¡Non queremos ser outro Aznalcóllar!

Edgewater e a súa filial Mineira de Corcoesto, non teñen capacidade financeira para facer fronte a responsabilidades en caso de accidente.
A Plataforma pola Defensa de Corcoesto considera que a empresa canadense Edgewater e a súa filial Mineira de Corcoesto, S.L., non teñen capacidade financeira para facer fronte a responsabilidades para o caso de que acontezan accidentes graves derivados da rotura das balsas de residuos de lixiviación.
Desastre minero Aznalcóllar - Imaxe da roptura da balsa e derrame de lodos tóxicos
Segundo estudos da Sociedade Galega de Historia Natural, o custo irreparable do desastre ambiental que se produciría en caso de accidente sería de entre 300 e 350 millóns de euros. Fronte a isto, Mineira de Corcoesto, S.L., segundo as últimas contas anuais presentadas no Rexistro Mercantil, presenta un patrimonio neto de un millón de euros computando as subvencións recibidas da Xunta de Galicia pendentes de imputar aos resultados do exercicio. Este patrimonio non chegaría nin sequera para facer fronte ás débedas a curto prazo da propia empresa, que ascenden a catro millóns de euros ao non contar con activos tanxibles susceptibles de realización.
Se a situación financeira de Mineira de Corcoesto é unha auténtica trampa, a da súa matriz, a canadense Edgewater Exploration LTD, non é moito mellor. Trátase dunha empresa Junior que cotiza na bolsa de Toronto, que conta con 88,7 millóns de accións que se intercambian na actualidade por 0,11 dólares canadenses (8 céntimos de euro) o que determina un valor da compañía en bolsa de 7,1 millóns de euros. O valor da súa cotización caeu nos últimos doce meses un 70% pasando de 0,38 dólares canadenses aos 0,11 actuais. No que se refire ao seu valor contable, este susténtase unicamente na estimación dos recursos e das reservas explotables, entre as que se atopan as de Corcoesto e as de Enchi en Ghanna. O seu activo, polo tanto, é de natureza fundamentalmente intanxible, e incerto en canto ao seu valor, por canto a empresa non ten garantida a posibilidade de explotar os recursos descubertos nas fases de exploración e investigación.
¡Non queremos ser outro Aznalcóllar! Por este motivo, reclamamos o goberno galego que non se deixe enganar por unha empresa cuxa capitalización nin sequera equivale ao valor do monte de Corcoesto afectado polo proxecto mineiro. Esíxelle á Xunta que faga un rigoroso estudo do custo-beneficio do proxecto mineiro, que a todas luces obrigará a desbotalo polos escasos beneficios para Galicia e os innumerables custos ambientais que deberán asumir, coma sempre, os cidadáns cos seus impostos.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do acceso á documentación