das xeracións futuras para sempre. Pero cada vez hai máis xente en Corcoesto. Xente de todas partes e mesmo algunha xente de ningunha parte está hoxe de parte de Corcoesto. Galicia enteira está en Corcoesto. Tamén Chucuit, etc están con nós, en Corcoesto. E non pasarán.

Dicía Hölderlín que “onde está o perigo, medra tamén o que nos salva”. Corcoesto é a día de hoxe unha das bandeiras da loita contra a megaminería en Galicia. Parte da batalla líbrase aquí. E o destino de moitas das localiades veciñas está directamente ligado ao destino de Corcoesto, pero tamén outras partes de Galicia. A propia empresa recoñece no permiso de investigación de Julia 2 que afecta ás localidades de Cereo e Valenza no concello de Coristanco, cal é o seu obxectivo é   facerse con todo o ouro de Galicia e podemos imaxinar o alcance da devastación:

 “EDGEWATER-RÍO NARCEA GOLD MINES S.L tiene como objetivo prioritario la obtención de los derechos mineros disponibles, tanto alrededor del Proyecto Corcoesto, como en otras zonas a lo largo del cinturón aurífero Malpica-Tuy, en las que se conocen numerosos indicios de oro y en algunos casos con recursos inferidos definidos, que por su reducido tamaño sólo podrían ser economicamente expltados en el caso de poder beneficiarse de una planta de tratamiento ya en funcionamiento y próxima” .

É o signo dos tempos: ver divisas onde hai vidas.  Ver resursos explotables onde hai riqueza natural: prados, carballeiras, fontes ás que a xente acude en romaría en busca dun milagre. Nós tamén. As fontes son o milagre. Pero o señor Muíño e o señor Feijoo dinnos que somos pobres, e que non podemos desaproveitar a ocasión de que outros se aproveiten da nosa riqueza ou da nosa pobreza.  O ouro é o noso pecado orixinal. E a lóxica do capital, néganos o dereito de vivir en paz e harmonía co medio. Pero nós atesouramos a luz dunha estrela no fondo dos nosos montes, e non imos permitir que a codicia dunha empresa estranxeira nos deixe na máis absoluta escuridade. Porque os verdadeiros tesouros desaparecen cando os desenterran. E é necesario manter dentro das pedras o ouro de Corcoesto, para que se faga visible o seu brillo nos toxos e das xestas, nas mimosas, nas searas, na tona dos carballos de Santa Mariña, na auga que descende en corgas polos prados e entra nas nosas casas... Como se pode dicir que non hai solidariedade, se lavamos as mans coa mesma auga?   Estamos unidos, aínda que non o saibamos. Temos nas nosas mans a salvación ou a condena. E ninguén se pode outorgar o privilexio de presentarse como inocente. Todos somos responsables dos nosos actos, e tamén temos unha responsabilidade cos que nos rodean.  Debemos comprometernos. Pode que a nosa memoria non alcance a nosa orixe. É un olvido pretérito. Pero onde onte había motivos para esquecer cando buscabamos a paz e a serenidade en Corcoesto, hoxe hai motivos para fundar unha memoria. Ata un simple lugar para enterrar aos mortos precisou para formarse na terra moito tempo. E precisa memoria para sobrevivir. Temos que ser consecientes de que nós somos os herdeiros e de nós depende o legado que deixemos aos nosos herdeiros. Por iso perseguimos aínda os pasos  borrados do neno que fomos en Corcoesto, e podemos descubrir que onde as nosas pegadas desaparecían continúan as do lobo … A fábula é posible. Depende de nós continuar a historia… Transformarnos en lobos onde se borra a nosa pegada para que se poida ouvir aínda o seu ouveo en Corcoesto ou deixar que nos devore.


Pedra e río. Iso é Corcoesto. A ameaza ten nome estranxeiro… Chámase Edgewater. E debemos estar alerta para que Corcoesto se poida seguir defendende coas súas palabras, que son Pedra e Río, pero tamén Esperanza, Dignidade, Valor… Se cadra hai palabras que xa nos veñen grandes de máis, como Patria ou Poesía. Pero non renunciamos a empregalas porque somos humildes. E esa humildade é fértil. Nese humus afundimos as nosas raíces, en busca da pedra e do río, do que permanece e do que se non se pode deter. O que Edgewater nos propón en lugar disto é un burato no mapa. Aínda que o recubran con céspede artificial e o presenten como un campo de golf con arcoiris e vacas.  Cando lle sacas a careta ao demo só hai un gran baleiro no que mirarse. E temos que estar alerta para que Corcoesto non acabe convertíndose en Edgewater…land. 

Grazas Diego!

martes, 16 de xullo de 2013

Feijoo vele polos intereses de Galicia e non polos de Canadá


A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, critica a visita do embaixador de Canadá Jon Allen a Galicia para actuar como lobby mineiro xusto no momento en que a Xunta decide paralizar o proxecto de Corcoesto, por non cumprir os mínimos requisitos técnicos, económicos e ambientais.

Para a plataforma non é de recibo que a mina de Corcoesto se poida empregar como moeda de cambio por investimentos ou colaboracións no eido naval, téxtil ou “curiosamente” no eido forestal, cando o que se pretende e arrasar con máis de setecentas hectáreas desta superficie de alta capacidade produtiva no Concello de Cabana de Bergantiños, segundo recoñece a propia lei de montes de Galicia. Segundo a Plataforma “O estreitamento de lazos comerciais non pode levar consigo a venda do noso territorio, non somos un país terceiromundista, os galegos non o imos consentir.”

Fonte da imaxen: El pais http://ccaa.elpais.com/ccaa/2013/07/15/galicia/1373911985_451516.html


Recórdanlle a Feijoo que a súa actitude con respecto a este proxecto destrutivo e contaminante é vergoñenta, como tamén o é, o feito de recibir ao embaixador canadense acompañado do conselleiro de economía e industria e o de medio ambiente para renderlle pleitesía e para darlle explicacións sobre a paralización da mina de ouro de Corcoesto, someténdose así, ao ditado e aos intereses da empresa mineira representados nesta ocasión por Jon Allen.

A Plataforma esíxelle a Feijoo que se comporte coma un Presidente digno dun país como Galicia, que defenda a súa terra e os seus intereses, e que se esqueza dos “cantos de serea” de Edgewater. Recórdanlle tamén que 20.000 galegos xa se manifestaron en Santiago en contra dos proxectos mineiros coma o de Corcoesto e que non van consentir que se entregue a nosa terra a intereses multinacionais a cambio de un pouco de pan para hoxe e miseria para o futuro, aderezada, coma no caso de Corcoesto, con dezasete millóns de toneladas de residuos contaminantes, que comprometerán o futuro de toda a comarca por centos de anos.

xoves, 11 de xullo de 2013

Esiximos a nulidade da Declaración de Impacto Ambiental do proxecto mineiro de Corcoesto

A raíz da nota de prensa publicada na súa web pola Consellería de Industria, a Plataforma  pola defensa de Corcoesto e Bergantiños solicita a retirada do proxecto e a nulidade da DIA ditada no seu día pola Xunta.
Na nota de prensa da Consellería podemos ler que:
 “De non cumprimentarse axeitadamente os requisitos ambientais, técnicos e económicos, o proxecto sería rexeitado definitivamente e non se continuaría coa tramitación deste. “
Pola nosa parte, pensamos que este recoñecemento oficial de que o proxecto de Edgewater  incumpre os requisitos ambientais e técnicos, debería supoñer por parte das autoridades a inmediata retirada dunha DIA que, como eles mesmos recoñecen implicitamente, foi ditada de maneira inadecuada.
Así mesmo, esiximos que, se esta empresa quere levar adiante o seu proxecto, elabore un novo EIA completo, con todos os informes pertinentes, e o presente de novo a exposición pública.
Non é de recibo que, despois de ditar unha DIA favorable, se estea a falar de presentar “novos informes”. A tramitación do proxecto debe facerse de maneira transparente e atendendo aos protocolos establecidos, e non por capítulos, como se se tratase dunha telenovela.
Desde a Plataforma consideramos que esta declaración institucional vén dar a razón ás nosas denuncias de falta de rigor dos informes presentados dentro do proxecto como así establece o último informe sobre a mobilidade do arsénico do Dres. Rubinos, D.Fierros, Devesa-Rey e Barral no que se indica claramente que a Declaración de Impacto Ambiental non é válida  .
Esperamos, como consecuencia directa desa evidente falta de rigor, ver proximamente unha publicación no DOG onde se recolla a negativa da Administración a aprobar o proxecto. 
Unha nota de prensa da Consellería non deixa de ser publicidade, e, polo tanto, papel mollado
Entendemos que esta comunicación da Consellería é vitoria parcial na loita contra a megaminaría, froito da grande presión social exercida na Galiza contra o proxecto da mina de Corcoesto
A Plataforma seguirá na súa loita contra este proxecto destrutivo en tanto non se produza a súa paralización definitiva e oficial.

mércores, 10 de xullo de 2013

A Xunta NON autoriza a mina de Corcoesto por falta de garantías

Despois de meses de loita e duro traballo por parte de asociacións, colectivos e moitas persoas anónimas que dedican o seu tempo libre a loitar contra esta barbarie de forma altruísta, onte ó fin tivemos unha boa noticia, a Xunta publicou unha nota de prensa có seguinte: 

A Xunta non autoriza o proxecto mineiro de Corcoesto e condiciónao ao cumprimento de maiores garantías técnicas e económicas

Din que a Consellería de Economía e Industria mantivo un encontro onte con representantes da empresa mineira de Corcoesto no que se lles trasladou que a administración non autoriza o proxecto mineiro de non cumprir as máximas garantías de viabilidade técnica e económica. 

A xunta solicita á empresa que acredite unha solvencia mínima do 25% de fondos propios sobre o investimento do proxecto e un compromiso en firme do resto do financiamento, así como a documentación que acredite a capacidade técnica da empresa para desenvolvelo. De non cumprimentarse axeitadamente os requisitos ambientais, técnicos e económicos, o proxecto sería rexeitado definitivamente e non se continuaría coa tramitación deste.

Tamén din que: "Cada proxecto está a ser estudado pormenorizadamente, seguindo rigorosamente a normativa, e só se autorizarán aqueles que favorezan o desenvolvemento económico e o benestar dos galegos, sempre que garantan a súa viabilidade ambiental, económica e técnica"

O que fai un ano para a Xunta de Galicia era una realidad ( http://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2012/06/10/aprobacion-mina-corcoesto-sera-final-ano/0003_201206C10C12991.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz ) hoxe parece que xa non é tan viable nin técnica nin economicamente.

Recordamos que o tema da viabilidade económica da empresa xa o denunciamos dende a plataforma a semana pasada: http://nonaminadecorcoesto.blogspot.com.es/2013/07/non-queremos-ser-outro-aznalcollar.html

Somos conscientes de que a batalla non está gañada xa que isto e unha simple nota de prensa que todavía non está reflexada de forma oficial, esta nova danos ánimos para seguir traballando e conseguir o que realmente queremos: Que Corcoesto, Valenza e Cereo non se convertan  nunha mina a ceo aberto.


Enlace a nota de prensa da Xunta de Galicia: http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/nova/7440/xunta-non-autoriza-proxecto-mineiro-corcoesto-condicionao-cumprimento-maiores

martes, 2 de xullo de 2013

¡Non queremos ser outro Aznalcóllar!

Edgewater e a súa filial Mineira de Corcoesto, non teñen capacidade financeira para facer fronte a responsabilidades en caso de accidente.
A Plataforma pola Defensa de Corcoesto considera que a empresa canadense Edgewater e a súa filial Mineira de Corcoesto, S.L., non teñen capacidade financeira para facer fronte a responsabilidades para o caso de que acontezan accidentes graves derivados da rotura das balsas de residuos de lixiviación.
Desastre minero Aznalcóllar - Imaxe da roptura da balsa e derrame de lodos tóxicos
Segundo estudos da Sociedade Galega de Historia Natural, o custo irreparable do desastre ambiental que se produciría en caso de accidente sería de entre 300 e 350 millóns de euros. Fronte a isto, Mineira de Corcoesto, S.L., segundo as últimas contas anuais presentadas no Rexistro Mercantil, presenta un patrimonio neto de un millón de euros computando as subvencións recibidas da Xunta de Galicia pendentes de imputar aos resultados do exercicio. Este patrimonio non chegaría nin sequera para facer fronte ás débedas a curto prazo da propia empresa, que ascenden a catro millóns de euros ao non contar con activos tanxibles susceptibles de realización.
Se a situación financeira de Mineira de Corcoesto é unha auténtica trampa, a da súa matriz, a canadense Edgewater Exploration LTD, non é moito mellor. Trátase dunha empresa Junior que cotiza na bolsa de Toronto, que conta con 88,7 millóns de accións que se intercambian na actualidade por 0,11 dólares canadenses (8 céntimos de euro) o que determina un valor da compañía en bolsa de 7,1 millóns de euros. O valor da súa cotización caeu nos últimos doce meses un 70% pasando de 0,38 dólares canadenses aos 0,11 actuais. No que se refire ao seu valor contable, este susténtase unicamente na estimación dos recursos e das reservas explotables, entre as que se atopan as de Corcoesto e as de Enchi en Ghanna. O seu activo, polo tanto, é de natureza fundamentalmente intanxible, e incerto en canto ao seu valor, por canto a empresa non ten garantida a posibilidade de explotar os recursos descubertos nas fases de exploración e investigación.
¡Non queremos ser outro Aznalcóllar! Por este motivo, reclamamos o goberno galego que non se deixe enganar por unha empresa cuxa capitalización nin sequera equivale ao valor do monte de Corcoesto afectado polo proxecto mineiro. Esíxelle á Xunta que faga un rigoroso estudo do custo-beneficio do proxecto mineiro, que a todas luces obrigará a desbotalo polos escasos beneficios para Galicia e os innumerables custos ambientais que deberán asumir, coma sempre, os cidadáns cos seus impostos.

luns, 1 de xullo de 2013

DESTRUCCIÓN DO MILLADOIRO DE CORCOESTO

O pasado día 1 de xuño nas proximidades do día mundial do medio ambiente celebrouse en Santa Mariña de corcoesto o "III Enarborar o Bosque", unha romería artísitco reivindicativa onde artistas e escritores amosaron o seu compromiso co medioambiente. Este ano centrouse na loita contra a mineiría a ceo aberto en Galicia e elexiuse o proxecto da mina de ouro de Corcoesto como máximo representante desta amenaza na actualidade.

Foi unha xornada agradable onde se alternaron actuacións musicais en directo (Toñito de Poi, Josito Porto, Roberto Sobrado…), artistas creando na Carballeira de Santa  Mariña, recital de poesía e presentación do libro Versus Cianuro e obradoiros de pintura e estampado para o público asistente.

Montouse tamén unha instalación artística colectiva contra o arsénico, o cianuro e a destrucción da natureza: o "Milladoiro de Corcoesto", unha proposta de Xacobe Meléndrez Fassbender na que participaron máis dun cento de persoas que escribiron desexos, versos e diversos textos ou interviron artísticamente pedras que foron depositando nun montón, flanqueando un dos camiños de acceso á boca da vella mina. Entre os perto de 300 croios alí depositados os había de orixe portugués, mexicano, senegalés… algúns eran verdadeiras esculturas cedidas por artistas de recoñecido prestixio (Artemio Lamas, Sebas Rozas, Carlos Botana, Mercedes Molares, Teiga...) e outras que contiñan texto escritos de puño e letra por renombrados escritores alí presentes (Helena Villar Janeiro, Francisco Fernández Naval, Tati Mancebo, Iolanda Aldreu…).
Milladoiro creado en Santa Mariña

Os milladoiros son montóns de croios acumulados de xeito testimonial en determinados lugares. É unha práctica que ten unha raiz celtíbera, pobo que ía botando as pedriñas en cruces de camiños e outros lugares cunha simboloxía especial, para alonxar os malos espíritos.
Practicouse e practícase ainda en multitude de culturas de todo o mundo, dende a tribu Churingaque en Australia ate os Masais africanos, pasando polos pobos do norte penínsular esencialmente no Camiño de Santiago, neste caso despois de pasar o tamiz da cristianización.
Utilizabanna tamen os gregos e os romans tendo diversos significados. A pedra foi símbolo de forza, virilidade, fecundade, persistencia, demarcación… e nós utilizaremola de novo en Corcoesto, para alonxar os malos espíritos, os do arsénico e o cianuro que con este modelo de explotación mineira ameazan con mobilizarse polo interior da nae terra, nas súas veas de auga, as mesmas que nutren as nosas produccións agrícolas e gandeiras e que iría empozoñar tamén a ría toda.


I Ñ O R A N Z A · E · V A N D A L I S M O

Mans infames fixeron desaparecer a obra de arte construida entre todos en Corcoesto, máis dun cento de contribucións populares e algunhas con sinaturas de artistas e escritores de prestixio recoñecido. Mesmo iñorando a tradición popular que fai destinatarix de todo maleficio a quen destruir un Milladoiro, a quen tan sequer leve unha pedra das nel depositadas. O malfado para os intransixentes co pensamento alleo, cos destrutores da paisaxe dos seus netos.
Situación despois do expolio

Malia isto a instalación pervivirá na memoria e se exporá no outono no novo edificio do Forum de Carballo e na primavera na galería "El taller" de Santiago de Compostela, e o fará documentada por un vídeo que reflexa os distintos momentos da montaxe e un albún fotográfico coas croias intervidas e os seus texto.

"Enarborar o Bosque" é unha convocatoria do Colectivo arTeu (Inma Doval e Xacobe Meléndrez) e a Factoria Delideas (Delio Sánchez). Máis información en: http://enarborarobosque.blogspot.com.es/