Esiximos a nulidade da Declaración de Impacto Ambiental do proxecto mineiro de Corcoesto

A raíz da nota de prensa publicada na súa web pola Consellería de Industria, a Plataforma  pola defensa de Corcoesto e Bergantiños solicita a retirada do proxecto e a nulidade da DIA ditada no seu día pola Xunta.
Na nota de prensa da Consellería podemos ler que:
 “De non cumprimentarse axeitadamente os requisitos ambientais, técnicos e económicos, o proxecto sería rexeitado definitivamente e non se continuaría coa tramitación deste. “
Pola nosa parte, pensamos que este recoñecemento oficial de que o proxecto de Edgewater  incumpre os requisitos ambientais e técnicos, debería supoñer por parte das autoridades a inmediata retirada dunha DIA que, como eles mesmos recoñecen implicitamente, foi ditada de maneira inadecuada.
Así mesmo, esiximos que, se esta empresa quere levar adiante o seu proxecto, elabore un novo EIA completo, con todos os informes pertinentes, e o presente de novo a exposición pública.
Non é de recibo que, despois de ditar unha DIA favorable, se estea a falar de presentar “novos informes”. A tramitación do proxecto debe facerse de maneira transparente e atendendo aos protocolos establecidos, e non por capítulos, como se se tratase dunha telenovela.
Desde a Plataforma consideramos que esta declaración institucional vén dar a razón ás nosas denuncias de falta de rigor dos informes presentados dentro do proxecto como así establece o último informe sobre a mobilidade do arsénico do Dres. Rubinos, D.Fierros, Devesa-Rey e Barral no que se indica claramente que a Declaración de Impacto Ambiental non é válida  .
Esperamos, como consecuencia directa desa evidente falta de rigor, ver proximamente unha publicación no DOG onde se recolla a negativa da Administración a aprobar o proxecto. 
Unha nota de prensa da Consellería non deixa de ser publicidade, e, polo tanto, papel mollado
Entendemos que esta comunicación da Consellería é vitoria parcial na loita contra a megaminaría, froito da grande presión social exercida na Galiza contra o proxecto da mina de Corcoesto
A Plataforma seguirá na súa loita contra este proxecto destrutivo en tanto non se produza a súa paralización definitiva e oficial.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Edgewater perde os dereitos mineiros de Corcoesto

O Parlamento Europeo prohibe o uso do cianuro nas tecnoloxías mineiras