domingo, 27 de xaneiro de 2013

Derbi Valenza-Cereo

Rivais para o fútbol, compañeiros de loita contra a mina


Hoxe celebrouse no campo das Chaves de Valenza o tradicional derbi  Valenza – Cereo. Os dous equipos decidiron limitar a súa histórica rivalidade aos 90 minutos do partido por una causa moi especial: Xogadores e seareiros dos dous equipos quixeron amosar publicamente, posando cunha pancarta, a súa unión á hora de rexeitar o proxecto de mina a ceo aberto, promovido por una multinacional canadense, que ameaza as parroquias de Corcoesto, Cereo e Valenza.

Xuntos colaboraremos en tódalas accións e mobilizacións encamiñadas a paralizar un proxecto que, de levarse a cabo, vai supoñer un grave impacto ambiental e socioeconómico nestas tres parroquias e a súa contorna.

O encontro foi moi disputado, e aínda que o Cereo adiantouse no marcador, o Valenza remontou o encontro ata lograr a vitoria por 3 tantos a 2. Tamén queremos resaltar que tódolos xogadores participantes, así como o árbitro, sobreviviron ao encontro.

xoves, 24 de xaneiro de 2013

Mineira de Corcoesto, denunciada por invasión e danos




Mineira de Corcoesto denunciada por invasión e danos nas propiedades sen autorización dos seus propietarios

Ante a desatención reiterada por parte dos representantes da empresa Mineira ás súas queixas, veciños
de Corcoesto veñen de denunciar os danos ante as Autoridades da Garda Civil, que fixeron acto de presenza nos montes afectados para constatar os feitos e tomar as imaxes que acompañan as dilixencias da infracción penal contra Mineira de Corcoesto.

O primeiro contacto dos afectados coa empresa Mineira a raíz destas prácticas foi para requirila a que se retirasen unhas cintas de demarcación dentro de tres montes da súa propiedade no lugar de Baralláns, no linde das concesións mineiras, das que tiveron constancia no pasado mes de decembro, alertados por veciños propietarios das parcelas colindantes, que tamén desaproban estes atentados contra as súas propiedades. A empresa Mineira non só fixo caso omiso deste primeiro requirimento, senón que a maiores colocaron con posterioridade e descoñécese se tamén con nocturnidade, unhas estacas con inscricións para a súa posterior identificación dentro das mesmas propiedades.

Ao segundo requirimento telefónico dos afectados aos representantes da empresa Mineira para a reposición do dano, a resposta foi instar aos propietarios a facelo eles mesmos, ou tomar as medidas pertinentes, nun claro insulto á intelixencia e á sensibilidade, o que a maiores é unha falta de educación que non debe ser tolerada polos propietarios dos bens afectados polo Proxecto Mineiro.

Os antecedentes destas prácticas remóntanse á ocupación e utilización dos montes por parte de Mineira de Corcoesto para as súas labores de investigación, como as sondaxes para a obtención de mostras de mineral, xeotécnicos, calicatas, aperturas de viarios de acceso, ou mesmo para obter auga e canalizala para a refrixeración da maquinaria perforadora. Mineira de Corcoesto debe contar co permiso por parte dos propietarios dos montes afectados previo á ocupación ou á utilización dos seus bens.

Dende a Plataforma pola defensa de Corcoesto animamos aos veciños afectados por estas prácticas abusivas e intimidatorias a poñelas en coñecemento das Autoridades para que se adopten as medidas oportunas na defensa do seu patrimonio, ansiado pola cobiza da empresa Mineira.

sábado, 19 de xaneiro de 2013

Carta de Ana e Marta

Carta aberta de Ana e Marta Díaz Rodríguez (de 10 e de 9 anos) ao Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, sobre a mina de Corcoesto para pedirlle que pare o proxecto.
“Sr. presidente Feijóo:
Somos Ana e Marta, dúas nenas de 10 e 9 anos, que vivimos na parroquia de Valenza, en Coristanco. Oimos falar da mina de ouro de Corcoesto que vai estar nos montes detrás da nosa casa. Por eses montes paseamos moitas veces. Gústanos moito ir por alí porque é un sitio moi tranquilo e só se oen os paxariños, o rego de Lourido e o ruído dos pinos. Tamén nos gusta moito o muíño de Baralláns porque é un sitio moi bonito para ir de merenda. Ás veces descubrimos as pegadas do raposo e do porco bravo. Cando os nosos pais nos dixeron que todo iso ía desaparecer rompéusenos o corazón porque non queremos que desaparezan as árbores, os animais, o aire puro e a tranquilidade.
Coa mina haberá grandes explosións tódolos días cerca da nosa casa e producirá moito po que chegará a todas partes, e tamén moito ruído día e noite. Tamén van facer unha piscina moi grande onde van botar todos os velenos da mina e vanos deixar aí para sempre, e poden contaminar os nosos pozos e fontes. Din que aínda que os veciños non queiran eles van facer a mina igual. Por que lles temos que deixar? Por que uns señores de fóra teñen máis dereitos que os que vivimos aquí traballando as terras desde sempre?
Os nosos pais traballan a terra pero cando veña a mina seguramente non poderán seguir. A nós de maiores gustaríanos axudarlles pero así xa non poderemos.
¿Por que os políticos non pensan nos nenos? ¿Vale máis un camión de ouro que o noso futuro? Nós temos dereito a opinar e queremos que isto pare xa, non queremos que comece. Non queremos explosións ninvelenos nin nada parecido, queremos que a natureza siga sendo tan preciosa como é agora. Acordámonos do noso avó José. A el gustáballe moito a terra e o monte. Era toda a súa vida e poñeríase moi triste se vira como desaparece todo polo que él traballou sempre.
Pense como se sentiría vostede se lle fixeran isto detrás da súa casa e nunca máis puidera volver ao seu lugar favorito. Como se sentiría se lle quitan todo iso de repente? Queremos seguir nas nosas casas coidando as nosas terras.
Por favor, señor presidente, faga todo o que poida e pare a mina.
Grazas pola súa atención.
Unha aperta de Ana e Marta”

venres, 18 de xaneiro de 2013

Bandeiras de conveniencia

Canadá, bandeira de conveniencia para a minería salvaxe

A empresa que pretende explotar o ouro de Corcoesto, é unha empresa canadense, igual que moitas outras do territorio español ou doutros países. É isto unha casualidade?
Se vemos as explotacións de ouro no mundo, observamos que detrás dun elevado número delas encontramos unha empresa canadense. Poderíase dicir que Canadá é unha potencia mineira a nivel mundial, non polas súas reservas naturais de ouro, senón polo elevado número de empresas dese país que se adican á súa extracción.
Ademais, o 60% das empresas mineiras do noso planeta están inscritas na bolsa de valores de Toronto, onde se levan a cabo o 80% das transaccións do sector.
Por que ocorre iso?
Á lexislación extremadamente permisiva coa que conta Canadá en canto á actividade mineira no seu propio territorio, temos que engadir a ausencia dunha normativa clara á hora de abordar as desfeitas producidas polas empresas mineiras transnacionais en terceiros países.
Poderíase dicir, pois, que Canadá é unha especie de “bandeira de conveniencia” para o sector mineiro. A xurisdición canadense é unha bicoca para este sector, ao contar alí co apoio tanto político e legal como financeiro para esta actividade.
Galiza, co goberno actualmente no poder, está resultando tamén outra bicoca para as industrias extractivas. Con leis como a da minería (herdada do franquismo) ou a de política industrial de Galiza (pouco menos que feita a medida para o sector); e cuns gobernantes que parecen ter esquecido que o territorio é unha propiedade do pobo que teñen o deber de xestionar, e non unha propiedade privada coa que especular para obter beneficios a curto prazo, a nosa Comunidade estase a converter nun auténtico paraíso para as empresas mineiras.
Por se iso fose pouco, aínda lles pagamos para que nos veñan roubar: outórganse xenerosas subvencións, cos cartos de todo o pobo, a unha industria que de utilidade pública só ten a consideración que como tal lle dá a nosa Administración; subvenciónanse incluso as labores de investigación, con fondos destinados a “entidades sen ánimo de lucro”, facendo alarde dun particular sentido do humor ao incluír a minería nesa categoría.
Se damos unha volta polo DOG vemos que unha importante parte do noso territorio está convertido en cuadrícula mineira, ben sexa para exploración, ben para explotación. Corcoesto, Santa Comba, Terra de Montes, a Terra Chá, Triacastela, Ribeiras do Miño...
Non deixemos que convertan Galiza nun inmenso deserto de residuos mineiros!

domingo, 13 de xaneiro de 2013

Viabilidade económica do proxecto: sen demostrar


A Plataforma pola Defensa de Corcoesto pide a Barklays Bank e Credit Suisse que non financien o proxecto mineiro de Corcoesto por estar en dúbida a súa viabilidade económica.

Da Plataforma pola Defensa de Corcoesto vimos de remitir aos Consellos de Administración das entidades Barclays Bank e de Credit Suisse, con sede social en Londres e Suiza respectivamente, escritos nos que solicitamos que non lle concedan financiamento á empresa canadense Edgewater para o proxecto mineiro de Corcoesto por non estar debidamente acreditada a súa viabilidade económica.

Os escritos acompáñanse dun informe da Universidade de Vigo que certifica que o proxecto de explotación unicamente pode asegurar un 22% dos recursos auríferos de Corcoesto. Concretamente sinala que “as campañas de investigación certificaron a fiabilidade desa porcentaxe -15% medido y 7% indicado- sendo o restante 78% recursos inferidos ou “recursos de baixo nivel de confianza”.

Este informe cuestiona ademais a lei de corte establecida para o proxecto mineiro de Corcoesto en 0,65 gr/t. Esta lei é o parámetro fundamental a considerar para determinar se os xacementos son explotables ou non, así como a xeometría dos mesmos e a súa viabilidade económica. O informe conclúe sinalando que “a xustificación dos recursos queda en dúbida xa que, en opinión da empresa mineira, dúas terceiras partes deles non están convenientemente xustificados e iso contravén o disposto no regulamento da Lei de Minas”, tal e como xa temos denunciado desde a Plataforma en reiteradas ocasións ante a Dirección Xeral de Minas.

Ademais do anterior, remitimos ás citadas entidades financeiras un completo dossier coas alegacións presentadas por distintos colectivos sociais, un resumo de prensa acreditativo da oposición social ao proxecto, así como outros informes que poñen de manifesto os elevados riscos ecolóxicos e sanitarios e os negativos efectos socioeconómicos do proxecto para a Comarca de Bergantiños.

Por último, pedimos ás entidades financeiras que respecten a súas respectivas estratexias de Responsabilidade Social Corporativa, e que non se convertan en cómplices dun proxecto que destrúe a riqueza paisaxística do noso territorio, contamina o medio natural, destrúe as actividades económicas tradicionais e xera pobreza a medio prazo.

venres, 11 de xaneiro de 2013

Carta aberta ao señor Franco Grande


Río Anllóns. Imaxe de Manusemo
Estimado Señor: 
O motivo que me leva á ousadía de escribirlle é a profunda dor que me producen as súas palabras, na discrepancia co seu amigo X. M. Beiras polo apoio á loita en contra do proxecto mineiro de Corcoesto, pola razón -entendo fundamentada- da mesma.
Nacín en Corcoesto, un fermoso leito entre dous vellos montes deses que suavemente ondean debuxando a paisaxe da comarca de Bergantiños, agora ameazada polo proxecto mineiro a ceo aberto que pretende levar a cabo unha multinacional con sede en Vancouver (Canadá, como vostede sabe). Polo momento vivo aquí -sonlle un dos centos de afectados máis inmediatos e un dos moitos milleiros de sensibilizados, ao igual que o señor Beiras- inmerso nunha terrible pero non quieta espera ao tempo que se producen moitos acontecementos, algúns manifestamente en favor desa inminente destrución, outros parece que incomodamente en contra, froito dunha incansable loita social na que me honra ter parte.
Motivada por esa gravidade do asunto á que vostede se refire, esta loita da que eu lle falo líbrase en guerra de múltiples batallas nos distintos eidos: social, económico, financeiro, científico, xurídico, político... en virtude dos cales hai argumentacións suficientemente serias para definir un posicionamento contrario a este proxecto, do que vostede tamén podería formar parte en perfecta coherencia cos valores que representa a súa fecunda colleita.
A pesar do seu grande impacto, os xacementos mineiros ou enerxéticos (xa que menciona o petróleo) abastecen demandas da sociedade actual que, agás a cobiza humana ou por culpa da mesma, poderían ser satisfeitas con fontes máis universais. A demanda do ouro está máis que satisfeita, pois debemos saber que a cuarta parte de todo o extraído ao longo da Historia atópase intacto nas caixas fortes da banca mundial colonialista, lonxe dos espoliados -non pobres- lugares de orixe. Só un 12% se utiliza en procesos industriais, o 88% restante queda a disposición da ostentación e outros valores artificiais que neste desgraciado momento que estamos a vivir acadan cotas supremas. Canto ouro hai en Corcoesto? Pois non se sabe, só hai constancia dun 22% do millón de onzas estimado pola empresa mineira, o resto é inferido. E canto ouro sería ese millón de onzas? 34 toneladas, volume que se non se afundise, podería ser carrexado nunha furgoneta para o Canadá.
Se as concesións mineiras de Corcoesto datan de principios de século XX (por tanto de cuestionable vixencia legal) a que vén este interese estratéxico urxente que deixa fronte a el á sociedade nunha situación de indefensión ameazando a nosa propia riqueza e saúde, polo tanto o noso futuro? Debe saber vostede que este proxecto “negóciase” como industrial estratéxico, non como proxecto mineiro, de maior complexidade para tal inmediatez de trámite. Para elo debe acollerse á nova Lei 13/2011 de 16 de decembro reguladora da política industrial, aparente “vía rápida”, pero chea de imperativos que tales proxectos deben cumprir. Cre vostede que esta mina suporá un "aumento" ou "consolidación" do tecido industrial galego e que a implantación territorial é estratéxica e coherente co medio nunha caduca existencia de 13 anos? Cre vostede que o emprego do cianuro é unha tecnoloxía innovadora? Debemos confiar nunha relación só numérica de
máis de 250 postos de traballo "ofertada" para a que non existe cualificación na nosa comarca? Pois estes son algúns requirimentos da devandita lei que deben ter resposta afirmativa. En Corcoesto sabemos que a resposta é "non" a todas estas preguntas. Igualmente pensamos que destruír unha superficie de 8 km cadrados dun total de 14 non é en virtude da nosa prosperidade.
Voaduras a razón de 5 por semana durante 10 anos, po, camións de grande tonelaxe abastecendo tres grandes muíños próximos aos lugares habitados… Non quero facerlle moito ruído cos datos, señor.
Despois disto, un legado que hipotecará as nosas xeracións futuras, cambiando a riqueza dos nosos montes que albergan as augas que nos dan a vida, por millóns de metros cúbicos de escombreiras, entulleiras, lagoas contaminadas... de centos de metros de profundidade, por non falar dun muro armado de máis dun quilómetro de longo e 60 m de altura no seo dun río que se desviará para logo bordear esa balsa de residuos cianurados enriba dunha falla sísmica. Aínda que se cubran cun disimulado velo herbáceo, coincidiremos en que no que nos queda de vida non nos acubillará unha tamén pretendida fraga sobre ese novo leito. Xa temos arsénico dabondo no Anllóns e no seu fermoso estuario, como ben avalan os estudos do CSIC - recoñecida autoridade mundial en rigor científico- para desexar agora verquidos superiores aos legalmente permitidos de metais pesados, aínda que parece que a DIA da Xunta de Galicia permite estas e moitas máis "licencias" deixadas á boa fe da Sociedade Limitada Mineira de Corcoesto, filial da empresa canadense que carece de seguro de Responsabilidade Civil para acometer o seu fin. Ou o noso… fin.
Quixera saber, si. En Corcoesto tamén quixéramos saber como vai afectar este proxecto á nosa realidade socioeconómica en perfecto equilibro co medio dende tempos remotos. Quen avalía os postos de traballo que se perden e os pasivos ambientais? Tamén quixéramos saber do noso patrimonio arqueolóxico, por se resulta escasa a riqueza paisaxística, en biodiversidade de flora e fauna, económica e vital que gardan os nosos montes. Cultura Castrexa, monumentos funerarios e megalitismo soterrados, vestixios das formas de vida Prehistórica e do culto ás augas e a fertilidade, etc. Sen embargo este proxecto non dá resposta a iso, así que non lle podo contestar, quizais dentro de 13 anos…
Corcoesto leva gravado na súa toponimia a súas orixes auríferas: o mesmo nome corco (pedra) esto(auga) ata semella un fatídico reclamo para os romanos que viñeron extraer o ouro que aquí relucía fai máis de dous milenios. A Canle segue sendo o lugar forxado polo "ruina montium", actuando a profundidades de 10-20m. Fonterremula, lugar que nos fala das fontes onde se embalsaba a auga que movendo aqueles amoreamentos de pedra -ou Picotos, lugar tamén de Corcoesto- coa súa forza arrasaban o noso monte ao seu paso. Hoxe en día, eses cantos rodados forman os valados que delimitan as nosas pequenas propiedades. Tamén temos un lugar Montefurado, polo momento.
O coñecemento desta realidade na recente visita que agradecemos ao seu amigo X. M. Beiras foi para min un brinde á racionalidade manifesta na súa oposición a este proxecto, en apoio á nosa loita da que forma dende hai tempo parte. Xa quixéramos que nos visitaran os responsables políticos que coa súa firma participarán da posta en marcha deste “plan de prosperidade” que nós non queremos. Cando os visitamos no Parlamento de todos, descoñecían tanto a nosa realidade como o seu proxecto estratéxico -que nós lles transmitimos-. E se é que non as teñen, poderían vir a tamén a escoitar as nosas alternativas sustentables que coa axuda do seu traballo proxectaríamos para o noso futuro.
Por suposto quixera brindarlle tamén a vostede a oportunidade de que veña coñecer de primeira man a nosa realidade e as pretensións deste proxecto culpable tamén deste ousado contacto pola miña parte, sen máis urxencia que a imposta polo carácter “estratéxico” do mesmo, para que poida responder ás cuestións que observei propoñía na súa carta ao amigo señor Beiras, e aquí lle transcribo:
“Paréceme dunha lixeireza sorprendente a oposición, sen apoio en ningunha fundamentación seria -como esixe a gravidade do asunto-, á explotación mineira de Corcoesto. ¿É malo que teñamos explotacións de minas de ouro? ¿Ou que aparecese petróleo? Eu non o sei. Pero, como moitos, quixera sabelo; isto é, por que si ou por que non. Pois non vexo unha mínima racionalidade construtiva na vosa oposición á brava.”
Como despedida, permítame unha última reflexión, sobre aquelo de que a miúdo se confunden valor e prezo. A falta dun valor intrínseco real, o ouro sempre terá un prezo determinado polos mercados. Eses mercados que queren gobernar as nosas vidas, determinan que a casa dunha familia de Corcoesto herdada dun pai, dun avó, xeración tras xeración, de incalculable valor, neste momento ten un prezo… nulo.
Sen outro particular, espero acolla ben estas miñas palabras dende o máis profundo do corazón.
Atentamente,
Fernando Marcelino Souto Verdes. Corcoesto. Cabana de Bergantiños

luns, 7 de xaneiro de 2013

Proxecto estratéxico. 2: Investimentos


Na última entrada comezamos a explicar por que nós consideramos que o proxecto de Corcoesto non pode recibir a cualificación de estratéxico, xa que non cumpre os criterios que a propia Lei de política Industrial de Galicia establece.
Hoxe analizaremos o segundo criterio, que é o seguinte:

b) O volume de investimento, que deberá ser como mínimo de 50 millóns de euros; o nivel de creación de emprego, que deberá ser superior a 250 postos de traballo directos; e a diversificación que se introduza no tecido industrial galego.

Se analizamos o proxecto de Corcoesto, vemos que a maioría dos investimentos previstos son investimentos en infraestruturas que non van quedar na zona.
Na páxina 243 do Proxecto de Explotación, no apartado relativo a investimentos e infraestruturas, dise que se van realizar investimentos no capítulo de Acceso Xeral por valor de 1.686.179,04 euros. Estes investimentos son necesarios para a explotación pero non melloran a situación previa na zona, xa que se trata de desvíos de estradas, ríos etc, para paliar unha destrución que debe facerse inicialmente, de modo que ese investimento só ten un efecto reparador dos propios efectos negativos do inicio da actividade.
Máis adiante, vemos que se fala de investimentos para un Centro de Transformación por valor de 256.236 euros. No propio Plano de Restauración recóllese que ese Centro de Transformación será desmantelado ao rematar a actividade. O mesmo ocorre cos gastos previstos para instalacións (79.575.076,92 euros).
Así pois, as infraestruturas que está previsto crear para a explotación, desmantelaranse ao finalizar esta, e por tanto non mellorarán a dotación da zona.
Polo que respecta aos gastos en Investigación, 17.683.234,34 euros, corresponden á realización de galerías e sondaxes. Estes investimentos son en realidade gastos de exploración que, en ocasións como esta, son considerados un activo inmaterial. Como tal, unha vez rematada a actividade non deixarán ningún impacto positivo na zona.
Son, ademais, investimentos que non introducen diversificación algunha no tecido industrial galego. De feito, considerando a medio e longo prazo, non modifican en absoluto o tecido industrial galego, xa que se trata dunha actividade cunha proxección moi curta no tempo.
Pensamos, ademais, que habería que valorar os efectos negativos que o proxecto tería para a zona en diversos aspectos: perda de valor patrimonial dos terreos e vivendas circundantes, afeccións ás actividades tradicionais (gandaría, agricultura, marisqueo), incidencia negativa na actividade turística...
Canto aos postos de traballo, como xa dixemos en máis ocasións, aínda que o proxecto fala da creación de 271 postos, non se especifica cal é a duración de cada un deles.
Sen embargo, hai un dato no proxecto que nos parece revelador dos postos reais que se pensan crear. Na táboa 81 da páxina 189 do Estudo de Impacto Ambiental, estímase o tráfico asociado á explotación e considéranse 198 desprazamentos, coa advertencia de que ida e volta contabilizan duplo. Isto parece indicar que a diario só se considera un máximo de 99 traballadores.
Todos estes datos fixéronse chegar á administración nas alegacións que Verdegaia e outros colectivos presentaron en canto á consideración de estratéxico do proxecto. A Administración non pode dicir que os descoñece.

Queremos, para rematar, facer referencia a outro documento que non parece importar moito aos nosos gobernantes: a Declaración de Berlín, unha declaración dun grupo de científicos na que, ademais de afirmar que o proceso de extracción de ouro mediante a lixiviación con cianuro non pode garantir as medidas de seguridade contra accidentes, poñen en evidencia que as análises sobre efectos sociais e condicións de traballo nas áreas que estiveron expostas a proxectos mineiros deste tipo, demostran que non hai efectos positivos para a sociedade derivados dese tipo de extracción. Pola contra, as ganancias a corto prazo (algúns postos de traballo), van sempre seguidas dunha permanente caída de calidade de vida en comparación cos estándares previos.

Se, coñecendo estes datos, os nosos gobernantes se empeñan en seguir coa teima do proxecto estratéxico, só podemos pensar nunha cousa.
Empeza por p: dise do feito de que unha autoridade dite unha resolución arbitraria nun asunto administrativo, sabendo que esa resolución é inxusta.
Pasapalabra!

xoves, 3 de xaneiro de 2013

Proxecto estratéxico. 1. A importancia tecnolóxica.

Bolsas con pastillas de cianuro atopadas nunha mina de Jujuy

O proxecto mineiro de Corcoesto saíu a exposición pública ao abeiro da Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia.
Segundo esta lei (que foi publicada no DOG, mira ti o que son as casualidades, moi pouco antes de que o proxecto mineiro saíse a exposición pública), aqueles proxectos que obteñan a consideración de estratéxicos obterán certos beneficios. Entre eles:
  • A non suxeición á licenza urbanística municipal.
  • A declaración de utilidade pública e de interese social do proxecto industrial estratéxico, así como a necesidade e a urxencia da ocupación dos bens e dos dereitos afectados dos que o solicitante da declaración teña a condición de beneficiario da expropiación.
  • A declaración de urxencia ou de excepcional interese público para os efectos previstos nesta lei.
  • A declaración de prevalencia sobre outras utilidades públicas.
  • A concesión de forma directa de subvencións de acordo co disposto na lexislación de subvencións.
  • A imposición ou a ampliación de servidume de paso para vías de acceso, liñas de transporte e distribución de enerxía e canalizacións de líquidos ou gases, nos casos en que sexa necesario, de conformidade coa normativa que as regule.
Todo son vantaxes. Así é como hai que portarse cos amigos, claro que si!
Pero...que é exactamente o que este proxecto ten de estratéxico para o noso país?
Desde o punto de vista dos intereses de Galicia, non vemos que ten de estratéxico un proxecto que non proporciona enerxía, nin recursos que vaian quedar no noso país, nin impulsa a actividade industrial galega...
E desde o punto de vista legal?
Que criterios se recollen na lei para que un proxecto sexa declarado estratéxico? Leamos:
  1. Serán considerados proxectos industriais estratéxicos aquelas propostas de investimento para a implantación ou a ampliación dunha ou de varias instalacións industriais que teñan como resultado previsible unha expansión significativa do tecido industrial galego ou a consolidación deste.
  2. Para efectos da declaración dunha proposta de investimento como proxecto industrial estratéxico e para determinar a súa incidencia significativa no tecido industrial galego ou o grao de consolidación deste, terase en conta:
            a) A súa importancia tecnolóxica.
Analizaremos hoxe este apartado a), deixando para unha próxima entrada o outro requisito que a lei contempla para a declaración de estratéxico.
O proxecto prevé utilizar, tal e como xa se divulgou desde os medios nos últimos meses, a tecnoloxía coñecida como lixiviación do ouro por medio de cianuro. Descoñecemos cal pode ser para os nosos gobernantes a importancia tecnolóxica dun sistema xa obsoleto e que entraña enormes riscos, tal e como o testemuñan os numerosos -e gravísimos- que accidentes que ata o momento se teñen producido co uso desta “importante tecnoloxía”.
Trátase dun método, de feito, que foi xa prohibido en varios países. 
O propio Parlamento Europeo, na súa Resolución P7_TA(2010)0145 de 5 de maio de 2010, sobre a prohibición xeral do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro na Unión Europea, recomenda a tódolos países da Unión o abandono desta tecnoloxía.
Nese documento, aprobado de xeito maioritario pola cámara europea (488 votos a favor, 57 abstencións e 48 votos en contra ), pídese á Comisión europea 
 “que propoña a prohibición completa do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro na Unión Europea antes de finais de 2011, posto que é a única forma segura de protexer os nosos recursos hídricos e ecosistemas da contaminación por cianuro procedente das actividades mineiras”.
Pídese ademais, na citada resolución,
“á Comisión e aos Estados membros que non presten apoio, de forma directa ou indirecta, a ningún proxecto mineiro na UE no que se empreguen tecnoloxías mineiras a base de cianuro, ata que sexa aplicable a prohibición xeral, nin respalden proxectos desas características en terceiros países”; 
 e recóllese que  
“en varios Estados membros da UE seguen planeándose novos proxectos de grandes minas de ouro a ceo aberto con tecnoloxías a base de cianuro e en zonas densamente poboadas, xerándose así novas ameazas potenciais para a saúde humana e o medio ambiente”
Estas recomendacións, ignoradas no proxecto de Edgewater, achegan serias dúbidas sobre a “importancia tecnolóxica” de dito proxecto, xa que a tecnoloxía que utiliza é considerada altamente perigosa para o medio ambiente e o ser humano.
Ademais, no Anexo VIII da Directiva marco sobre política de augas, o cianuro (base da tecnoloxía proposta neste proxecto) está clasificado como un dos principais contaminantes e afírmase que pode ter un impacto catastrófico e irreversible na saúde humana e o medio ambiente e, polo tanto, na diversidade biolóxica. Parece difícil, pois, falar de adaptación do proxecto ao medio ambiente.
Como o vedes? Nós pensamos que este primeiro criterio establecido pola Lei para que un proxecto sexa declarado estratéxico, o da importancia tecnolóxica, neste caso non só non se cumpre senón que está moi lonxe de algo parecido a cumprilo.
Pensamos, por tanto, que, en boa lei, este proxecto non debe acadar a declaración de estratéxico nin ningunha das vantaxes que desa declaración se derivan.