luns, 29 de abril de 2013

Solidarizámonos coa Plataforma veciñal "Corno do Monte"

 
"A mina ou nós", lema da manifestación contra da mina de feldespato.
A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños solidarízase coa loita emprendida pola veciñanza da Limia en contra do proxecto mineiro de feldespato. Velaquí o noso comunicado de apoio:
Benqueridos-as compañeiros e compañeiras da Plataforma veciñal “Corno do Monte”:
A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños quere facervos chegar o seu apoio e solidariedade coa vosa loita contra a mina de feldespato e en concreto coa manifestación do vindeiro sábado 27 de Abril en Xinzo.
Coñecemos na propia carne o que vai supor a minaría destrutiva e contaminante, a minaría das empresas transnacionais que buscan o seu enriquecemento a costa da destrución do noso territorio, da nosa forma de vida, do noso patrimonio,..... coa complicidade da Xunta de Galicia que está a vender a prezo de saldo, mellor dito a regalar o noso país.
Non permitades que destrúan de novo o voso patrimonio como sucedeu no franquismo, agora que a auga volve polos seus foros reclamando o seu reinado e confirmando o que Décimo Bruto constatou ao cruzar o Limia, o Lethes ou río do esquecemento para os romanos, agora  que se vai recuperando a Lagoa de Antela á que a lenda atribúe escondida no seu ventre a antiga cidade de Antioquía.
A vosa loita é a mesma loita que a nosa contra a mina de ouro de Corcoesto.
Xuntos podemos gañar esta batalla contra o espolio, a destrución,  o capitalismo salvaxe e depredador......
Un saúdo solidario dende Corcoesto

martes, 16 de abril de 2013

Coas pilas ao 100 % de carga

 
Carga: 100%. Imaxe de Andrés Díaz.

Despois do éxito da manifestación do domingo, desde a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños queremos facer chegar o noso máis sincero agradecemento a tódolos colectivos que están apoiando a nosa loita, polo seu apoio, participación, compromiso...con tódalas mobilizacións realizadas contra a mina de Corcoesto.
Entendemos que este camiño na unidade de acción é máis que necesario para evitar que a barbarie, a destrución e o espolio se apoderen da nosa comarca e do noso país. 
Estas mobilizacións non son máis que un chanzo no camiño que nos queda por percorrer ata lograr a expulsión de Edgewater e das empresas transnacionais que tentan destruír o noso país.
Agradecemos así mesmo o apoio solidario recibido desde outros lugares da península e tamén de América. Grazas,
  • ORO NO-Asturies
  •  Asamblea Buenos Aires no a la mina 
  • Movimiento por un Uruguay Sostenible (MOVUS). El Pueblo frente a la minera Aratirí 
  • Frente en Defensa de Wirikuta (México) 
  • Comité de Solidariedade Sierra Norte. México 
  • Universidade da Terra en Puebla (Unitierra en Puebla).México   
  • Comité Solidaridade Ignacio Zaragoza. Sierra Norte de Puebla. México
Nesta ligazón podedes ver os comunicados enviados por todos estes grupos.  
Con tantos apoios...estamos coas pilas cargadas ao 100%!!!





luns, 8 de abril de 2013

Con voz alta e forte (Manifestación central contra a mina de Corcoesto: 14 de abril)

O domingo que vén, a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños convoca unha manifestación contra a mina de Corcoesto en Carballo. Será a manifestación central das mobilizacións que estamos a facer, por iso queremos conseguir un bo número de persoas nela.

Creamos un evento no facebook, para difundila. Tamén se pode mandar a información por correo, por teléfono, ou en persoa. Por favor, difundide, compartide e convencede. Temos que ser unha morea de xente! Hai que parar este proxecto que podería supoñer un grave precedente. Non é só un problema de Corcoesto. Non é só un problema de Bergantiños. Corcoesto é o inicio dunha inmensa desfeita programada de norte a sur: a veta Malpica-Tui.

Falemos agora, para que calen para sempre!

Agardámoste o domingo ás 12:00 en Carballo, no aparcamento do Haley, para dicirlle á Xunta con voz alta e forte que Bergantiños, que Galiza, non quere esta mina destrutiva no seu territorio.

venres, 5 de abril de 2013

7 de abril - Tractorada mixta - Ponteceso Cabana





Comunicado da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños en relación coa tractorada mixta
 


O vindeiro domingo 7 de Abril de 2013 a Plataforma convoca unha tractorada mixta (tractores e coches) que sairá do campo da feira de Ponteceso ás 11 h. e rematará fronte á casa do concello de Cabana de Bergantiños en A Carballa.


Previamente, deste distintos puntos da comarca sairán columnas para converxer en Ponteceso.


Esta mobilización está convocada para protestar pola posíbel implantación dunha grande mina a ceo aberto en Corcoesto na que se utilizarán enormes cantidades de cianuro para a extracción do ouro (1,7 gramos por cada millón gramos de veta aurífera e que terán que remover case 10 toneladas de rocha para acceder á mesma), as cantidades de cianuro a utilizar son de unhas dimensións inimaxinábeis:  1,49 toneladas diarias durante os 365 días do ano e durante os 8,1 anos de explotación previstos pola empresa canadiana Edgewater. Xunto á utilización do cianuro está a contaminación por arsénico (as vetas están compostas por arsenopiritas), minerais pesados coma o níquel, chumbo, ferro... que provocarán non só danos irreparábeis na flora e fauna senón tamén na saúde humana.


A aprobación desta minería suporá, en opinión unánime de todos os expertos consultados e que deron varias charlas e conferencias na comarca de Bergantiños, unha destrución irreparábel de Corcoesto, Cereo e Valenza, un impacto socio económico de magnitudes incalculábeis en Bergantiños, o abandono forzado de explotacións agro-gandeiras e posiblemente dos núcleos de poboación mais próximos así como a permanencia dunha auténtica bomba de reloxería durante  centos de anos, a chamada balsa de lodos.


Distintas organizacións sociais, sindicais, ecoloxistas e políticas apoian decididamente esta mobilización entre elas salientariamos os apoios que nos foron chegando ao longo dos últimos días:  Adega, Verdegaia, Rede Galiza Non Se Vende, Senda Nova, Véspera de Nada, Espazo Ecosocialista, Confederación Intersindical Galega, UC de Ferrol de CC.OO., Sindicato Labrego Galego, Bloque Nacionalista Galego, Alternativa Galega de Esquerdas,  Compromiso por Galicia, Partido da Terra, Galiza Nova, Foro Social de Cangas, Instituto de Estudios Bergantiñáns,  AA.VV. de Cereo, Contramínate de Laxe, ASC O Iribio, de Triacastela...


Esperemos que o éxito destas mobilizacións e as futuras fagan recapacitar á Xunta de Galicia e que esta deixe de estar en conivencia con Edgewater e non aprobe a declaración do proxecto como industrial estratéxico, faga caso ás voces discrepantes da propia administración pública e non vaia adiante esta auténtica barbaridade.

luns, 1 de abril de 2013

A política e o ouro

 
Cheo na conferencia de Carmen Varela. Imaxe de Contramínate

Asistín en Carballo a unha palestra da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños. As condicións eran, para min que viña de fóra, as peores que podían darse para que alí se xuntase xente: quinta-feira de Semana Santa, cunha arroiada que nos facía medrar as branquias e todo para escoitar unha conferencia académica dunha doutora universitaria en Ciencias Químicas sobre o emprego do cianuro na futura explotación colonial, e criminal, do ouro nesa zona de Bergantiños.
      A verdade é que non se cabía e un non daba creto, centos de persoas enchían as cadeiras do Pazo da cultura, sentaban nos corredores ou escoitaban de pe apoiadas na parede ou nas portas da sala, sumadas ás que non deron entrado. Viñeran de Carballo pero tamén de Cabana, de Coristanco, de Ponteceso... En canto á conferencia de Carme Varela, ela mesma da parroquia afectada de Cereo, a súa exposición foi clara, científica e fulminante na desmontaxe dos embustes da empresa e das autoridades cómplices na Xunta e nos concellos gobernados polo PP.
      A pantalla encheuse de mapas e topónimos entre os que eu vía o lugar dos meus avós, onde nacera miña nai, o Ramallón de Valenza de Coristanco, e Lestón, onde aínda viven o tío Manolo e a tía Carme: a carón da súa casa vai quedar o xigantesco cráter e vai pasar o río Lourido despois de ser desviado. E todo íso adobiado co espolio de terras e patrimonio, toneladas de cianuro, de arsénico, de ácido clorídrico e metais pesados. As fórmulas químicas analizaron o proceso de extracción paso por paso e demostraron por que esta operación industrial tería unhas consecuencias peores que as que na Transición levaron ás loitas de Castrelo, Baldaio, As Encrobas ou Xove, unha salvaxada para a paisaxe, a flora, a fauna, mais tamén para as actividades agrícolas, gandeiras e pesqueiras e para a saúde de milleiros de persoas en toda a Costa da Morte.
      O público escoitou entre o abraio e o respecto e o debate que seguiu foi activo e emocionante, coa participación dos veciños e veciñas de cada un dos lugares retroalimentando a mobilización e o comforto mutuo, reforzando a dignidade colectiva e a necesidade de parar a desfeita que os seus gobernantes traidores e ignorantes cualifican como proxecto estratéxico, mesmo encubrindo os seus propios informes negativos e subvencionando aos especuladores que veñen abertamente a arruinarnos e a arramblar co noso ouro sen dar nada a cambio.
      O acto fora organizado pola Plataforma veciñal, que leva máis dun ano alertando da que vén e baténdose en todas as frontes para evitala. Un saiu de alí co corazón encollido e cheo de forza, de argumentos e de amor pola terra que o viu nacer e pola súa xente. Iso é a Política de verdade e non as leas de pouca monta entre o BNG e Anova. 

Xurxo Borrazás