PEDRA E RÍO

Un precioso escrito por Diego Cousillas Novo:

Pedra e Río. Se os nomes nos identifican, se expresan parte da nosa identidade e só somos nós mesmos cando coincidimos co que nos nomea, daquela Corcoesto é pedra e río. Corco. O que perdura. A pedra. Esto. O que flúe.  O Río. Son as nosas raíces celtas. As palabras da orixe. Permanecen innominadas. Un rumor que está aí desde sempre,  como a voz secreta dun río inscrita na pedra. Pedra e río en íntima coexistencia. Estes dous elementos, pedra e río, tamén conforman o noso carácter.  O das xentes de Corcoesto. Estamos feitos desa  pedra e dese río e sabemos resistir a erosión. Os nosos xestos poden resultar ás veces duros, pero hai un lento proceso de sedimentación que lles dá serenidade, confiamos na nosa razón e non somos facilmente maleables. Non nos imos deixar manipular con mentiras e promesas, nin co brillo sucio da publicidade dun ouro que relucirá pola súa ausencia se chegan a arrincalo das entrañas da terra.

Imos defender esta pedra e este río. E cada vez hai máis xente con nós, en Corcoesto. Se o censo non recolle este incremento de poboación nos nosos montes, é porque o señor alcalde de Cabana de Bergantiños só pode ver xente deprimida, pobre, sen vontade. Sérvese desa imaxe para vender un proxecto que consiste sinxelamente en vendernos. Pois nesa transacción non  vende só ouro. Véndenos a nós, a el mesmo… Porque para que a empresa canadense Edgewater leve o ouro de Corcoesto para especular con el na bolsa de Toronto é necesaria unha operación a ceo aberto que deixa un territorio canceríxeno e inhabitable e compromete as nosas vidas e a das xeracións futuras para sempre. Pero cada vez hai máis xente en Corcoesto. Xente de todas partes e mesmo algunha xente de ningunha parte está hoxe de parte de Corcoesto. Galicia enteira está en Corcoesto. Tamén Chucuit, etc están con nós, en Corcoesto. E non pasarán.

Dicía Hölderlín que “onde está o perigo, medra tamén o que nos salva”. Corcoesto é a día de hoxe unha das bandeiras da loita contra a megaminería en Galicia. Parte da batalla líbrase aquí. E o destino de moitas das localiades veciñas está directamente ligado ao destino de Corcoesto, pero tamén outras partes de Galicia. A propia empresa recoñece no permiso de investigación de Julia 2 que afecta ás localidades de Cereo e Valenza no concello de Coristanco, cal é o seu obxectivo é   facerse con todo o ouro de Galicia e podemos imaxinar o alcance da devastación:

 “EDGEWATER-RÍO NARCEA GOLD MINES S.L tiene como objetivo prioritario la obtención de los derechos mineros disponibles, tanto alrededor del Proyecto Corcoesto, como en otras zonas a lo largo del cinturón aurífero Malpica-Tuy, en las que se conocen numerosos indicios de oro y en algunos casos con recursos inferidos definidos, que por su reducido tamaño sólo podrían ser economicamente expltados en el caso de poder beneficiarse de una planta de tratamiento ya en funcionamiento y próxima” .

É o signo dos tempos: ver divisas onde hai vidas.  Ver resursos explotables onde hai riqueza natural: prados, carballeiras, fontes ás que a xente acude en romaría en busca dun milagre. Nós tamén. As fontes son o milagre. Pero o señor Muíño e o señor Feijoo dinnos que somos pobres, e que non podemos desaproveitar a ocasión de que outros se aproveiten da nosa riqueza ou da nosa pobreza.  O ouro é o noso pecado orixinal. E a lóxica do capital, néganos o dereito de vivir en paz e harmonía co medio. Pero nós atesouramos a luz dunha estrela no fondo dos nosos montes, e non imos permitir que a codicia dunha empresa estranxeira nos deixe na máis absoluta escuridade. Porque os verdadeiros tesouros desaparecen cando os desenterran. E é necesario manter dentro das pedras o ouro de Corcoesto, para que se faga visible o seu brillo nos toxos e das xestas, nas mimosas, nas searas, na tona dos carballos de Santa Mariña, na auga que descende en corgas polos prados e entra nas nosas casas... Como se pode dicir que non hai solidariedade, se lavamos as mans coa mesma auga?   Estamos unidos, aínda que non o saibamos. Temos nas nosas mans a salvación ou a condena. E ninguén se pode outorgar o privilexio de presentarse como inocente. Todos somos responsables dos nosos actos, e tamén temos unha responsabilidade cos que nos rodean.  Debemos comprometernos. Pode que a nosa memoria non alcance a nosa orixe. É un olvido pretérito. Pero onde onte había motivos para esquecer cando buscabamos a paz e a serenidade en Corcoesto, hoxe hai motivos para fundar unha memoria. Ata un simple lugar para enterrar aos mortos precisou para formarse na terra moito tempo. E precisa memoria para sobrevivir. Temos que ser consecientes de que nós somos os herdeiros e de nós depende o legado que deixemos aos nosos herdeiros. Por iso perseguimos aínda os pasos  borrados do neno que fomos en Corcoesto, e podemos descubrir que onde as nosas pegadas desaparecían continúan as do lobo … A fábula é posible. Depende de nós continuar a historia… Transformarnos en lobos onde se borra a nosa pegada para que se poida ouvir aínda o seu ouveo en Corcoesto ou deixar que nos devore.


Pedra e río. Iso é Corcoesto. A ameaza ten nome estranxeiro… Chámase Edgewater. E debemos estar alerta para que Corcoesto se poida seguir defendende coas súas palabras, que son Pedra e Río, pero tamén Esperanza, Dignidade, Valor… Se cadra hai palabras que xa nos veñen grandes de máis, como Patria ou Poesía. Pero non renunciamos a empregalas porque somos humildes. E esa humildade é fértil. Nese humus afundimos as nosas raíces, en busca da pedra e do río, do que permanece e do que se non se pode deter. O que Edgewater nos propón en lugar disto é un burato no mapa. Aínda que o recubran con céspede artificial e o presenten como un campo de golf con arcoiris e vacas.  Cando lle sacas a careta ao demo só hai un gran baleiro no que mirarse. E temos que estar alerta para que Corcoesto non acabe convertíndose en Edgewater…land. 

Grazas Diego!

Comentarios

  1. Formidable escrito, Diego. O seu contido debería ser de lectura obligatoria para os señores de Edgewater, os nosos gobernantes e os rexidores das tres aldeas directamente afectadas. Grazas.

    ResponderEliminar
  2. Formidable escrito, Diego. O seu contido debería ser de lectura obligatoria para os señores de Edgewater, os nosos gobernantes e os rexidores das tres aldeas directamente afectadas. Grazas.

    ResponderEliminar
  3. Unha aperta a estas palabras, saen da dignidade dun pobo

    ResponderEliminar
  4. Eu diría máis.Deberían ser escoitadas por todos.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.

Publicacións populares deste blog

Edgewater perde os dereitos mineiros de Corcoesto

O Parlamento Europeo prohibe o uso do cianuro nas tecnoloxías mineiras