Denunciamos a presunta obtención irregular da empresa "Mineira de Corcoesto" de 350.000 € en subvencións

Desde a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, a través das asociacións de veciños de Corcoesto, Cereo e Valenza, vimos de presentar unha denuncia ante o Ministerio de Industria polo presunto cobro irregular de subvencións por parte da empresa Mineira de Corcoesto, S.L. 

 A empresa mineira obtivo no ano 2013 unha subvención por importe de 150.000 euros que estaba destinada á execución do proxecto “Investigación complementaria para a definición de novas reservas mineiras e a realización de estudos adicionais de hidroxeoloxía e xeotecnia no xacemento aurífero de Corcoesto 2012/2013”. No ano anterior, a empresa mineira recibira da mesma administración outros 200.000 euros por traballos similares, pero estas subvencións concedidas pola Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, estaban destinadas á realización destes traballos dentro do ámbito das concesións do proxecto mineiro de Corcoesto, iso é, no ámbito das concesións Ciudad de Landró, Ciudad de Masma e Emilita. 

No entanto, tal e como xa temos denunciado, a empresa realizou estes traballos nas concesións Julia 2 e Julia 3, que afectan principalmente ao Concello de Coristanco, feitos polo que a propia Xunta de Galicia incoou expediente sancionador a Mineira de Corcoesto, por carecer de autorización administrativa previa da Delegación Territorial de Minas e de Augas de Galicia. Por outra banda, a concesión Emilita, que data do ano 1912, caducou no ano 2002 polo transcurso do prazo previsto na lei de minas, razón pola que a empresa mineira tampouco é titular da mesma. 

Isto supón a vulneración das bases da convocatoria destas subvencións, que establecen como requisito imprescindible, que as empresas solicitantes deben ser titulares do aproveitamento do dominio mineiro obxecto do proxecto presentado, en calquera das formas previstas na lei 22/1973 de minas, e tamén que a empresa solicitante exerza unha actividade económica. Ambos requisitos son incumpridos por Mineira de Corcoesto, por non ser titular dos aproveitamentos mineiros de Julia 2 e Julia 3, xa que están aínda en tramitación, nin de Emilita por estar caducado. Por outra parte, Mineira de Corcoesto non exerce actividade económica algunha no sentido definido pola orde da convocatoria, toda vez que non opera no mercado, dedicándose unicamente a labores de exploración e investigación mineira. 

Por estes motivos, pedimos ao Ministerio de Industria que proceda á revisión dos expedientes polos que concedeu as subvencións a Mineira de Corcoesto, S.L., e que, de xeito inmediato, solicite o reintegro das mesmas, petición que xa está sendo cursada segundo comunicado recibido no día de onte polo que se nos indica que se lle dou traslado á Secretaría de Estado e Enerxía “para que se proceda a un estudio detallado del caso”. 

Falseamento de datos na documentación aportada á Xunta

Desde a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños tivemos acceso a parte da “importante” información remitida por Mineira de Corcoesto á Xunta de Galicia, segundo palabras do director xeral de minas, Ángel Bernardo Tahoces. 

Entre esa documentación “importante” figura un documento no que Mineira de Corcoesto indica: 

“…las personas que podrían verse afectadas, que no sean los trabajadores, no se espera que estén presentes de forma permanente o durante largos períodos en la zona potencialmente afectada”. 

Ante semellante afirmación, desde a Plataforma preguntámonos que é o que espera facer a empresa coas poboacións das parroquias afectadas polo proxecto mineiro e as que limitan coa explotación, que viven e traballan de xeito permanente alí, no desenvolvemento de actividades agrícolas, gandeiras e forestais. 

Por si isto fose pouco, o informe da empresa mineira continúa sinalando: 

“En el caso que nos ocupa, basta con comprobar las ortofotos o planos aportados para constatar que no hay viviendas, ni labores agrícolas, ganaderas, de infraestructuras o de producción que determinen la presencia de modo permanente o durante largos períodos en la zona potencialmente afectada…., motivo por el cual no cabe apreciar la existencia de “un riesgo no despreciable de pérdida de vidas humanas” ni “un grave peligro para la salud humana”.” 

Estas afirmacións, a parte falsear a realidade da zona afectada polo proxecto, amosan o absoluto desprezo que a empresa ten pola poboación afectada, a súa falta de ética e a absoluta falta de compromiso e de respecto co medio de vida e coa saúde da xente. 

Por todos estes motivos, instamos á Xunta a que non continúe coa tramitación deste proxecto.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Edgewater perde os dereitos mineiros de Corcoesto

O Parlamento Europeo prohibe o uso do cianuro nas tecnoloxías mineiras