Apoiando a manifestación convocada polo Monte Pindo Parque Natural na defensa da nosa Terra domingo 6 de Octubre

A Plataforma Pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños estivo onte domingo día 6 de Octubre en Santiago apoiando a manifestación convocada polo Monte Pindo Parque Natural na defensa da nosa Terra.

Deixamos algunhas fotos do percorrido e o noso texto de apoio:


ARDE O QUE SERÁ…

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños acude a esta marcha pola defensa do territorio, invitada pola Asociación de Amigos do Monte Pindo, con ánimo de incendiar as vosas conciencias. Vimos crear un fronte común, prender a mecha da colaboración, meter lume a tanta indiferencia criminal de quen ainda non sabe que a terra é nosa.

Ardiu o Monte Pindo, Olimpo dos deuses celtas, que de habelos, estarán profundamente ofendidos. Os responsables desta desfeita teñen delito, un delito capital de arrogancia e atrevemento que no mundo antiguo chamaban hubris. Para a hubris, o castigo era eterno.

Esta arrogancia e atrevemento proponse queimarnos o futuro, desfacerlle as entrañas a Galiza, asfaltar a totalidade dos seus campos, extirparlle o rostro, borrarle os sinais de identidade. O mundo rural e mariñeiro, a esencia da Galiza, deberían ser fonte de traballo e riqueza, pero son arrasados pola desidia e o esquecemento, ano tras ano, cada verán. Ata cando seguiremos así? Que nos vai quedar tras esta queima sistemática? Ás novas xeracións, que lles imos deixar? Un legado carbonizado? Un horizonte de altos fornos sen oxíxeno, sen bosques, sen natureza?

Non queremos unha Galiza sen presente nin escapatoria.

Non queremos mirar con temor o corpo indefenso do noso futuro.

Paremos a destrucción da nosa terra!

Hoxe facemos un novo chamamento á sociedade galega para reclamar un cambio drástico na dirección das políticas das Consellerías de Medio Ambiente e de Industria.

Queremos que o noso goberno deixe de ver a Galiza como un campo de minas, como pasto para a especulación.

Aos que non souberon realizar a tempo o seu traballo, exixímoslles o cese inmediato!

Imos darlles á brasa ata logralo, imos lembrarlles de que madeira están feitas as nosas árbores autóctonas: esa madeira que non sabe de follas de expedientes.

Agardamos cambios, agardamos respostas en lugar de silencio administrativo.
Reclamamos dereitos en lugar de multas e sancións.

Ante a criminalización da protesta, responderemos con democracia e participación!







Comentarios

Publicacións populares deste blog

Edgewater perde os dereitos mineiros de Corcoesto

O Parlamento Europeo prohibe o uso do cianuro nas tecnoloxías mineiras