xoves, 27 de xuño de 2013

O SLG denuncia en Bruxelas o acaparamento de terras pola minaría

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, o pasado 25 de xuño, na conferencia “O problema da terra en Europa: do acaparamento de terras á reforma agraria”, organizada pola Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC) e a Esquerda Unitaria Europea (GUE) no Parlamento Europeo, en Bruxelas. Tamén participaron no evento eurodeputados como Willy Meyer, Patrick Le Hyaric ou Joao Ferreira; representantes da Organización de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) ou Tassos Haniotis, da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea.
O obxectivo da conferencia era o de poñer na axenda política comunitaria o acaparamento de terras, un problema que está a medrar cada vez máis na súa dobre expresión: por unha banda, multinacionais estranxeiras se están a apropiar de miles e miles de hectáreas dentro da UE para a súa explotación, mentres empresas europeas fan outro tanto en terceiros países.
A Coordinadora Europea da Vía Campesina expuxo o documento que elaborou xunto á Alianza Hands off the Land Network"Un novo informe sobre o acaparamento de terras en Europa”Isabel Vilalba explicou que “a creación de riqueza e de postos de traballo ou a vertebración do territorio é moitísimo menor cando unha empresa se fai con cantidades inxentes de terra, como no caso romanés, que cando as leiras son explotadas por pequenas e medianas explotacións. Nestas grandes extensións de terra acaparada desenvólvese un tipo de agricultura de monocultivo que emprega grandes cantidades de agrotóxicos e outros produtos químicos e ten un impacto moi negativo no medio ambiente, creando só riqueza e lucro para a empresa explotadora pero xerando un empobrecemento xeneralizado entre as comunidades labregas afectadas. Ademais, estas terras adóitanse a mercar para producir agrocarburantes e non alimentos, cos problemas que implica en cuestión de soberanía alimentaria para Europa seguirmos esta tendencia”.
Isabel denunciou como está a sufrir o acaparamento de terras Galiza, onde dende hai décadas vemos como o noso territorio está a ser espoliado, paseniño, por industrias enerxéticas (parques eólicos, agrocarburantes, encoros) ou papeleiras (monocultivo de eucalipto). Pero o máis preocupante, agora mesmo, para Isabel Vilalba é o Plan Sectorial de Actividades Extractivas que pretende sacar adiante a Xunta no noso país. De ir para adiante este plan, “a actividade extractiva será prioritaria sobre calquera outra preexistente”. Neste senso, Vilalba ergueu a voz de alarma e advertiu que está en perigo unha parte moi importante do noso territorio, con proxectos contaminantes e destrutivos que farán inviable calquera outra actividade económica que se teña desenvolvido tradicionalmente ou que se estea a facer na actualidade nas terras afectadas, como a agricultura ou a gandería, e traendo para Galiza as consecuencias que antes viamos que están a padecer países comunitarios como Romanía.

mércores, 26 de xuño de 2013

Mineira de Corcoesto deixa sen auga a veciños de Coristanco realizando sondaxes sen autorización

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños vén de presentar unha nova denuncia na Demarcación Territorial de Galicia Norte de Augas de Galicia, en relación ás sondaxes que a empresa mineira está a realizar no ámbito das concesións Julia 2 e Julia 3, que afectan de cheo ao Concello de Coristanco.
Neste caso, os veciños detectaron unha forte diminución do caudal da fonte do Regueiro, que abastece de auga para consumo humano, animal e de rega de fincas a máis 70 vivendas da parroquia de Cereo (Coristanco). Este manantial é propiedade dos veciños e acuden regularmente a controlar que todo se atope correcto, por isto os veciños coñecen con moita precisión o caudal que debería de ter a fonte por esta época do ano.  
Ao achegarse ao manancial, os veciños descubriron dúas calicatas e dúas sondaxes realizadas pola empresa mineira a través da subcontrata TERRATEC GEOTECNICA Y SONDEOS, S.L. Estas sondaxes foron realizadas a escasos metros do manancial, polo que alteraron os acuíferos soterrados que o abastecían.
Foto tapa e numeración dunha das sondaxes atopadas nas inmediacións do manantial

Unha vez comprobada a situación das mesmas por medio de coordenadas, descubriuse que estes traballos foron realizados no ámbito da concesión Julia 3, cuxo permiso de investigación está en trámite de aprobación por parte da Xunta de Galicia. Segundo ten recoñecido a empresa mineira, trátase de estudos xeotécnicos para verificar a estabilidade das balsas do proxecto mineiro de Corcoesto que albergarán máis de dezasete millóns de toneladas de residuos de lixiviación cianurados.
No entanto, para os veciños estes traballos estanse realizando sen autorización de Augas de Galicia e en consecuencia solicitan que se proceda á sanción inmediata da empresa Mineira de Corcoesto e da empresa subcontratada por esta. Solicitan tamén a paralización inmediata das sondaxes por non estaren amparadas por ningunha autorización administrativa, e por tanto, por non cumpriren cos requirimentos ambientais esixidos, por alteraren a capa freática e por poñer en perigo os acuíferos e mananciais existentes.
Igualmente solicitan que por parte da empresa mineira, se proceda a repoñer de xeito inmediato o manancial e a restablecer o subministro aos núcleos de poboación afectados.

sábado, 22 de xuño de 2013

O alcalde de Cabana volve denegar o uso do Auditorio á veciñanza contraría ó proxecto mineiro

Despois da negativa a conceder á Plataforma o Auditorio o día 14 para informar á veciñanza, o pasado 1 día 11 de Xuño reiteramos a solicitude do Auditorio para celebrar a conferencia prevista inicialmente, desta volta indicamos 9 datas posíbeis no mes de Xuño para realizar a mesma , voltando a atoparnos con outra negativa rotunda do Alcalde. Se a desculpa na primeira ocasión raiaba na puerilidade neste caso é totalmente surrealista, reproducímola de contado:


Este proceder autoritario e escurantista do Alcalde non é de agora.Hai un ano  denegounos por 2 veces o local de Corcoesto e só cando se deu conta que ía contra del accedeu a deixalo.Ou cando mandou á súa Guarda Pretoriana polas casas para identificar os autores dun panfleto.Despois ocorreu o da nave da empresa, realmente surrealista o seu comportamento “botoulle a culpa ao goberno de hai 12 anos” nos que el estivo mirando para outro lado en vez de coidar polo cumprimento da legalidade vixente e voltou a autorizar o seu uso, despois tivo que retiralo por mor dunha denuncia nosa. A da contaminación das fontes é de xulgado de garda, ocultar aos veciños e veciñas a contaminación de certos mananciais publicando só un bando o 31 de Maio nun bar de Corcoesto. Actuar como xefe de recursos humanos “in pectore” de Edgewater recollendo curriculums, acudir a ceas coa dirección da empresa das que se gaba o propio director excutivo de Edgewater.......

 O alcande Jose Muiño e o Conselleiro de Medio Ambiente
no ano 2010
Fonte da fotografía: Grupoescomuniongalicia

Se teñamos algunha dúbida da súa total submisión aos ditados de Edgewater despois desta negativa a que os veciños teñan información para que poidan contrastala coa que difunde el e a empresa e se lle sumamos:  as declaracións ao programa  Reporteiros da TVG na que esquece intencionadamente, porque ben que  coñece a Resolución  do Parlamento Europeo contra a minaría basea no cianuro, a carta ao parlamento europeo no que obvia calesquera argumento científico poñéndose incondicionalmente do lado da empresa mineira, ,......Só podemos pensar que o Alcalde non é máis que un fiel colaborador de Edgewater  e que actúa aos ditados da mesma. Considera tamén que as instalacións municipais son unha propiedade privada do mesmo esquecendo que por riba de todo ten que defender os intereses dos seus veciños e veciñas e que as dotacións municipais non son do seu patrimonio. En definitiva actúa como o que algúns nos séculos XIX e XX denominaron como “cipaios” do poder colonial.

xoves, 20 de xuño de 2013

Presentadas as alegacións ao permiso de Investigación de JULIA2

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e a Asociación de Veciños de Cereo presentaron a semana pasada as alegacións ao permiso de investigación Julia 2 que afecta aos termos municipais de Carballo, Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso, na provincia de A Coruña, para a investigación de ouro, afíns e outros recursos da sección C.
As alegacións, que foron asinadas por máis de dúas mil duascentas persoas, fundaméntanse na lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, no Decreto 80/2000 polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal e na lei 9/2002 do solo de Galicia, que veñen a establecer que no solo rústico de protección están prohibidas as actuacións que sexan incompatibles cos seus valores ecolóxicos, medioambientais, paisaxísticos, históricos, etnográficos, culturais ou calquera outro valor que sexa obxecto da protección outorgada, ou coas proteccións que resulten doutra lexislación sectorial de aplicación.
En consecuencia, e dado que o proxecto mineiro de Corcoesto e o permiso de investigación Julia 2, afectan a terreos cualificados urbanísticamente como de especial protección agrícola e forestal, solicitan que se declare a incompatibilidade destas actuacións cos usos actuais e potenciais do solo das áreas afectadas.
Para iso as alegacións apóianse en informes técnicos subscritos por enxeñeiros agrícolas e forestais que acreditan a elevada aptitude e capacidade produtiva agrícola, gandeira e forestal dos terreos afectados polas concesións mineiras. No caso de Coristanco, incídese ademais, en que os terreos afectados pola concesión Julia 2 están incluidos na subzona de Bergantiños da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia. Polo tanto, o proxecto mineiro e as actividades de investigación que se autoricen en Julia 2 van comprometer seriamente o desenvolvemento futuro desta actividade agraria de produción de pataca da variedade Kenebec, que goza de gran recoñecemento a nivel nacional pola súa calidade e orixe.
Nas alegacións tamén se fai referencia a que a explotación do proxecto mineiro de Corcoesto e das concesións mineiras adxacentes, afectará de xeito irreversible a unhas 1.260 explotacións agrícolas e gandeiras en activo que dan traballo a unhas 1.350 persoas, o que sumado aos traballadores do sector forestal, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, supón uns 3.000 empregos vinculados ao sector primario da zona.
Por todo o anterior, solicitan á Xunta de Galicia que se declare ás parroquias afectadas polo permiso de investigación Julia 2 e polo proxecto mineiro, áreas obxecto de especial protección no Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia. Solicitan tamén a denegación do permiso de investigación Julia 2, a anulación das cuadrículas mineiras que o conforman, así como a nulidade de pleno dereito da Declaración de Impacto Ambiental do proxecto mineiro, por non ter avaliado o impacto socioeconómico do mesmo sobre as actividades agrícolas, gandeiras e forestais, ao que se suma o feito de que agora vén de coñecerse que a empresa mineira pretende tratar na planta de Corcoesto, mineral doutras zonas de Galicia do cinto Malpica - Tui.

mércores, 5 de xuño de 2013

MEGABALSA DE CIANURO E MACROESCOMBREIRA EN CORISTANCO. UNHAS INTENCIÓNS DE ALTO RISCO

Mineira de Corcoesto S.L.,ao presentar o proxecto mineiro de Corcoesto, o seu estudo de impacto ambiental e tramitalo como proxecto industrial estratéxico; agocha un plan que ten de utilizar as instalacións de Corcoesto para o tratamento, escombreira e balsa de lodos doutras exaltacións ao aberto de Galiza e, mesmo de fora do país.

Representación do estado actual do val de Corcoesto e unha megabalsa de cianuro dunha explotación mineira a ceo aberto.


Este proxecto da empresa de capital canadense invalida totalmente o estudo de Impacto Ambiental ao non avaliar os efectos ambientais acumulativos das distintas explotacións. Se os responsables da Xunta de Galicia non paran inmediatamente o proxecto, a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños denunciará esta situación ás fiscalías de Medio Ambiente e Anticorrupción.

Mineira de Corcoesto S.L non se conforma con extraer unicamente o ouro de Corcoesto (aproximadamente 1  millón de onzas) senón que pretende que a Xunta de Galicia  lles conceda permisos para explotar os xacementos situados no cinto de ouro Malpica-Tui como se pode ver na seguinte imaxen. 








Nese caso, a  extracción amplíase a 4,2 millóns de onzas; aí está a clave do expolio que Edgewater pretende facer en Galiza.

A estratexia é facelo por fases con dous obxectivos: non alarmar á poboación, o cal provocaría un rexeito masivo; e para agachar o tremendo impacto ambiental conxunto de todos eses proxectos. A propia empresa recoñece no plan de investigación Julia 2 que Valenza se convertiría nunha megabalsa de cianuración e Cereo nunha macroescombreira para recibir todo o mineral de Galiza como se pode apreciar neste extracto de texto extraído do propio proxecto redactado pola empresa mineira.




A súa ubicación no Val de Lourido, cunha pendente que remata no Rio Anllóns, fai sospeitar que calquera pequeno desprazamento deses millóns de toneladas de escombros tóxicos traídos de toda Galicia podería provocar un desastre de magnitudes difíciles de calcular.

O Concello de Coristanco e os de Cabana e Ponteceso, deberían explicarlle á veciñanza afectada o plan de Egwater de converter estes concellos en un vertedoiro de residuos químicos e mineiros, explicarlles os perigos potencias destas instalacións e aclarar porqué apoian un proxecto deste tipo que só vai traer aos seus concellos depresión económica e prexuízos.  

A Xunta de Galicia debería comezar a denominar esta empresa como “Mineira de Galicia SL” porque  “Corcoesto”  é simplemente a punta do iceberg dos plans desta transnacional canadense, Edgewater. A Xunta de Galiza, de non estar directamente implicada ao completo, debería de depurar responsabilidades pola posible conivencia entre moitos dos seus altos cargos, responsables do Partido Popular e dos concellos directamente afectados, e os xestores da mineira. Nestes intres, dubidamos que o problema sexa ignorancia ou incompetencia dos responsables políticos, pois xa veñen de ser alertados en diversas entrevistas e por miles de cidadáns o pasado domingo de que estes proxectos mineiros  suporán desfeitas ambientais e sociais para toda Galiza e en particular para a  Comarca de Bergantiños.