O alcalde de Cabana pretende regalar agua a Edgewater pero failla pagar ós veciños.


O alcalde de Cabana súbelle a auga aos veciños mentres pretende regalarlle 1.400 millóns de litros anuais á empresa mineira Edgewater.


Bergantiños amosa a súa indignación coa subida do recibo da auga aplicado polo alcalde de Cabana aos veciños, mentres pretende regalarlle á empresa mineira canadense Edgewater, 1.400 millóns de litros anuais durante os oito anos de explotación mineira.

O consumo de auga previsto pola empresa mineira que figura no estudo de impacto ambiental, equivale ás necesidades anuais de 22.562 persoas, o que representa case cinco veces a poboación do Concello de Cabana.

Resúltanos dificilmente explicable a xestión e a actitude do alcalde, que non ten reparos en regalar a auga aos de fora, pero pretende cobrarlla a “prezo de ouro” aos veciños do Concello que el administra.




Precisamente os veciños de Cesullas, Canduas e Neaño, están agora a pagar a mala xestión do Sr. José Muiño, que non foi quen de adxudicar o servizo de auga no prazo dun ano porque en lugar de traballar para atender as necesidades da poboación do Concello, dedicouse a traballar para a empresa mineira. En consecuencia, agora os veciños teñen que pagar os atrasos, e ademais ver incrementado o custe dun servizo esencial dos fogares, como é o da auga.

O prezo por metro cúbico aplicado por Aquagest era de 0,2569 euros, aos que había que sumar 2,06 euros en concepto de cota de servizo e outros importes en conceptos de taxas, conservación de contadores, acometidas e canons. Agora o prezo aplicado pola nova concesionaria pasa a 0,4 euros metro cúbico, ao que hai que sumar 17,25 euros en lugar dos 2,06 euros de cota de servizo, mentres que os demais conceptos da factura non sofren variación con respecto a Aquagest, agás a aplicación dun consumo mínimo moi elevado, que resulta excesivamente gravoso para moitas familias do Concello.

O importe do regalo á empresa mineira

De aplicárselle á empresa mineira a mesma tarifa por metro cúbico consumido que o Sr. Muiño lle aplica aos veciños, o Concello estaría regalándolle a Edgewater auga por importe de 560.000,00 euros ao ano. Esta cifra supón máis dun 16% do orzamento municipal e equivale a uns 1.534,25 euros por día, sen contar taxas e outros conceptos. Por este motivo pídenlle ao Sr. alcalde que xestione os recursos do concello en beneficio da súa poboación e non en beneficio dunha empresa estranxeira que o único que trae ao Concello é contaminación e miseria para o futuro.

¿Que vos parece? ¿Motivos suficentes para demostrar o trato de favor?

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Edgewater perde os dereitos mineiros de Corcoesto

O Parlamento Europeo prohibe o uso do cianuro nas tecnoloxías mineiras