sábado, 30 de marzo de 2013

A Universidade de Vigo non apoia o proxecto mineiro de Corcoesto

Universidade de Vigo. Imaxe de Septem Trionis



A Universidade de Vigo non apoia o proxecto mineiro de Corcoesto.

Advirte de que resolverá o convenio subscrito coa empresa mineira se esta utiliza a sinatura do mesmo para xustificar o proxecto.



A Universidade de Vigo vén de comunicar á Plataforma pola Defensa de Corcoesto que en ningún momento dou o seu apoio institucional ao proxecto para a explotación da mina de ouro a ceo aberto, que afecta aos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso.

Esta comunicación prodúcese despois de que a empresa mineira canadense Edgewater, fixera pública a sinatura dun convenio de colaboración coa citada universidade e o trasladara aos medios de comunicación como si se tratara do respaldo institucional explícito da Universidade de Vigo a un proxecto que conta cunha forte oposición social, non só na contorna, senón tamén en toda Galicia e especialmente dentro da comunidade investigadora e universitaria.

Agora a Universidade de Vigo aclara que a empresa mineira contratoulle por medio dun convenio marco de colaboración, a elaboración dun informe para avanzar nas medidas protectoras e correctoras establecidas na Declaración de Impacto Ambiental, recentemente aprobada pola Xunta de Galicia. Sinala a Universidade que o convenio foi impulsado por un grupo de investigación do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e do Medio Ambiente a petición da empresa mineira, e que foi subscrito dentro da liberdade de investigación recollida pola lei orgánica de universidades, pero que en ningún caso ese contrato de I+D implica un apoio institucional da Universidade de Vigo ao proxecto. Nesta mesma liña, persoal investigador da universidade deu soporte a posicionamentos que se apartan dos mantidos pola empresa mineira.

Por último, a universidade remata sinalando que “se nalgún momento a empresa Mineira de Corcoesto, S.L.U. utiliza a sinatura do convenio para xustificar a explotación mineira procederase á denuncia do mesmo.”.

Este comunicado da Universidade de Vigo pon de manifesto a estratexia de manipulación informativa que vén desenvolvendo a empresa mineira desde o inicio da tramitación do proxecto. Para a Plataforma pola Defensa de Corcoesto estes contratos que a empresa está a subscribir coas universidades galegas -o último coa Universidade da Coruña- denota ás claras a intención da empresa de “vender” á sociedade Galega, que o proxecto mineiro conta co apoio das universidades, cando o que ocorre é todo o contrario.

domingo, 24 de marzo de 2013

Industria e Enerxía denega información pública das concesións mineiras


O director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces. Imaxe de Praza Pública



A Xunta de Galicia continúa ao ditado da empresa canadense Edgewater na tramitación da mina de Ouro de Corcoesto.
O Director Xeral de industria enerxía e minas denega información pública das concesións mineiras de Corcoesto porque así o pide Edgewater.

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto denuncia unha vez máis a conivencia entre a Xunta de Galicia e a empresa mineira de Corcoesto na tramitación -chea de irregularidades- deste proxecto para a explotación dunha mina de ouro a ceo aberto, que afecta aos Concellos de Cabana, Ponteceso e Coristanco.
Se antes foi a Dirección Xeral de Conservación da Natureza a que rectificou as súas esixencias ante un escrito do xerente de Edgewater, no que pedía que non se lle obrigase á empresa a facer públicos os datos sobre os niveis de vertidos de metais pesados na fase da explotación mineira, agora sóubose que Ángel Bernardo Tahoces, o director xeral de industria, enerxía e minas, non facilita a información solicitada sobre as concesións mineiras Emilita, Ciudad de Landró e Ciudad de Masma, porque así o pide a empresa.
Entre os motivos alegados polo director xeral para non facilitar a información solicitada, sinálase que “Ademais, o 17 de xullo de 2012 a sociedade titular dos dereitos mineiros presentou escrito no que se solicita que se denegue a D. ...... a solicitude de obtención de copia de documentos ou toma de vista de aqueles expedientes da empresa que non estean en trámite de información pública...”.
Este feito é unha proba clara da conivencia entre a empresa e a Xunta de Galicia que semellan ser a mesma cousa, e incluso, como queda acreditado neste caso, traballan man a man na custodia dos arquivos públicos. Á vista do acontecido, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto considera insólito e contrario a dereito que a Xunta lle dea traslado á empresa mineira da solicitude feita por un administrado sobre datos que obran en arquivos custodiados pola propia Xunta, e que son de acceso público para calquera cidadán da Unión Europea.
Este dereito de acceso aos arquivos e rexistros públicos está expresamente recoñecido no artigo 37 da lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e non esixe nin sequera a condición de interesado no expediente, como si ocorría neste caso.
A Plataforma pola Defensa de Corcoesto, ante a negativa reiterada da Xunta e a empresa mineira a facilitar eses datos, dubida da vixencia das concesións Emilita que data do ano 1912, e Ciudad de Landró e Ciudad de Masma que datan do ano 1926. Estas concesións mineiras necesariamente tiveron que ser obxecto dun tratamento especial ou ter solicitada e prorrogada a súa vixencia. En caso contrario estarían caducadas o que imposibilitaría levar a cabo o proxecto mineiro.

xoves, 14 de marzo de 2013

O sector mineiro galego, está a cavar a súa tumba en Corcoesto?

Está o sector mineiro galego a cavar a súa propia tumba? Imaxe de eliduke

O sector mineiro galego, está a cavar a súa tumba en Corcoesto?
Esta reflexión é unha carta aberta para os actores do noso sector mineiro que se están a posicionar a prol do proxecto de explotación aurífera de Corcoesto: Dirección Xeral de Industria Enerxía e Minas, Cámara Oficial Mineira de Galicia, e persoal ligado á Enxeñaría de Minas.
É un feito que as transnacionais de bandeira canadense como Edgewater Exploration Ltd, a través da súa filial Mineira de Corcoesto SL, perseguen o máximo lucro mediante a interpretación máis laxa posible da normativa ambiental, aquí como en Honduras, son as mesmas. A proposta inicial xa tivo que ser modificada neste senso1 e é posible que se volva facer, como en Salave, onde a Comisión para Asuntos Ambientais de Asturias non aceptou os lodos cianurados nin que a explotación fose a ceo aberto2. Mesmo pode rematar paralizada pola Xustiza3. Onde ficaría a credibilidade dos actores favorables mentres isto ocorre, despois de subscribiren cos ollos pechados todas as premisas da empresa, comprometendo así o bo uso dos seus coñecementos -e a súa palabra- coa idoneidade do proxecto.
Por outra parte, visto que o PE recoñece probado desde 2010 que a catástrofe ambiental derivada do emprego de cianuro a grande escala é só “cuestión de tempo”4, cando esta chegue sería un golpe mortal non só para todo o sector primario da bisbarra, senón para a minaría galega a nivel de opinión pública. Se engadimos que a empresa non contempla a contratación dun seguro RC para este suposto, e que a súa constitución legal permitiría eludir dita responsabilidade, a recuperación dos danos sería un lastre económico sen precedentes para a Administración. E se temos en conta que o máis probable é que a prohibición total da minaría a ceo aberto con lixiviación por cianuro se faga efectiva na UE antes de rematar a vida útil da mina, esta faise a todas luces inviable. Mais non haberá que agardar a que a catástrofe ambiental por mor do cianuro se produza para percibir a afectación doutras actividades, e non se trata só de custes económicos como a eterna hipoteca do mantemento das balsas, senón tamén de custes sanitarios: unha vez comprobada a relación entre as escavacións na zona e os niveis de arsénico nas augas5, pódese afirmar que en poucos anos se multiplicarían na cunca hidrográfica do Anllóns as patoloxías ligadas á exposición ao arsénico, clasificado como canceríxeno para os seres humanos polo CIIC6.
Poñendo a vista nos e nas profesionais que avalan este proxecto non se encontran argumentos técnicos integrais senón pouco rigor e xustificacións evasivas do mal menor; como se a impermeabilización das balsas impedise unha eventual fractura por corremento, desprazamento tectónico ou descarga de material. Débese sospeitar dos grupos de presión que afirman con lixeireza “non contemplar riscos”.
Poñendo a vista na Administración non se encontran observancia nin responsabilidade senón curtopracismo e intereses opacos; como mostra, a Xunta vén de emitir unha Declaración de Impacto Ambiental favorable para un proxecto insostible en canto a uso do recurso Auga por exemplo, cunha redacción pouco profesional e perlas como considerar residuos non inertes “non perigosos” 4.500 toneladas de cianuro7.
Poñendo a vista, en definitiva, no noso sector mineiro, non se encontra ningunha estratexia de futuro que lle permita propoñer un modelo extractivo sostible.
E a raíz da multiplicación exponencial nos últimos anos de concesións de explotación, con proxectos irracionais, en localizacións inverosímiles -véxase LIC Anllóns, Fragas do Eume, Serra do Galiñeiro, etc- estase a crear un movemento social que comeza a facerse preguntas incómodas sobre a minaría en xeral, como aconteceu nun recente encontro amplo e multidisciplinar sobre esta problemática8... 
-Por que temos o 4% da superficie do Estado e o 14% das minas?
-Por que temos o 50% do País en réxime de concesión mineira? 
-Por que a Xunta subvenciona as catas e empresas foráneas levan a produción? 
-Por que antes non se permitían estes proxectos e agora si? 
-Que beneficio obtén a poboación local da especulación co produto? 
-Que xustifica a perda de calidade de vida no entorno dunha mina? 
-Que futuro lle agarda a un lugar onde antes había unha mina? 
-Por que máis da metade da lousa que se vende no mundo sae de explotacións galegas a ceo aberto mentres os países desenvolvidos as traballan subterráneas ou directamente protexen o territorio? 
-É certo que na reciclaxe dun kg de lixo informático se obtén a mesma cantidade de ouro que en 5 toneladas de Corcoesto?

Roberto Roget Antelo
Responsable de Sensibilización do grupo de Desenvolvemento Rural de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia

1 “Alegacións á mina de ouro de Corcoesto”, Sociedade Galega de Historia Natural, 31-5-2012.
2 “Aprobada a mina subterránea de Salave sen balsa de cianuro”, El Comercio, 28-11-2012.
3 “O Parlamento galego reclama unha garantía mínima suficiente á mina de ouro de Corcoesto en base á Lei 26/2007 de responsabilidade medioambiental e á lei de minaría de Galicia". El País, 7-2-2013. Precedente: “A Xustiza e a Consellaría de Medio Ambiente non permiten que Erimsa explote o seixo da Terra Chá”, Sindicato Labrego Galego, 28- 2-2013.
4 “Debate sobre a prohibición das tecnoloxías mineiras que usan cianuro”, Parlamento Europeo, 21-4-2010.
5 “Land–ocean contributions of arsenic through a river–estuary–ria system (SW Europe) under the influence of arsenopyrite deposits in the fluvial basin”, Costas et al., 2011.
6 “Centro Internacional de Investigacións sobre o Cáncer. Arsénico”, OMS, 2012.
7 “Alegacións á DIA do proxecto de Corcoesto”, SGHN, 20-12-2012.
8 “I Encontro galego sobre o impacto da minaría”, 16-2-2013.

luns, 11 de marzo de 2013

Carta aberta ao alcalde de Coristanco

O río Anllóns, en Verdes, Coristanco. Imaxe de elBúho

Carta ó Alcalde de Coristanco

Estimado Sr. Pensado.
Son unha veciña de Cereo, aínda que fai máis de vinte anos que non vivo alí. Creo que uns poucos menos dos que vostede leva gobernando o concello.
Recórdanme meus pais que unha das grandes cousas que vostede fixo, e da que toda a parroquia aínda lle segue moi agradecida, foi a traída da auga do manancial de Baralláns. Antes de entrar vostede no concello, tódolos veráns había problemas coa auga, conflitos entre os veciños e, a parte que a min máis me tocaba, moito traballo carrexando caldeiros de auga da fonte, costa arriba cara o Barreiro, para a casa e os animais. Eu tamén lle agradecín moito o seu logro.
Paradoxicamente, esa auga vai ser o primeiro que desapareza cando Mineira de Corcoesto-Edgewater teña o seu visto bo para operar. O manancial de Baralláns, do que miña nai fala como se describira o ceo “a auga sae dunhas pedras brancas que é unha marabilla velas”, vai ser destruído para meter a balsa de lodos. Si, cambiamos manancial de augas puras por lodos contaminados… está vostede seguro de que os da mina lle fixeron un bo “trato” ou faríanlle un bo “truco”? Sabe vostede como vai abastecer a parroquia de Cereo?. Con cisternas que subministren auga 2-3 horas ó día como fan nos pobos mineiros do Perú? Se xa ten esa información, non cree que os veciños, afectados directos, teñen dereito a coñecela? E, se non a ten aínda, non cree que sería importante saber como se vai suplir a falta do manancial antes de que o destrúan?.
Moitos dos veciños que hoxe seguen calados confían en vostede, deféndeno, porque non conciben, non se creen, non entenden que vostede non os vaia defender a eles, as súas terras, as súas casas, a súa saúde.
Cando lle conto a meu pai que vai haber 196 voaduras “tipo A” ó ano (saen 4 á semana) que cada unha arranca 37.800 m3 de material, perforando máis de 2 km e medio de barrenos en cada voadura, levantando unhas nubes de pó que poden chegar ata 50 km á redonda, sepultando colleitas, prados, hortas,… el, confuso, dime “pero, se iso é tan malo como dis, por que non nos defende o noso alcalde?”
Pódelle contestar vostede, Sr Pensado?
Un cordial saúdo,
Carmen Varela

domingo, 10 de marzo de 2013

Engano colectivo aos parados de Bergantiños


Os postos de traballo, unha arma de engano masivo. Imaxe de arribalasqueluchan


Mineira de Corcoesto contratou á ETT Adecco para “perpetrar un engano colectivo” aos parados da comarca de Bergantiños.
A empresa mineira pretende cambiar a percepción social do proxecto mineiro creando “falsas expectativas laborais”, ao tempo que está a despedir aos empregados actuais.

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto alerta de que a empresa mineira Canadense, aproveitándose da actual crise económica e do elevado nivel de desemprego, contratou a unha empresa de traballo temporal para crear unhas falsas expectativas laborais na comarca, que nada teñen que ver coa realidade do proxecto.
Este modo de proceder constitúe un engano masivo á poboación desempregada dos Concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso, para tratar de cambiar a percepción social do proxecto mineiro nun momento en que está a medrar de xeito continuado a oposición social ao mesmo, non só na comarca senón en toda Galicia.
Segundo a Plataforma, a recollida de curriculums que realiza Adecco non é máis ca unha farsa, tal e como se demostra polo feito de que a empresa xa comunicara publicamente que dispoñía, xunto con Concello de Cabana, de máis de 1.400 curriculums. Agora, coa contratación desta ETT, a empresa mineira quere obrigar aos desempregados da contorna a entregar novamente o curriculum, burlándose así da necesidade da xente.
Por outra banda, resulta sorprendente que desde a empresa mineira e de Adecco se fale de que o oitenta por cento dos 271 postos de traballo estean reservados a persoas sen formación, cando segundo o proxecto sometido a exposición publica é todo o contrario. Ademais, no proxecto indícase que unicamente 138 dos 271 postos de traballo son de persoal propio e os restantes 133 son persoal de subcontratas, polo que resulta insólito, por falso, que a empresa mineira de Corcoesto poida seleccionar a través de Adecco ao persoal das subcontratas.
Outro dato que abunda no engano colectivo é o feito de que nestas semanas está a despedir aos traballadores actuais por non ter actividade nin visos de tela a curto prazo, ao non existiren garantías de que a Xunta de Galicia vaia a aprobar o proxecto por terse tramitado con multitude de erros que serían causa de nulidade do procedemento administrativo.

martes, 5 de marzo de 2013

A Xunta de Galicia sométese aos ditados de Mineira de Corcoesto

Río contaminado por vertidos dunha mina en Queenstown

A Xunta de Galicia sométese aos ditados de Mineira de Corcoesto E NON LLE VAI OBRIGAR A publicar en tempo real e en páxina web os parámetros de calidade das augas en tódolos puntos de vertido, tal e como pedía a D.X. de Conservación da Natureza.

A Plataforma de Corcoesto vén de ter acceso a un documento do expediente de tramitación do proxecto mineiro, no que o xerente da empresa, señor Lluis Boixet, manifesta a súa disconformidade cunha petición que se lle fixera desde a Dirección Xeral de Conservación da Natureza.
No documento, que ten rexistro de entrada do día 5 de novembro, o señor Boixet afirma que a empresa non quere acollerse a unha das condicións do informe emitido polo citado organismo, en concreto a esixencia de publicar en tempo real e en páxina web os parámetros de calidade das augas en tódolos puntos de vertido.
Ademais, na súa solicitude afirma o xerente da empresa mineira:
“La publicación en página web y en tiempo real de la calidad de aguas en los vertidos sólo se puede comprender si se pretende informar en tiempo real no ya a la Administración Pública, sino al público en general”
Con este documento, a empresa pon de manifesto a súa política de opacidade respecto aos vertidos que se poidan producir na explotación, política de opacidade que xa nos é familiar por ser a súa tónica habitual de funcionamento.
Pola nosa parte, entendemos que a negativa a ofrecer esa información non se xustifica, a menos que se pretenda ocultar ou maquillar os datos reais dos parámetros de vertido.
Queremos resaltar o feito de que na DIA emitida pola Consellería posteriormente a ese escrito, non se recolle ese requisito da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, senón que se establece que as medicións indicadas pola DXCN serán remitidas a Augas de Galicia mensualmente.
Deste xeito, a Consellería sométese aos ditados da empresa Mineira de Corcoesto,  renunciando así ao seu propio criterio inicial, e poñendo en cuestión a súa obriga de velar pola calidade das augas que son de todos nós, así como de aplicar o principio de cautela, tal e como se recolle na Directiva europea de augas.
Preguntámonos que é máis grave, se a evidente intención da empresa de ter a ocasión de manipular os datos dos vertidos, ou a subordinación da Xunta ás ordes da empresa mineira, en lugar de manter as condicións iniciais e velar polos intereses dos seus administrados. Esta subordinación bota serias dúbidas sobre a posible conivencia entre a empresa mineira e a Administración, dúbidas que unidas a outros indicios que se veñen dando desde a exposición pública deste proxecto, pensamos xustificarían unha investigación seria sobre este caso por parte da Fiscalía Anticorrupción.
No escrito engade tamén o xerente da empresa que
“No se tiene constancia de proyecto o actividad en Galicia al que se le haya exigido un condicionado similar, en el que se haga partícipe al público general, no técnico, de la supervisión técnica en tiempo real de la actividad”.
Entendemos que facer partícipe ao público en xeral dos datos dos vertidos dunha empresa destas características debería ser a tónica xeral, e congratulámonos de que a DXCN teña pensado nese exercicio de transparencia, malia telo descartado logo.
Descoñecemos se se esixe ou non noutros proxectos ou actividades, pero cremos que a petición inicial da DXCN é máis que razoable tratándose dun proxecto que vai utilizar 1.490 kg de cianuro de sodio diariamente, traballando nun solo con altísimos contidos en arsénico, e que se encontra a escasa distancia do LIC Río Anllóns (parte de Rede Natura), que, de haber algún vertido superior aos límites establecidos pola lexislación -límites xa de por si bastante flexibles- veríase indubidablemente en perigo.
Esiximos da Administración que dea unha explicación pública de por que se renuncia a someter a empresa ao exercicio de transparencia que se lle esixía nun inicio.