luns, 25 de febreiro de 2013

Mineira de Corcoesto e as mentiras sobre a auga



Un dos problemas que trae consigo a minaría de ouro é o do consumo de auga.
Un proxecto destas características ten un enorme consumo de auga, e, consecuentemente, a redución da cantidade de auga que se pode destinar a outros usos.
No proxecto fálase dun consumo duns 1.400.000 m3 anuais, entre a auga captada da chuvia (432.695) e a auga obtida de recursos subterráneos (967.305)
1.400.000 m3 equivalen a 1.400.000.000 litros, xa que un metro cúbico ten 1000 dm3, ou, o que é o mesmo, 1000 litros
Se dividimos 1.400.000.000 litros/ano entre 365 días que ten o ano, obtemos a cifra de 3.835.616 litros /día, ou, o que é o mesmo, 3.835 metros cúbicos.
Sen embargo, esa cantidade é moi diferente da que a empresa mineira manexa nunha publicidade (con aspecto de artigo informativo, pero publicidade ao fin e ao cabo) recentemente saída na prensa.
Non deixa de ser curioso que expoñan unha cantidade no proxecto e outra moi diferente nos medios de comunicación. En cal dos dous textos nos están enganando? Tal vez nos dous?
Nesa mesma publicidade afirman o seguinte:
"A auga precisa para o tratamento do mineral rolda os mil metros cúbicos ao día -xa vimos que é moito máis-, que se obterán exclusivamente da chuvia e das augas subterráneas"
Vaia, iso déixanos moito máis tranquilos! Porque se a van quitar da chuvia non nola quitan a nós... É iso o que están insinuando? Tratan de dicir que total se a collen da chuvia é como se non a consumisen?
Sabe esta xente o que é o ciclo da auga?
A auga que hai no planeta está aquí desde o principio, é sempre a mesma.
Sobe e baixa, vai para as nubes e volve para o chan. Pode estar en forma de vapor, de auga ou de xeo; pode estar máis limpa ou máis contaminada...pero segue a ser a mesma.
E toda auga que se quite dese ciclo para un uso estase privando para outros usos. Tanto ten se se colle dun río, da chuvia ou das augas subterráneas: a auga que se usa para a minería estase detraendo de outros posibles usos, sexa para regar os campos, para dar de beber ao gando ou para facer medrar a herba.
Ademais, todos eses millóns de litros de auga pasarían a ser, despois do seu uso na mina, litros de auga contaminada.
Que repercusión pode ter para a economía da zona, baseada en actividades sustentables como a gandaría e a agricultura, este alarmante consumo de auga? É un tema que non aborda nin o proxecto nin o seu Estudo de Impacto Ambiental, cheo de carencias.
Segundo a Directiva Marco da Auga, “A auga non é un ben comercial como os demais, senón un patrimonio que hai que protexer, defender, e tratar como tal”. Estase atendendo a esta normativa ao facer uso dun volume tan importante de auga para atender as necesidades dunha empresa mineira, en detrimento de outros usos da mesma que son  importantes para a nosa economía?
Nesa Directiva insístese na importancia de aplicar o principio de cautela á hora de determinar as substancias perigosas prioritarias, algo que en ningún modo se fai neste proxecto, onde calquera substancia parece ser inocua.
A cautela é algo que non vai con esta xente. Cianuro? Non pasa nada. Arsénico? Malo será!!




luns, 18 de febreiro de 2013

A mina de Corcoesto e os ingresos fiscais municipais





Cos impostos, xogo limpo. Fonte da imaxe


Son un galego de Monforte de Lemos residente en Xixón. Sigo con sumo interese todo o proceso sobre o proxecto mineiro de Corcoesto. Aínda que considero que existen razóns suficientes para oporme, non son dos que lles gusta entrar nunha suposta guerra de “bos” e “malos” optando polos argumentos duns e rexeitando os dos outros, senón que prefiro informarme e valorar, do mesmo modo, os documentos elaborados por todo tipo de expertos, independentemente da súa opinión particular, e valorando os aspectos positivos e negativos que calquera proxecto económico ten sobre o territorio, a poboación, formas de vida e as consecuencias futuras das actividades económicas a desenvolver.

Considero, ademais, que a toma de decisións da poboación afectada debería facerse en condicións de “xogo limpo” (quizá sexa utópico!), e a publicidade enganosa non debería presentarse como información contrastada. Non se pode pretender vendernos un proxecto mineiro como se fose unha loción contra a calvicie ou un método para adelgazar comendo o mesmo e permanecendo sentados diante do televisor. Sen embargo, atópome con que a empresa mineira publicita, sen máis matices ou explicacións, o seguinte:

“UNHA VEZ EXTRAIDO, O OURO VAISE VENDER DIRECTAMENTE DESDE CABANA DE BERGANTIÑOS, ONDE A EMPRESA TEN A SUA SEDE FISCAL EN ONDE SE IMPUTARÁN TODOS OS IMPOSTOS”

ISTO NON É XOGO LIMPO!
Como é posible insinuar que todos os impostos quedarán en Cabana de Bergantiños?. Ou quérese dicir outra cousa? Cales son as consecuencias fiscais reais das actividades económicas que teñen a súa sede fiscal nunha determinada zona? Non merecen os cidadáns unha información detallada para poder decidir democraticamente cal é o futuro que queren?

OS TRIBUTOS IMPLICADOS NA MINA DE OURO DE CORCOESTO
Toda actividade económica, mineira ou non (un hotel, unha fábrica de queixos, un taller de reparación de automóbiles, unha explotación agrícola, un bar, unha panadería, unha perruquería, etc) está obrigada a tributar por iniciar e exercer a actividade, pola obtención de posibles beneficios, polo valor engadido xerado, etc. Estes tributos supoñen ingresos para calquera das tres Administracións Públicas do estado español (Estatal, Autonómica e Local). No caso que nos ocupa, a empresa mineira que explotará os recursos de Corcoesto, que tributos debe pagar?, a quen?, cantos deles quedarán para o concello de Cabana de Bergantiños?:

1.   Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITPAJD): Aínda que a empresa mineira constitúa unha sociedade (ou xa a constituíra) con domicilio social no Concello de Cabana de Bergantiños, este imposto, que se pagaría unha soa vez no acto da constitución da sociedade mercantil, está transferido integramente á Comunidade Autónoma de Galicia, polo que o Concello de Cabana non recibiría (ou xa non recibiu) nin un só céntimo do mesmo.

2.   Imposto de Actividades Económicas (IAE): podería ser ingresado no Concello de Cabana de Bergantiños, dentro dos epígrafes diferentes (212 - Extracción e preparación de minerais metálicos non férreos e 225.9 - Produción doutros metais non férreos n.c.ou.p.).

3.   Imposto de Bens Inmobles (IBI): a tributación dependerá do valor catastral dos terreos e da súa consideración como de natureza urbana ou rústica polo Concello. Hai que ter en conta que os terreos afectados teñen consideración rústica, polo que o Concello, salvo que cambie a cualificación urbanística dos terreos, dificilmente vai a percibir máis ingresos dos que percibe na actualidade.

4.   Imposto de Construcións, Instalacións e Obras: A tributación por este imposto podería ser unha fonte importante de ingresos para o concello, pero isto tampouco vai a suceder, xa que a declaración do proxecto mineiro como industrial estratéxico exime do pago do mesmo por levar implícita a non suxeición a licenza municipal, que é o que determina a obriga de pagar este imposto.

5.   Imposto sobre Sociedades: A empresa terá que pagar polos beneficios obtidos, pero como é un imposto estatal, ese diñeiro non quedará nin en Cabana de Bergantiños nin en Galicia. Mesmo o diñeiro que pode chegar a recibir a empresa en forma de subvencións ao capital concedidas pola Xunta de Galicia, deberán ser declarados como ingresos pero non tributarán en Galicia, senón na administración estatal.

6.   Imposto sobre Determinados Medios de Transporte e o Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica: O primeiro deles (coñecido como imposto de matriculación) está transferido á Comunidade Autónoma de Galicia e a empresa mineira pagaría este imposto á Xunta no caso de adquirir vehículos automóbiles suxeitos ao mesmo. O segundo é un imposto local que se paga anualmente (coñecido como imposto de circulación) que gravaría os vehículos da empresa mineira domiciliados no Concello de Cabana. No entanto a empresa mineira recorrerá ao renting ou a subcontratas que achegarán os vehículos e cuxo domicilio fiscal non estará en Cabana de Bergantiños nin ao mellor en Galicia, polo que o Concello e a Xunta non recibirán un so céntimo por estes impostos.

7.   Imposto sobre o Valor Engadido (IVE): Grava as entregas de bens ou prestación de servizos, mais no caso do ouro, a maior parte das vendas irán destinadas ao exterior (exportacións ou entregas intracomunitarias de bens). En ambos os casos, son operacións exentas de IVE, polo que non se producirían ingresos por este imposto nin para o Concello de Cabana de Bergantiños, nin para Galicia, nin para o estado español.

8.   Outros tributos tipo taxas: Podería habelos no caso de que a actividade mineira demandase a prestación de servizos ou aproveitamento de bens públicos. Neste caso, o aumento dos ingresos municipais levaría consigo un aumento igual ou superior dos gastos municipais ou autonómicos, polo que os beneficios para o concello ou a administración autonómica son cando menos dubidosos. Un aumento de ingresos por este tipo de tributos ten unha relación directa cos gastos correntes ou investimentos necesarios para esa prestación de servizos que se amortizarán no futuro. Por encima, estas taxas, deixan de abonarse cando remate a actividade da empresa, mentres que os gastos para o concello poden dilatarse no tempo.

En definitiva, os ingresos fiscais dunha actividade económica sempre hai que contrastalos cos gastos públicos que podería orixinar a mesma. Por exemplo, impostos sobre o tabaco fronte a gastos sanitarios derivados das enfermidades que provoca o tabaquismo; imposto de circulación de vehículos fronte os custes de construción e mantemento da rede de estradas; taxas sobre o consumo de auga fronte ao custe de construción e mantemento da rede de sumidoiros e depuración das augas, etc. Esta análise deberíamos facela en maior medida cando os custes para a sociedade ocasionados por unha actividade económica teñen que ser asumidos por unha administración distinta a aquela que percibe os tributos que esa actividade paga.

Un exemplo sobre o que reflexionar: Canto supuxo o desastre de Aznalcollar cando a balsa de tóxicos se derramou e chegou ao Parque Doñana? Compensaron os ingresos fiscais que tributou a empresa cos gastos públicos do saneamento do Parque? Moitos anos despois, a empresa nórdica non pagou nin un euro do desastre ecolóxico que orixinou.

E unha pregunta final: As actividades económicas que deixarán de existir, as que non poderán chegar a ser, ou as que quedarán hipotecadas pola presenza da mina, canto diñeiro deixarán de pagar en tributos?, canto deixará de percibir desas actividades o concello de Cabana de Bergantiños?.

E pasada unha década, cando a mina sexa historia, poderán repoñerse esas actividades agora afectadas?


CONCLUSIÓN: POR FAVOR, XOGO LIMPO!

Os INGRESOS FISCAIS PARA CABANA DE BERGANTIÑOS PODERÍAN VIR DE ACTIVIDADES AGROALIMENTARIAS, INDUSTRIAS DE TRANSFORMACIÓN DE MADEIRA E MOBLE, ARTESANÍA, HOSTALARÍA E TURISMO, etc. E SIGNIFICARÍAN IGUAIS Ou MAIORES INGRESOS FISCAIS QUE A ACTIVIDADE DERIVADA DA EXPLOTACIÓN DA MINA DE OURO AO CEO ABERTO DE CORCOESTO .


Jose A. Tricio Fernández
Economista
 

xoves, 14 de febreiro de 2013

Enterro do Entroido-Manifestación en Coristanco



Queremos un futuro que non pase pola destrución do territorio


A Plataforma pola defensa de Corcoesto chama á participación social na concentración-manifestación que se desenvolverá o vindeiro domingo 17 de Febreiro ás 18 h. que saíndo da rotonda de Carrefour en Coristanco  rematará na praza do Concello de Coristanco.
Esta mobilización social está convocada para expresar a protesta da veciñanza polo intento da empresa canadiana EDGEWATER de instalar unha mina  a ceo aberto na parroquia de Corcoesto e que afectará directamente aos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso e por ende á ría de Corme-Laxe.
A posíbel instalación desta mega-mina a ceo aberto está apoiada decididamente pola Xunta de Galicia e goza da complicidade manifesta dos alcaldes dos tres concellos citados.
Queremos deixar ben claro que queremos un futuro para a nosa comarca que non pase pola destrución do territorio, a contaminación das súas augas, a eliminación da nosa forma de vida e dos nosos recursos naturais.
Queremos un desenvolvemento económico racional e sustentábel para a nosa comarca e non a espoliación dos nosos recursos por parte do canadianos de Edgewater.

Podedes descargar as coplas deste enterro do entroido aquí.