A Plataforma presenta recurso de reposición contra a DIA

A Plataforma ven de presentar recurso de reposición. Imaxe de controlarms.

Afectados e titulares de bens e dereitos situados no ámbito da explotación da mina de ouro de Corcoesto veñen de presentar un recurso de reposición contra a Declaración de Impacto Ambiental. 

 A Plataforma pola Defensa de Corcoesto presentou este venres un recurso de reposición contra a Declaración de Impacto ambiental da mina de ouro de Corcoesto que foi subscrito por máis de 2.000 afectados e titulares de bens e dereitos situados no ámbito da explotación mineira, entre os que se atopan os titulares de explotacións agrícolas, gandeiras e forestais dos Concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso. 
O recurso fundaméntase na falsidade ou ocultación interesada de datos no Estudo de Impacto Ambiental elaborado pola empresa mineira. 
Este feito constitúe unha vulneración flagrante do Real Decreto Lexislativo 1/2008 polo que se aproba o texto refundido de Avaliación de Impacto Ambiental de proxectos, que xera indefensión para os interesados que ademais non foron notificados na forma prevista na citada norma xurídica. Neste senso, o Estudo de Impacto Ambiental ignora por completo a realidade socioeconómica dos Concellos afectados para evitar realizar unha análise detallada dos efectos da explotación mineira sobre ditas actividades económicas que na actualidade xeran emprego directo e indirecto sostible e a longo prazo, e contribúen ao mantemento de poboación no rural. 
Igualmente, a pesar de que a empresa mineira recoñece un vertido de arsénico ao medio receptor en cantidade superior ao máximo permitido pola lexislación, non fai unha análise previa da súa concentración no ámbito da explotación mineira nin no río Anllóns, e moito menos analiza a incidencia que este feito pode ter para a saúde humana e animal e os bancos marisqueiros da ría de Corme e Laxe. 
O recurso tamén incide na incorrecta clasificación das instalacións dos residuos mineiros, o que vulnera a Directiva 2006/21/CE e na omisión da existencia no ámbito da explotación mineira de hábitats e de especies animais especialmente protexidas polas directivas comunitarias. 
Por esas e outras cuestións que supoñen un descarado incumprimento da normativa piden a nulidade de pleno dereito da Declaración de Impacto Ambiental, por tratarse dun acto de trámite arbitrario e contrario a dereito, que serve de base para outorgarlle unha autorización a unha empresa que non é propietaria dos terreos forestais, e que pretende un cambio de uso dos mesmos sen o consentimento dos actuais propietarios, prescindindo así do procedemento establecido pola actual lei de montes.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a favor do acceso á documentación