luns, 27 de maio de 2013

Roteiro por Corcoesto, na zona afectada polo proxecto mineiro

 
O roteiro, ao seu paso por Aldemunde

O día estaba nubrado pero a temperatura era moi agradable, perfecta para a realización da andaina. A ruta estaba organizada pola sociedade de montaña Ártabros da Coruña, esta comezaba ás 10 da mañá na carballeira de Sta. Mariña e o número de participantes chegaban as 200 persoas.
O obxectivo desta andaina era poder comprobar "in situ" a desfeita que provocaría a actividade mineira de levarse a cabo. Os participantes puideron comprobar onde ían furar os buratos de ata 500m de diámetro e 300 m de profundidade, a lagoa artificial e a balsa de cianuración onde depositarían 800.00 Tm de tóxicos procedentes do proceso de lixiviación.
Ao paso polo lugar de Baralláns púidose comprobar a proximidade deste lugar a planta de tratamento (30m) e a balsa de lodos (200 m), esta planta albergaría tres muíños de moenda traballando as 24h do día durante os 365 días do ano e na mesma faríase o proceso de lixiviación utilizando diariamente 1.5tm de Cianuro. A balsa de lodos albergaría 17 millóns de toneladas de entullos e ocupa unha superficie duns 650.000 m2, vivir neste lugar sería totalmente incompatible con toda esta actividade, pero á Xunta de Galicia e á troika do Anllóns composta polos Alcaldes de Cabana, Ponteceso e Coristanco, as persoas non lles importamos nada, só miran para os intereses de Mineira de Corcoesto, chiringuito filial de filiais ata chegar á matriz Barrick Gold multinacional Canadense.
Na subida ata o Petón de Perrol, o monte máis alto da Comarca de Bergantiños cun total de 438m sobre o nivel do mar, púidose comprobar toda a magnitude da desfeita que provocaría esta actividade, nada máis e nada menos que 700 ha de monte arborado no seu 90%, os prados e o río Lourido.
Baixando dende Perrol ata Aldemunde atravesábamos entre carballos e castiñeiros toda a balsa de lodos durante 1 km de largo ata o punto onde construirían o muro de contención desta balsa, este muro chegaría acadar unha altura de 65m de altura coma un edificio de 20 plantas e 1 km de largo. De volta ata a carballeira de Sta. Mariña non podíamos imaxinar a magnitude da escombreira sur, 1´8 millóns de m2 albergando 122 millóns de tm de escombros. Todo o que puidemos ver durante o percorrido, pinos, carballos, castaños, fontes, rios, prados...desaparecería para sempre, todas as árbores serían arracadas de raíz, as fontes e os ríos ficarían para sempre.
O son que puidemos escoitar dos paxaros, das ras nas charqueiras, o son da auga procedente do río Lourido e das fontes, o ruxir do vento no monte transformaríase en ruídos das explosións, maquinaria pesada e dos grandes muíños de moenda traballando todos os días as 24h.
Ninguén podía comprender o porqué de tanta destrución, que é o que pode pasar pola mente dos políticos para apoiar e aprobar esta barbarie destrutiva da nosa nai natureza, porque para eles ten máis valor o ouro ca auga, ca saúde dos veciños, coa actividade económica ligada a terra etc. etc.

domingo, 26 de maio de 2013

A CIG aproba unha resolución sobre a megaminaría en Galiza no seu VI Congreso

Imaxe do VI Congreso da CIG, onde se aprobou esta Resolución


O sindicato CIG, no seu VI Congreso, vén de aprobar a seguinte resolución sobre a megaminaría:


RESOLUCIÓN DO VI CONGRESO DA CIG SOBRE A MEGAMINARÍA NA GALIZA.


A Xunta de Galiza e o Partido Popular tentan converter ao noso país nunha grande mina, vendendo ou mellor dito regalando o mesmo ás empresas transnacionais mineiras, para transformar radicalmente o noso territorio e convertelo nunha mina a ceo aberto.
Tanto a Xunta como o Goberno do Estado, introduciron cambios lexislativos nos últimos tempos dirixidos a quitar todo tipo de traba á explotación da terra como fornecedora de recursos para empresas privadas: a Lei do Solo ou a de Costas, o plano acuícola, a construción de parques eólicos, ou as Directrices de Ordenación do Territorio estarían nesta liña. E este tipo de explotación só é posible matando primeiro ao medio rural e botando á xente que o habita para que a Xunta poida cederllo ás grandes empresas extractivas. Estes proxectos  non afectan só a algunhas parroquias e comarcas, afectan a toda Galiza, introducen un modelo depredador do noso medio rural e do noso futuro semellante á  explotación colonial que sufriron no pasado e na actualidade América Latina e África. O colonialismo depredador e destrutor vaise asentar no noso país senón somos quen de paralo .
Plan Sectorial de Actividades Extractivas da Xunta é esclarecedor, pois permite a instalación de proxectos extractivos e contaminantes en todo o territorio galego —un total de 520 licencias a maiores das que xa están activas—, e autoriza a explotación mineira en espazos até o de agora protexidos polo seu valor ecolóxico ou agrario. Mesmo se fala de dotar de lexitimidade actividades extractivas que non cumpren sequera a lexislación. Están en trámite licenzas mineiras en todo o territorio galego e en espazos protexidos como A Fonsagrada, Santa Comba, Zas, a Serra do Galiñeiro, Ordes, a Terra Chá, Cartelle, Castrelo de Miño, Compostela, as Fragas do Eume,.........
Particularmente salientábel é o caso da mina de “ouro” a ceo aberto de Corcoesto, o primeiro que a Xunta tenta de declaralo como “ Proxecto industrial estratéxico” e que estase a converter no referente nacional da loita de resistencia contra os plans da Xunta e o capitalismo transnacional depredador.
O VI Congreso chama a artellar a resistencia popular contra estes plans, a defender ao noso país deste futuro de espolio e destrución. Neste senso   anima a toda a cidadanía galega a participar masivamente na manifestación do 2 de Xuño en Compostela para facer entrar en razón á Xunta de Galicia e deter o espolio do noso territorio que está a piques de ser perpetrado por unhas poucas empresas, na case totalidade delas estranxeiras.
Compostela 25 de Maio de 2013
 

luns, 20 de maio de 2013

Se vendemos o monte, perdemos todo dereito sobre el. Corcoesto non se vende!






A PLATAFORMA POLA DEFENSA DE CORCOESTO E BERGANTIÑOS ACONSELLA AOS VECIÑOS QUE NON VENDAN O SEU MONTE Á EMPRESA MINEIRA.

Nos últimos días a empresa mineira está ACOSANDO de xeito individualizado aos veciños para forzalos a vender o seu monte a un prezo ridículo de 1,20 euros metro cadrado.
Os donos dos montes deben saber que a empresa mineira quere obrigalos a asinar un contrato polo que lle dan unha OPCIÓN DE COMPRA SOBRE O MONTE.
As persoas que asinen estes contratos non están vendendo hoxe pero están RENUNCIANDO AOS SEUS DEREITOS SOBRE O MONTE a favor da empresa mineira. A cambio de renunciar aos seus dereitos, a empresa págalle en concepto de PRIMA DE OPCIÓN un 10% do prezo tratado de 1,20 €/m2.

POR QUE FAI ISTO A EMPRESA MINEIRA?
1º.- A empresa mineira non compra o monte hoxe e non o paga, porque non ten seguridade de que vaia ter autorización da Xunta de Galicia para a explotación da mina de ouro de Corcoesto. Se a empresa se fai co monte deste xeito, mellora as súas opcións de ter autorización xa que non tería a oposición dos propietarios ao proxecto mineiro.
2º.- A empresa mineira trata de minimizar os riscos sobre a viabilidade económica do proxecto e de evitar o proceso de expropiación dos montes sen necesidade de compralos hoxe. Para iso quere obrigar aos donos a asinar un contrato que lle garanta poder comprar o monte cando ela queira ao prezo pactado de 1,20 euros/m2. Deste xeito a empresa elimina o risco que supón, no caso de expropiación, que o Xurado de Expropiación de Galicia ou os tribunais, fixen prezos que poden oscilar entre os 7 e os 12 euros por metro cadrado de monte.
3º.- Os propietarios dos montes, de conformidade coa lei 7/2012 de montes de Galicia, teñen moito que dicir sobre o cambio do uso forestal do seu monte. Se a empresa consigue facerse con el deste xeito (sen necesidade de compralo nin de pagalo) adquire o poder de decisión sobre o seu uso, sen necesidade de contar coa opinión dos propietarios.
4º.- A empresa sabe que o prezo do monte é moi superior a 1,20 euros metro cadrado e pretende enganar aos donos facéndolle ver que así evitarán os custos da expropiación, cando a realidade é a contraria. A empresa trata de evitar a expropiación para non ter que pagar prezos moi superiores aos que pretende pagar.


CAL É O PREZO DO MONTE DE CORCOESTO?
Os donos dos montes deben saber, como xa lle trasladamos nunha nota anterior, que con motivo do paso da liña eléctrica, os afectados recibiron pola expropiación do dereito de voo, TRES EUROS METRO CADRADO (1.584,00 euros ferrado).
Na reunión que houbo en Corcoesto e en Cereo, na que participaron técnicos especializados en valoracións en procesos de expropiación, indicaron que o valor do monte coma o de Corcoesto, estaba ao redor de SETE EUROS METRO CADRADO (3.696,00 euros ferrado).
Por outra banda, o Real Decreto 1492/2011, de 24 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de valoracións da Lei do Solo, en relación á valoración do solo rural, indica que a valoración destes solos debe facerse mediante a capitalización da renda anual real ou potencial. Sinala tamén que a renda potencial é aquela que poida ser atribuíble á explotación do solo rural de acordo cos usos e actividades máis probables de que sexan susceptibles os terreos, entre eles as explotacións extractivas, cuxa actividade comprenda a extracción do solo e subsolo de minerais, auga, materiais destinados á construción, gas, petróleo e outros recursos xeolóxicos e mineiros limitados.
Pois ben, en base a este regulamento os tribunais nas últimas sentencias en expropiacións de solo rústico forestal para explotacións de canteiras, están recoñecendo un valor aos propietarios dos montes de ata DOCE EUROS METRO CADRADO (6.336,00 euros ferrado).

QUE SIGNIFICA ISTO PARA OS PROPIETARIOS DOS MONTES?
Exemplo para 10 ferrados (importes en euros):


QUE SIGNIFICA ISTO PARA A EMPRESA MINEIRA EN CANTO AO CUSTO DAS 400 HECTÁREAS DE MONTE AFECTADAS POLO PROXECTO?




EN RESUMO, REITERAMOS A NOSA RECOMENDACIÓN AOS PROPIETARIOS DOS MONTES DE QUE NON ACCEDAN ÁS PRETENSIÓNS DA EMPRESA MINEIRA E QUE, EN CONSECUENCIA, NON RENUNCIEN AOS SEUS DEREITOS DE PROPIEDADE SOBRE O MONTE.