Cianuro

O cianuro emprégase para separar o ouro do resto de materiais da rocha
Nadal 2012. Nunha de tantas sobremesas coa familia, alguén comenta “a ver que pasa co da mina de ouro”. Son de Cereo, vivo en Madrid e era a primeira vez que oía falar do tema. Non me sabían dar moitos datos, pero dixéronme a palabra clave: CIANURO.

Son química. Ás veces traballo con miligramos de cianuro sódico baixo altas medidas de seguridade; hai laboratorios nos que incluso hai que comunicarlle ao médico cando o vas manipular. Por iso cando me dicían “toneladas”, rebatíalles “imposible”. Pero, desgraciadamente, si eran toneladas… e diarias.
De volta en Madrid, púxenme a buscar información sobre o uso do cianuro na minería. Atopeime argumentos “xustificativos” por parte das empresas mineiras como “Non é tan fero o león como o pintan. O cianuro prodúceno moitas plantas, bacterias, fungos e incluso o corpo humano. Fabrícanse unhas 3 millóns de toneladas ó ano para a industria (plásticos, pegamentos, etc.) das que soamente un 18% se emprega na minería”. Menos mal que tamén deixaban caer que “é un dos velenos máis potentes que se coñecen”.
Pois si, todo iso é certo (menos o do león) pero ten letra pequena. Na industria emprégase a cantidade estritamente necesaria para o proceso, é dicir, todo o cianuro que entra, consúmese. Non hai miles, millóns de toneladas de residuos cianurados como pasa nas minas de ouro. Nestas, o cianuro emprégase para disolver o ouro, despois sepárano do metal e queda todo como residuo.
E aquí vén a parte que eu lle chamo “o timo da estampita”. “Non vos preocupedes, o cianuro descomponse de forma natural cos raios do sol. Aínda así, e para que vos quededes totalmente tranquilos, nós ímolo destruír con SO2 para convertelo en cianato que xa non é tóxico”. Isto ten tantos peros que xa non sei nin por onde empezar. 
Primeiro, para que o cianuro se descompoña de forma natural téñense que dar unha serie de factores que NON se cumpren nas balsas de residuos. Ademais, ¿alguén se imaxina que, se se descompuxese espontaneamente, ían gastar un céntimo en destruílo?
A realidade é que no proceso de lixiviación, é dicir, da extracción/disolución do ouro, fórmanse varios tipos de “compostos cianurados”. Reciben este nome precisamente porque a maioría deles non teñen o cianuro libre senón que o teñen complexado, unido, a distintos metais. No proceso de tratamento co SO2 (que, dito sexa de paso, hainos moito máis eficientes pero, claro, máis caros -peróxido de Hidróxeno H2O2, ozono O3-) soamente se destrúen, e de forma parcial, dous tipos de compostos cianurados: o cianuro libre (CN- e HCN) e o cianuro WAD (CNWAD, compostos cianurados que se disocian en presencia dun ácido débil) tódolos demais compostos con cianuro non se inmutan (CNSAD, complexos insolubles). 
Así que aquí fannos o truco do almendruco porque só miden a cantidade de CNWAD que queda e non o total. Ese total déixannolo en herdanza para o resto das nosas vidas, da dos nosos fillos e, moi probablemente, tamén da dos nosos netos. 
Como anécdota, comentar tamén que o SO2 é un gas lacrimóxeno e irritante, causante da chuvia ácida porque se converte en ácido sulfúrico. Eles, no seu “proceso INCO”, engádenlle cal para neutralizar este ácido, o que se traduce en máis e máis residuos. Como vedes, o cóctel é completiño. 
E aínda quedaría decoralo co Arsénico, sosa cáustica, ácido clorhídrico e un largo etcétera. ¿Un groliño?

Carmen Varela. Doutora en química orgánica, traballa no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas.

Comentarios

  1. Enhora boa, Carme, polo teu artigo; Deixa moi clariño os perigos que acarrearía a implantación desa mina no noso territorio. Espero que entre todos consigamos parar ese caramelo envenenado que nos queren dar aos galegos. Traballo si, pero non a costa de calquera cousa, e menos a costa dun dos nosos mellores patrimonios: o natural.
    Os meus datos son Mª Josefa Lorenzo Torea con DNI 33271438Y.
    Bicos

    ResponderEliminar
  2. Subscribo totalmente o que di Mª Josefa. Magnífico artigo, Carmen! O meu máis sincero parabén.

    ResponderEliminar
  3. Hoxe os trasnos estamos moi tristes. Eramos felices na nosa ignorancia ata que vimos este video. Por favor trasniños, compartídeo e que a xente vexa realmente o que é unha mina de ouro a ceo aberto...

    http://www.youtube.com/watch?v=KmsKpaUDrOo

    ResponderEliminar
  4. Moi bem debulhado! até eu o entendo! Gostei do artigo mais nom do contido.
    Nom queremos dar em herdança a nossos filhos "Ese total...para o resto das nosas vidas, da dos nosos fillos e, moi probablemente, tamén da dos nosos netos".
    Força bergantinháns e bergantinhanas nom podemos permiti-lo!

    ResponderEliminar
  5. roasoneira@yahoo.es22:31 do 3 de marzo de 2013

    enhoraboa carmen ti sempre luchando por facer o ben eu tamen estou contigo gracias a personas coma ti vemos a verdadeira realidade e non todo tan bonito como pintan e todo por uns postos de traballo e o traballo esta ben pero non a calquera precio son roci o meu correo e roasoneira@yahoo.es

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus datos para apoiar o manifesto.

Publicacións populares deste blog

Edgewater perde os dereitos mineiros de Corcoesto

O Parlamento Europeo prohibe o uso do cianuro nas tecnoloxías mineiras