sábado, 28 de decembro de 2013

O alcalde de Cabana pretende regalar agua a Edgewater pero failla pagar ós veciños.


O alcalde de Cabana súbelle a auga aos veciños mentres pretende regalarlle 1.400 millóns de litros anuais á empresa mineira Edgewater.


Bergantiños amosa a súa indignación coa subida do recibo da auga aplicado polo alcalde de Cabana aos veciños, mentres pretende regalarlle á empresa mineira canadense Edgewater, 1.400 millóns de litros anuais durante os oito anos de explotación mineira.

O consumo de auga previsto pola empresa mineira que figura no estudo de impacto ambiental, equivale ás necesidades anuais de 22.562 persoas, o que representa case cinco veces a poboación do Concello de Cabana.

Resúltanos dificilmente explicable a xestión e a actitude do alcalde, que non ten reparos en regalar a auga aos de fora, pero pretende cobrarlla a “prezo de ouro” aos veciños do Concello que el administra.




Precisamente os veciños de Cesullas, Canduas e Neaño, están agora a pagar a mala xestión do Sr. José Muiño, que non foi quen de adxudicar o servizo de auga no prazo dun ano porque en lugar de traballar para atender as necesidades da poboación do Concello, dedicouse a traballar para a empresa mineira. En consecuencia, agora os veciños teñen que pagar os atrasos, e ademais ver incrementado o custe dun servizo esencial dos fogares, como é o da auga.

O prezo por metro cúbico aplicado por Aquagest era de 0,2569 euros, aos que había que sumar 2,06 euros en concepto de cota de servizo e outros importes en conceptos de taxas, conservación de contadores, acometidas e canons. Agora o prezo aplicado pola nova concesionaria pasa a 0,4 euros metro cúbico, ao que hai que sumar 17,25 euros en lugar dos 2,06 euros de cota de servizo, mentres que os demais conceptos da factura non sofren variación con respecto a Aquagest, agás a aplicación dun consumo mínimo moi elevado, que resulta excesivamente gravoso para moitas familias do Concello.

O importe do regalo á empresa mineira

De aplicárselle á empresa mineira a mesma tarifa por metro cúbico consumido que o Sr. Muiño lle aplica aos veciños, o Concello estaría regalándolle a Edgewater auga por importe de 560.000,00 euros ao ano. Esta cifra supón máis dun 16% do orzamento municipal e equivale a uns 1.534,25 euros por día, sen contar taxas e outros conceptos. Por este motivo pídenlle ao Sr. alcalde que xestione os recursos do concello en beneficio da súa poboación e non en beneficio dunha empresa estranxeira que o único que trae ao Concello é contaminación e miseria para o futuro.

¿Que vos parece? ¿Motivos suficentes para demostrar o trato de favor?

xoves, 26 de decembro de 2013

Solidariedade coa loita de Rosia Montana

Solidaritatea cu lupta de la Rosia Montana
Platforma de apărarea Corcoesto și Bergantiños.
Our solidarity with the struggle of Rosia Montana
Platform by defending Corcoesto and Bergantiños.
A nosa solidariedade coa loita de Rosia Montana
Plataforma pola  defensa de Corcoesto e Bergantiños.
SALVATI ROSIA MONTANA
NON Á MINA DE CORCOESTO
Apertas dende Galiza


venres, 6 de decembro de 2013

Conferencias mes de decembro: Carlos Taibo e Emilio Menéndez

Os días 12 e 13 de decembro organizamos nos concellos de Carballo e Laxe 2 conferencias moi interesantes que imparticiparán Carlos Taibo e Emilio Menéndez, ambos mestres da Universidade Autónoma de Madrid.

Xoves 12 - Carballo - Pazo da Cultura
"Decrecemento, consumo e enerxía" - Carlos Taibo
Venres 13 - Laxe - Salón de Actos Municipal
"Petróleo: Poder, Economía e Medio Ambiente" - Carlos Taibo e Emilio Menéndez

Carlos Taibo Arias (Madrid, 12 de maio de 1956) é un escritor, editor e profesor titular de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid. É firme partidario do movemento antiglobalización, así como do decrecemento e da democracia directa. Súa é a frase « A globalización avanza cara a un caos que escapa a todo control». Criticou duramente a lóxica do crecemento económico, desligándoo do progreso e benestar.

Aquí unha das súas conferencias titulada "En defensa del Decrecimiento" do ano 2010 


'En defensa del decrecimiento' Carlos Taibo from miciudadreal_es on Vimeo.

Emilio Menéndez, é Doutor en Enxeñaría de Minas, Profesor Honorífico da Universidade Autónoma de Madrid e Subdirector de I+D de Endesa até 2001. É un firme defensor dos novos modelos de enerxías renovables e aposta por novos esquema enerxéticos máis limpos e de maior accesibilidade. Na súa conferencia do día 13 en Laxe, falará xunto con Carlos Taibo sobre isto e moito máis na conferencia que leva como título: "Petróleo: Poder, Economía e Medio Ambiente"

Deixamos tamén  unha entrevista que lle realizaron a Emilio Menéndez en Febreiro deste ano no CIRCE, Centro de Investigación de Recursos e Consumos Enerxéticos, onde impartiu unha das clases dos seus Masters: 







mércores, 27 de novembro de 2013

O PP en Coristanco tamén dixo NON a MINA gracias a presión popular

Mocións contra a Mina de Corcoesto aprobadas nos concellos de Zas, Carballo e Coristanco.

Se o luns eran os concellos de Carballo e Zas os que aprobaron sendas mocións contra a mina de ouro de Corcoesto e o emprego do cianuro na minaría, este mércores foi o pleno do Concello de Coristanco o que aprobou outra moción contra a mina, presentada por vía de urxencia polo alcalde Popular de Coristanco ante a presión da veciñanza.



Moción no concello de Carballo


Moción no concello de Zas
O alcalde Pensado Plágaro, noutrora defensor da mina de Corcoesto a pesar de albergar parte da balsa de cianuro e a escombreira mineira, viuse obrigado a debater unha moción pola que se declarou a prevaleza dos usos agrícolas, gandeiros e forestais sobre os mineiros para as parroquias do Concello.

A moción aprobada por unanimidade, insta á Xunta de Galicia a rexeitar de xeito definitivo os permisos de investigación en trámite relativos ás concesións mineiras que abarcan a meirande parte do seu territorio, debido á incompatibilidade das actividades extractivas cos usos actuais e potenciais do solo afectado por estas cuadrículas mineiras.


O pleno do Concello tamén insta á Xunta de Galicia a prohibir o uso do cianuro na minaría nos termos da Declaración de Berlín, aprobada polo Parlamento Europeo no ano 2010, para sumarse así a outros países europeos nos que xa foi prohibido, como Alemaña, Hungría ou a República Checa.

Sesión plenaria Concello de Coristanco

Coristanco é o primeiro concello gobernado polo Partido Popular que rexeita a mina de ouro de Corcoesto, despois de que a Xunta de Galicia paralizase o proxecto pola falta de solvencia técnica e financeira da empresa canadense Edgewater, que acumula desde principios de ano unha caída da súa cotización na bolsa de Toronto de máis do 90%.


Con Coristanco son cinco os concellos de Bergantiños que aprobaron mocións contra o proxecto, xunto con Laxe, Vimianzo, Carballo e Zas, que recollen así o sentir da inmensa maioría da poboación da comarca, que se ten manifestado masivamente en contra deste proxecto.


A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños valora moi positivamente a toma dunha posición claramente contraria ao mesmo por parte dos concellos máis directamente afectados, ao tempo que anima á poboación a non baixar a garda e a seguir traballando e loitando pola defensa da terra, do territorio e da paisaxe coma unha sinal da nosa identidade cultural, fronte á ameaza que supoñen os proxectos mineiros que se pretenden desenvolver en Galicia, baixo a falsa promesa de creación de emprego, riqueza e prosperidade.


venres, 22 de novembro de 2013

O Alcalde de Cabana volta a denegar o uso do Auditorio municipal.

Os pasados meses de Maio e Xuño o Alcalde de Cabana denegou o permiso de utilización do Auditorio para a celebración dun acto informativo en 10 ocasións.O pasado 14 de Outubro a Plataforma solicitou de novo o Auditorio de Cabana para catro datas posíbeis dese mes e do mes de Novembro.
Denegación uso Auditorio Cabana

Anteriormente os motivos aducidos para a denegación do uso deste espacio foron as actividades xa planificadas, sen facilitarnos nunca datas alternativas, pero desta volta o Alcalde opta polo silencio administrativo e non contesta á solicitude nin a reiteración da mesma que fixemos o pasado 13 de Novembro.

O Alcalde de Cabana, Xosé Muíño, cada vez ten unha maior contestación social ben pola mina de Corcoesto, ben pola suba de tarifas no suministro da auga, ben polo aumento de impostos municipais ( saneamento, alcantarillado,....) ou mesmo sendo albo de denuncias xudiciais por posíbeis delitos contra a saúde pública por non poñer os medios para impedir o consumo humano de auga contaminada por arsénico en  fontes do concello. 

A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños demándalle ao Alcalde que permita o acceso á información á veciñanza de Cabana, segundo o dereito constitucional, e deixe de considerar ao Concello e ás súas instalación coma unha propiedade privada.                              Ao fío destes acontecementos, hai tempo que vimos facendo nosas as palabras de Castelao en Sempre en Galiza: “O caciquismo galego deixará de existir cando se lexisle para Galiza e os labregos se sintan amparados pola Lei, sen medo á Xustiza”. 
Así como as acertadas palabras de Ramón Muñiz, a modo de conclusión:
“Unha definición sinxela de cacique exprésase na persoa que pretende que todas as cousas que se fan no seu ámbito de actuación, realízanse grazas a el. O cacique debe dar probas fehacentes da súa capacidade de conseguidor diante da súa xente o que lle da unha influencia indiscutible á vez que esa influencia sérvelle para cualifícalo e acredítalo.”

xoves, 21 de novembro de 2013

A Drenaxe Ácida de Minería

Carmen Varela Busto

Doutora en Química Orgánica

O proceso coñecido como Drenaxe Ácida de Minería (DAM) é un dos problemas máis serios asociados ás actividades mineiras xa que pode contaminar con augas ácidas os ecosistemas e matar moitos organismos como consecuencia dun cambio de pH no seu hábitat. A auga ácida pode tamén incrementar o proceso de desgaste da rocha, disolvendo e liberando os metais pesados e o arsénico que están contidos nela. Estes metais pesados e arsénico poden ser aínda máis nocivos que a propia auga ácida. 

As rochas que conteñen xofre (S), como por exemplo as piritas e arsenopiritas, cando son trituradas e expostas á auga e ó aire, liberan ácido sulfúrico. A composición da arsenopirita é 46% arsénico, 34.3% de ferro e 19.7% de xofre. Se este mineral está protexido e aillado das condicións ambientais é estable. Pola contra, se se tritura e expón ós axentes ambientais, o xofre en contacto coa auga e o aire, transfórmase en ácido sulfúrico provocando o proceso de Drenaxe Ácida de Minería. Esto pode ter lugar en calquera punto do emprendemento mineiro onde se atopen minerais que conteñen xofre expostos ó ambiente como son cortas, galerías subterráneas, escombreiras, stériles, etc.  

Os metais pesados disoltos ó entrar en contacto co ácido sulfúrico producen precipitados de diferentes cores (amarelo, laranxa, vermello), o que resulta nunha característica moi singular desta fonte de contaminación da minería. Estas sustancias pódense extender varios kilómetros río abaixo da actividade mineira con efectos moi egativos para moitos organismos. 

Cabe destacar que, dende que se inicia a actividade dunha mina, poden pasar varios anos antes de que se manifeste a drenaxe ácida (entre un ano e máis de unha década). Nembargantes, no momento no que esta drenaxe ácida comenza, resulta case imposible de parar xa que é un proceso irreversible. Mentras se proceden as reaccións químicas, a temperatura e acidez das augas aumentan, o que fai que se celere máis a formación de ácido sulfúrico. 

A Drenaxe Ácida de Minería é, polo tanto, un problema a longo prazo que pode durar centos e incluso miles de anos. Aínda que con técnicas de neutralización é posible paliar os seus efectos, resulta moi costoso xa que estas técnicas teñen que ser aplicadas por séculos. Por este motivo, cando se avalía un proxecto mineiro deberíase poder garatizar o monitoreo, control, manexo e tratamento da drenaxe ácida durante écadas ou séculos. 

1. “Dirty Metals. Mining, Communities and the Environment”. A report by Earthworks and Oxfam America. http://www.nodirtygold.org/pubs/DirtyMetals.pdf

2. “No todo lo que es oro brilla”. Resumen de impactos ambientales de la minería de oro. Greenpeace. http://www.greenpeace.org/argentina/Global/argentina/report/2006/4/no-todo-lo-que-es-oro-brilla.pdf

3. “El oro y el cianuro”. http://www.slideshare.net/marianina77/el-oro-y-el-cianuro-26-01-12

martes, 5 de novembro de 2013

Novos apoios da comunidade científica á petición para que a XUNTA prohiba o emprego de cianuro na minería

Esta semana chegamos ós 236 apoios da comunidade científica para a petición de prohibición do emprego do cianuro na minería.

Coa entrega o pasado 8 de outubro ao Presidente da Xunta de Galicia do manifesto pola prohibición do uso do cianuro na minería coa listaxe dos 160 apoios da comunidade científica e universitaria recollidos ata entón a Sociedade Galega de Historia Natural e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños deron inicialmente por pechada a campaña.

Non embargante, a difusión posterior da campaña nos medios de comunicación e os reenvíos no seo da comunidade científica e universitaria desencadearon unha segunda vaga de apoios que acadaron xa unha cifra moi relevante: 76 apoios adicionais que veñen de entregarse ao Presidente da Xunta de Galicia.

En total son xa 236 os apoios recollidos da comunidade científica e universitaria, adscritos a 92 Departamentos pertencentes á 20 universidades e organismos públicos de investigación, que:

- Consideran que o cumprimento dos obxectivos da UE en virtude da Directiva marco sobre política de augas, é dicir, conseguir un bo estado químico e protexer os recursos hídricos, así como a protección da diversidade biolóxica, só pode lograrse mediante a prohibición das tecnoloxías mineiras a base de cianuro.

- Piden ao Goberno Galego que impoña unha prohibición total do uso de tecnoloxías mineiras a base de cianuro en Galicia antes de que finalice 2013, posto que é o único xeito segur de protexer os nosos recursos hídricos e ecosistemas fronte á contaminación por cianuro procedente das actividades mineiras.

Á vista do clamor social e da comunidade científica, a Sociedade Galega de Historia Natural e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños píden que se prohiba canto antes o emprego das tecnoloxías mineiras a base de cianuro en Galicia.

Nos seguintes enlaces podedes descargarvos a carta remitida ó Presidente da Xunta de Galicia e a lista de apoios recibidos:

 -  Carta ó Sr Presidente -->

 -  Lista de apoios da comunidade ciéntifica -->

xoves, 31 de outubro de 2013

CAMPAÑA “Eu digo NON á mina de Corcoesto”.

A Xunta de Galicia acaba de rexeitar publicamente por segunda vez o proxecto da mina de ouro de Corcoesto, pero novamente, non o anula por razóns ambientais senón por cuestións financeiras. 

Nós continuaremos a nosa mobilización ata que se anule o proxecto e a súa declaración de impacto ambiental (DIA), aprobada no seu día pola Xunta. O noso obxectivo persegue que este tipo de minaría a ceo aberto que emprega o cianuro se prohiba, e non só en Galicia.

Esta campaña iniciada por Contramínate quere contrarrestar a da empresa Egdewater, co seu lavado de imaxe recente, na que pretende a licencia social da comarca de Bergantiños. 

Imos dar a cara, mostrar quen somos os que estamos en contra desta mina: as persoas, a veciñanza, o pobo en loita pola terra.

¿Cómo participar na campaña?

1º ) Descargade o cartel no seguinte enlace e imprimilo:  Descargar -->  

2º) Sacade unha foto con él onde se vexa só a cara. 

3º) Colgar esa foto no FB de Contramínate Conmigo ou no grupo de amigos de “Corcoesto: Non todo é brillo no ouro. Plataforma Pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños”

Axúdanos a espallar a causa!


mércores, 30 de outubro de 2013

Intervención da Plataforma no pleno de Carballo para pedir a súa oposición ó proxecto de Corcoesto

A loita continúa...


Onte Luns 28 de Outubro ás 20.30 h. a Plataforma Pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños intervío no Pleno do concello de Carballo para pedir o posicionamento do Concello contra a mina de Corcoesto. 


A platafoma liu un escrito informando ao Alcalde e a totalidade dos concelleiros e concelleiras do gravísimo impacto que a proxectada mina de ouro en Corcoesto terá na comarca de Bergantiños e en particular no Concello de Carballo, impactos referidos á saúde humana ( presenza de arsénico nun 46 % nas rochas obxecto da explotación), á economía agro-gandeira-forestal existente hoxe en día na comarca, ou a pesca, marisqueo e o turismo, os riscos derivados da explotación a ceo aberto e o uso das tecnoloxías mineiras con cianuro, a existencia perpetua da balsa de lodos e a balsa de cianuración cos enormes riscos que se derivarían dunha eventual ruptura das megabalsas previstas,......

Na intervención solicitouse o posicionamento do Pleno do Concello sobre os aspectos relacionados anteriormente e que polo tanto non teña lugar nunca a autorización deste tipo de minaría salvaxe, depredadora e destrutiva na comarca de Bergantiños. Tamén se instou ó Concello a que se dirixa ao parlamento Galego e á Xunta de Galicia para que se prohiba o uso das tecnoloxías mineiras baseadas no cianuro ou no mercurio, por seren altamente contaminantes para o medio ambiente e para a saúde das persoas.






mércores, 16 de outubro de 2013

A Comisión Europea continúa a investigación sobre a declaración de impacto ambiental da mina de Corcoesto.


  •     Incorpora ao expediente o informe sobre os niveis de arsénico en Corcoesto elaborado pola Universidade de Santiago.


  •      Indica que esixirá o pleno cumprimento da lexislación da Unión Europea en materia de medio ambiente.

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños remitira no mes de xullo á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo o informe “Potencial mobilización de arsénico nos materiais xeolóxicos e residuos mineiros de Corcoesto: Unha revisión crítica”, que foi elaborado polos profesores e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, Dr. David A. Rubinos, Dr. Rosa Devesa-Rey, Dr. Francisco Díaz-Fierros e a Dr. María Teresa Barral. Con base nese informe, a Plataforma solicitara ao Parlamento Europeo que procedese á revisión da declaración de impacto ambiental por vulnerar a normativa europea en materia de avaliación ambiental de proxectos, e que se instase ás autoridades sanitarias españolas a realizar os estudos epidemiolóxicos á poboación da contorna recomendados no informe científico.

Agora, a Plataforma acaba de recibir unha comunicación na que se lle indica que a Comisión Europea incorpora o informe científico da Universidade de Santiago ao expediente de investigación que sigue en relación á declaración de impacto ambiental do proxecto mineiro, e que solicitará información ás autoridades españolas sobre as cuestións que figuran no mesmo. O obxectivo da investigación é o de garantir o pleno cumprimento da lexislación da Unión Europea en materia de medio ambiente, incluídas as disposicións da Directiva sobre residuos da minaría, da Directiva Marco sobre a Auga e da Directiva sobre hábitats, por atoparse a proxectada mina de ouro de Corcoesto a 140 metros do Lugar de Importancia Comunitaria, río Anllóns.

A Plataforma recorda que o informe científico da Universidade de Santiago, cuestiona de cheo o estudo de impacto ambiental realizado pola empresa mineira canadense Edgewater e bota por terra a declaración de impacto ambiental, pola total falta de rigorosidade na estimación do impacto que terá sobre a poboación a liberación dos altos contidos de arsénico existentes no solo de Corcoesto.

Os investigadores indican no informe, que o método empregado por Edgewater para calcular os vertidos de arsénico ao medio natural non é válido, por non ser un método de referencia na Unión Europea, e porque subestima a mobilidade real deste elemento químico altamente prexudicial para a saúde. Inciden en que non se tiveron en conta os riscos potenciais para o medioambiente e a saúde pública da poboación da comarca de Bergantiños, derivados da exposición ao arsénico que se vai liberar no caso de que se autorice a explotación da mina de ouro. Por este motivo recomendan tamén a realización de estudios epidemiolóxicos á poboación.

Por último, o informe científico resalta que a empresa mineira fai unha incorrecta clasificación dos residuos de lixiviación como “inertes non perigosos”, que vulnera a Directiva Comunitaria sobre residuos da minaría. Con esta incorrecta clasificación dos residuos, Edgewater pretende evitar o cumprimento dunha serie de requisitos moi estritos no que se refire á xestión de residuos e á política de prevención de accidentes graves, entre os que se inclúe a obrigatoriedade de establecer un plan de emerxencia que prevea a evacuación da poboación no caso de que acontezan este tipo de accidentes.


Todas estas cuestións serán investigadas agora pola Comisión Europea, dentro do proceso que sigue para verificar o cumprimento da legalidade na declaración de impacto ambiental outorgada pola Xunta de Galicia ao proxecto mineiro de Corcoesto.

luns, 14 de outubro de 2013

Asociación asturiana ORO NO denuncia á empresa mineira AsturGold


ORO NO DENUNCIA OS VERQUIDOS QUÍMICOS DOS SONDEOS DE SALAVE SOBRE UNHA SENDA COSTEIRA E O CAMIÑO DE SANTIAGO

Fotomontaje de la Plataforma ContraMina sobre el proyecto original de hace unos años, con una explotación minera a cielo abierto. El proyecto actual supondría abrir una galería

A asociación asturiana ORO NO presentou varias denuncias por posibles infraccións cometidas polas sondaxes que está executando AsturGold en Salave (Tapia de Casariego).

Entre outros motivos, ORO NO denunciou a Industria que as sondaxes se están efectuando infrinxindo claramente a autorización, ao estar traballando 24 horas e, por tanto, en horario  nocturno e tamén por ter vertido lodos con produtos químicos, pendentes de analizar, na senda costeira E-9 que é transitada por numerosos viandantes e peregrinos do Camiño de Santiago, tal e como se puido documentar.

Dado que é o concello de Tapia de Casariego o titular da senda costeira e o encargado do mantemento e conservación da mesma, a Asociación ORO NO ínstao a que defenda o patrimonio e os veciños de Tapia de Casariego e deixe de servir aos intereses privados dunhaempresa mercantil.

Estas actuacións da empresa deixan patente unha vez máis, incluso nestas
sondaxes simplemente preparatorias, o nulo respecto de AsturGold cara as leis, o medio ambiente e os veciños de Tapia e fainos temer o peor no caso de que sexan autorizados a levar a cabo a explotación mineira.

martes, 8 de outubro de 2013

Recollidos xa 160 apoios da comunidade científica para que a XUNTA prohiba o cianuro na minería

Durante as dúas últimas semanas a Sociedade Galega de Historia Natural e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños desenvolveron unha exitosa campaña entre o profesorado e a comunidade científica de Universidades e OPIs (Organismos Públicos de Investigación) para recabar apoios á petición de que se prohiban en Galicia as tecnoloxías mineiras que empregan cianuro, sumándose así á “Declaración de Berlín” e a resolución do Parlamento Europeo. 

 A petición recolleu 160 apoios da comunidade científica e universitaria, procedentes de 67 Departamentos pertencentes á 7 universidades e 9 OPIs. O texto da petición, acompañado da listaxe de asinantes, enviouse hoxe 8 de outubro por rexistro ao Presidente da Xunta de Galicia. 

 O obxectivo desta petición é evitar os gravísimos riscos medioambientais e para a saúde das persoas no caso de que se implementasen estas tecnoloxías nas explotacións auríferas proxectadas en Galicia, das que a máis adiantada é a mega explotación mineira de ouro a ceo aberto en Corcoesto (Cabana de Bergantiños) na que se pretenden empregar milleiros de toneladas de cianuro no proceso de extracción do ouro (ata 128 kg de cianuro por cada kilo de ouro). 

 Á vista do clamor social e co apoio significativo da comunidade científica, a Sociedade Galega de Historia Natural e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños pídenlle que a Xunta de Galicia que vostede preside prohiba canto antes o emprego das tecnoloxías mineiras a base de cianuro en Galicia e o teña en conta en todolos proxectos actualmente en tramitación, nomeadamente o de Corcoesto.

Texto da petición:


APOIO Á PETICIÓN DE QUE SE PROHIBA O USO DAS TECNOLOXÍAS MINEIRAS A BASE DE CIANURO EN GALICIA

Para garantir que a actividade mineira non comprometa o equilibrio e a dinámica dos ecosistemas e poña en perigo a biodiversidade e a saúde humana, cómpre previr e limitar o risco e os efectos nocivos de determinadas prácticas e técnicas mineiras. Tal é o caso das tecnoloxías de extracción do ouro empregando enormes cantidades de cianuro, unha sustancia química altamente tóxica, clasificada como un dos principais contaminantes no Anexo VIII da Directiva 2000/60, pola que se establece un marco comunitario en política de augas, e que pode ter un impacto catastrófico e irreversible na saúde humana, o medio ambiente e a diversidade biolóxica.

Nos últimos 25 anos, rexistráronse en todo o mundo máis de 30 accidentes importantes relacionados con verquidos de cianuro e non existe ningunha garantía real de que non volva producirse un accidente semellante, especialmente tendo en conta o incremento das condicións meteorolóxicas extremas, por exemplo, intensas e frecuentes precipitacións, tal como preve o Cuarto Informe de Avaliación do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático. En outubro de 2000, a “Declaración de Berlín” xa alertou expresamente á poboación respecto aos problemas de seguridade que existen cando se emprega o cianuro nos procesos de extracción do ouro.

Considerando que existen tecnoloxías alternativas ao uso do cianuro na minería, o Parlamento Europeo acordou mediante resolución de 5 de maio de 2010 pedir á Comisión “a prohibición completa do uso das tecnoloxías mineiras a base de cianuro na Unión Europea antes de finais de 2011, xa que é a única forma segura de protexer os nosos recursos hídricos e ecosistemas da contaminación por cianuro procedente das actividades mineiras”. En resposta a esta demanda, algúns países da UE como Alemaña, Hungría e a República Checa xa incorporaron ás súas lexislacións a prohibición do uso do cianuro en minaría.

Por todo o cal,

1. Considero que o cumprimento dos obxectivos da UE en virtude da Directiva marco sobre política de augas, é dicir, conseguir un bo estado químico e protexer os recursos hídricos, así como a protección da diversidade biolóxica, só pode lograrse mediante a prohibición das tecnoloxías mineiras a base de cianuro;

2. Pido ao Goberno Galego que impoña unha prohibición total do uso de tecnoloxías mineiras a base de cianuro en Galicia antes de que finalice 2013, posto que é o único xeito seguro de protexer a saúde humana, os recursos hídricos e os ecosistemas fronte á contaminación por cianuro procedente das actividades mineiras.

luns, 7 de outubro de 2013

Apoiando a manifestación convocada polo Monte Pindo Parque Natural na defensa da nosa Terra domingo 6 de Octubre

A Plataforma Pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños estivo onte domingo día 6 de Octubre en Santiago apoiando a manifestación convocada polo Monte Pindo Parque Natural na defensa da nosa Terra.

Deixamos algunhas fotos do percorrido e o noso texto de apoio:


ARDE O QUE SERÁ…

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños acude a esta marcha pola defensa do territorio, invitada pola Asociación de Amigos do Monte Pindo, con ánimo de incendiar as vosas conciencias. Vimos crear un fronte común, prender a mecha da colaboración, meter lume a tanta indiferencia criminal de quen ainda non sabe que a terra é nosa.

Ardiu o Monte Pindo, Olimpo dos deuses celtas, que de habelos, estarán profundamente ofendidos. Os responsables desta desfeita teñen delito, un delito capital de arrogancia e atrevemento que no mundo antiguo chamaban hubris. Para a hubris, o castigo era eterno.

Esta arrogancia e atrevemento proponse queimarnos o futuro, desfacerlle as entrañas a Galiza, asfaltar a totalidade dos seus campos, extirparlle o rostro, borrarle os sinais de identidade. O mundo rural e mariñeiro, a esencia da Galiza, deberían ser fonte de traballo e riqueza, pero son arrasados pola desidia e o esquecemento, ano tras ano, cada verán. Ata cando seguiremos así? Que nos vai quedar tras esta queima sistemática? Ás novas xeracións, que lles imos deixar? Un legado carbonizado? Un horizonte de altos fornos sen oxíxeno, sen bosques, sen natureza?

Non queremos unha Galiza sen presente nin escapatoria.

Non queremos mirar con temor o corpo indefenso do noso futuro.

Paremos a destrucción da nosa terra!

Hoxe facemos un novo chamamento á sociedade galega para reclamar un cambio drástico na dirección das políticas das Consellerías de Medio Ambiente e de Industria.

Queremos que o noso goberno deixe de ver a Galiza como un campo de minas, como pasto para a especulación.

Aos que non souberon realizar a tempo o seu traballo, exixímoslles o cese inmediato!

Imos darlles á brasa ata logralo, imos lembrarlles de que madeira están feitas as nosas árbores autóctonas: esa madeira que non sabe de follas de expedientes.

Agardamos cambios, agardamos respostas en lugar de silencio administrativo.
Reclamamos dereitos en lugar de multas e sancións.

Ante a criminalización da protesta, responderemos con democracia e participación!







domingo, 6 de outubro de 2013

Mina de ouro Kittilä vs Corcoesto

A mina de ouro de Kittilä non é comparable coa que se proxecta en Corcoesto.

  - Kittilä ten unha extensión territorial superior a toda a provincia da Coruña e unha densidade de poboación de 0,76 habitantes por km2 fronte aos 53 habitantes por km2 que teñen os concellos de Cabana, Coristanco e Ponteceso.



A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños considera un insulto á intelixencia dos Bergantiñáns o intento de Mineira de Corcoesto de comparar a mina de ouro de Kittilä coa proxectada na parroquia cabanesa de Corcoesto.

 Kittilä é un municipio finlandés que conta cunha poboación de 6.125 habitantes repartidos nunha superficie de 8.263 km2, o que determina unha densidade de poboación de 0,76 habitantes por km2. Caracterízase por ser un concello cunha vasta extensión territorial improdutiva, superior á de toda a provincia da Coruña, moi baixamente poboada e sen ningún tipo de actividade económica, a parte do turismo.

Mina de Kittilä - Finlandia
 Pola contra, os concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso, afectados directamente pola mina de ouro proxectada en Corcoesto, suman en total 17.798 habitantes repartidos nunha superficie de 333,5 km2, o que representa unha densidade de poboación de 53 habitantes por km2.

 Polo tanto, a situación económica, produtiva, e de asentamento da poboación, responde a dúas realidades que nada teñen que ver, por moito que o Sr. Arechaga queira atopar similitudes que non existen, entre o Concello de Kittilä e o de Cabana de Bergantiños.

 Os concellos máis afectados polo proxecto mineiro de Corcoesto están densamente poboados en comparación con Kittilä, e neles desenvólvense multitude de actividades agrícolas, gandeiras e forestais nun entorno amplamente humanizado. Isto supón un uso intensivo do territorio por parte da poboación que é totalmente incompatible cunha actividade altamente contaminante coma a da minería de ouro a ceo aberto.

  A outra realidade da minaría finlandesa 

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños critica que non se informe á poboación da comarca sobre a realidade de outras minas finlandesas, como a mina Orivesi ou a mina Talvivaara, que provocaron graves problemas ambientais motivados por vertidos con altas concentracións de metais pesados ao medio natural, e que xeraron unha masiva contestación social en Finlandia.

xoves, 19 de setembro de 2013

FESTA DA PATACA 2013 - CORISTANCO

A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños estivemos presentes en Coristanco na Festa da Pataca . Quixemos  participar  da celebración engalanando o noso  tractor informativo. Denunciando  a ameaza sobre o cultivo da pataca que supón a explotación dunha mina de ouro a ceo aberto por parte de Mineira de Corcoesto, filial de Edgewater.
Os bidóns de cianuro representan a utilización de tóxicos letais na mina e o campo de patacas contaminadas  aluden a un futuro escenario no noso territorio Un numeroso grupo de vecinos e veciñas, de xeito espontáneo, botáronse a camiñar tralo tractor cando a caravana iniciou a marcha,  en silencio, se cadra   precisaron facelo  para expresar  as súas inquedanzas. A multitude que asistía ó acto contemplou a escea có máximo respecto o que demostrou a sensibilidade e o apoio da poboación cara a nosa reivindicación: Mina NON!















luns, 16 de setembro de 2013

Pedimos a Conselleira de Medio Rural que faga prevalecer os usos agrícolas, gandeiros e forestais sobre os mineiros

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños vén de presentar un escrito asinado por dúas mil persoas dos concellos de Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco, no que solicitan á Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, que declare a prevaleza dos usos agrícolas, gandeiros e forestais actuais, xeradores de riqueza e sostibles a longo prazo, sobre os mineiros, e en consecuencia declare a incompatibilidade destes usos coa actividade mineira que se pretende desenvolver.
A mina de ouro de Corcoesto afecta a 700 hectáreas de superficie forestal de alta capacidade produtiva, suporá a eliminación total da funcionalidade do solo e provocará un dano irreversible que imposibilitará a recuperación da produtividade actual do monte, tal e como se acreditou con diversos informes técnicos ante a Dirección Xeral de Minas. Neste sentido, especialistas en recuperación de solos que realizaron informes para a Plataforma, indican que o plan de restauración presentado pola empresa e as propias medidas correctoras previstas na declaración de impacto ambiental, non son as adecuadas para a recuperación da funcionalidade do solo, e moito menos, permiten recuperar a súa capacidade produtiva actual.
No escrito tamén se incide no dano que sufrirá a Indicación Xeográfica Protexida “Pataca de Coristanco” así como outras iniciativas de agricultura ecolóxica que se desenvolven ao pé da mina. O po das voaduras, o fallo hídrico e outros impactos que non foron avaliados na declaración de impacto ambiental, eliminarían calquera posibilidade de desenvolvemento futuro da agricultura e da gandería, o que levaría ao peche de numerosas explotacións coa conseguinte destrución de emprego e éxodo da poboación; e todo isto, motivado pola implantación dunha explotación mineira cun horizonte de actividade de pouco máis de oito anos.
Por último trasládanlle á Conselleira que o custe social e ambiental da actividade mineira non compensa a aposta política por un proxecto que suporá un dano irreversible para a comarca, que ten unha duración finita, e que incumpre a Lei 13/2011, de política industrial de Galicia, tal e como puxo de manifesto o IGAPE nun informe recente. Por estas razóns piden ademais que no documento de avaliación ambiental estratéxica do futuro Plan de Actividades Extractivas de Galicia, se declare aos concellos de Cabana de Bergantiños, de Ponteceso e de Coristanco, en especial ás parroquias de Cereo, Corcoesto e Valenza, como áreas de especial protección agrícola, gandeira e forestal.
Nomeamento de novo director xeral de Mineira de Corcoesto.

O recente nomeamento de Francisco Arechaga, Presidente da Cámara Oficial Mineira como director xeral corporativo de Mineira de Corcoesto, supón para a Plataforma, un intento á desesperada por parte da empresa de lavar a súa imaxe para tratar de salvar un proxecto que conta cun forte rexeitamento social na comarca e en Galicia. Proba disto é que o nomeamento prodúcese nun momento crítico para a posta en marcha do proxecto, que na actualidade se atopa paralizado pola Xunta de Galicia pola falta de garantías técnicas, económicas e ambientais.

Para a Plataforma non é de recibo que o Presidente da Cámara Oficial Mineira, que é unha entidade de dereito público que se constitúe como un órgano consultivo da administración autonómica, tutelada pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia que tramita o proxecto mineiro de Corcoesto, poida ser compatibilizado co de director xeral da empresa que o impulsa. Canto menos é de dubidosa ética e moralidade e é unha proba máis dos escuros intereses e complicidades que se moven ao redor deste proxecto, que destacou ao longo da súa tramitación, pola total conivencia entre a Xunta de Galicia e a empresa mineira.

xoves, 5 de setembro de 2013

Denunciamos a presunta obtención irregular da empresa "Mineira de Corcoesto" de 350.000 € en subvencións

Desde a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, a través das asociacións de veciños de Corcoesto, Cereo e Valenza, vimos de presentar unha denuncia ante o Ministerio de Industria polo presunto cobro irregular de subvencións por parte da empresa Mineira de Corcoesto, S.L. 

 A empresa mineira obtivo no ano 2013 unha subvención por importe de 150.000 euros que estaba destinada á execución do proxecto “Investigación complementaria para a definición de novas reservas mineiras e a realización de estudos adicionais de hidroxeoloxía e xeotecnia no xacemento aurífero de Corcoesto 2012/2013”. No ano anterior, a empresa mineira recibira da mesma administración outros 200.000 euros por traballos similares, pero estas subvencións concedidas pola Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, estaban destinadas á realización destes traballos dentro do ámbito das concesións do proxecto mineiro de Corcoesto, iso é, no ámbito das concesións Ciudad de Landró, Ciudad de Masma e Emilita. 

No entanto, tal e como xa temos denunciado, a empresa realizou estes traballos nas concesións Julia 2 e Julia 3, que afectan principalmente ao Concello de Coristanco, feitos polo que a propia Xunta de Galicia incoou expediente sancionador a Mineira de Corcoesto, por carecer de autorización administrativa previa da Delegación Territorial de Minas e de Augas de Galicia. Por outra banda, a concesión Emilita, que data do ano 1912, caducou no ano 2002 polo transcurso do prazo previsto na lei de minas, razón pola que a empresa mineira tampouco é titular da mesma. 

Isto supón a vulneración das bases da convocatoria destas subvencións, que establecen como requisito imprescindible, que as empresas solicitantes deben ser titulares do aproveitamento do dominio mineiro obxecto do proxecto presentado, en calquera das formas previstas na lei 22/1973 de minas, e tamén que a empresa solicitante exerza unha actividade económica. Ambos requisitos son incumpridos por Mineira de Corcoesto, por non ser titular dos aproveitamentos mineiros de Julia 2 e Julia 3, xa que están aínda en tramitación, nin de Emilita por estar caducado. Por outra parte, Mineira de Corcoesto non exerce actividade económica algunha no sentido definido pola orde da convocatoria, toda vez que non opera no mercado, dedicándose unicamente a labores de exploración e investigación mineira. 

Por estes motivos, pedimos ao Ministerio de Industria que proceda á revisión dos expedientes polos que concedeu as subvencións a Mineira de Corcoesto, S.L., e que, de xeito inmediato, solicite o reintegro das mesmas, petición que xa está sendo cursada segundo comunicado recibido no día de onte polo que se nos indica que se lle dou traslado á Secretaría de Estado e Enerxía “para que se proceda a un estudio detallado del caso”. 

Falseamento de datos na documentación aportada á Xunta

Desde a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños tivemos acceso a parte da “importante” información remitida por Mineira de Corcoesto á Xunta de Galicia, segundo palabras do director xeral de minas, Ángel Bernardo Tahoces. 

Entre esa documentación “importante” figura un documento no que Mineira de Corcoesto indica: 

“…las personas que podrían verse afectadas, que no sean los trabajadores, no se espera que estén presentes de forma permanente o durante largos períodos en la zona potencialmente afectada”. 

Ante semellante afirmación, desde a Plataforma preguntámonos que é o que espera facer a empresa coas poboacións das parroquias afectadas polo proxecto mineiro e as que limitan coa explotación, que viven e traballan de xeito permanente alí, no desenvolvemento de actividades agrícolas, gandeiras e forestais. 

Por si isto fose pouco, o informe da empresa mineira continúa sinalando: 

“En el caso que nos ocupa, basta con comprobar las ortofotos o planos aportados para constatar que no hay viviendas, ni labores agrícolas, ganaderas, de infraestructuras o de producción que determinen la presencia de modo permanente o durante largos períodos en la zona potencialmente afectada…., motivo por el cual no cabe apreciar la existencia de “un riesgo no despreciable de pérdida de vidas humanas” ni “un grave peligro para la salud humana”.” 

Estas afirmacións, a parte falsear a realidade da zona afectada polo proxecto, amosan o absoluto desprezo que a empresa ten pola poboación afectada, a súa falta de ética e a absoluta falta de compromiso e de respecto co medio de vida e coa saúde da xente. 

Por todos estes motivos, instamos á Xunta a que non continúe coa tramitación deste proxecto.

sábado, 27 de xullo de 2013

Denuncia dos veciños por delito continuado contra o medio ambiente

As asociacións de veciños de Cereo, Corcoesto e Valenza presentaron no xulgado unha denuncia conxunta, asinada por 249 persoas, contra a empresa mineira por un presunto delito continuado contra o medio ambiente.

  • A denuncia tamén se dirixe contra o Concello de Coristanco, Augas de Galicia, Consellería de Economía e Industria e a Consellería de Medio Ambiente.
  • 77 vivendas quedaron sen auga como consecuencia dos traballos realizados ilegalmente por Mineira de Corcoesto.

As asociacións de veciños de Cereo, de Corcoesto e de Valenza, veñen de presentar unha denuncia conxunta no Xulgado de Carballo contra a empresa Mineira de Corcoesto, S.L., contra a súa subcontrata, Terratec Geotecnia y Sondeos, S.L., e tamén contra o Concello de Coristanco, Augas de Galicia, Consellería de Medio Ambiente e a Consellería de Economía e Industria, por un presunto delito continuado contra o medio ambiente.
A denuncia baséase na realización por parte da empresa mineira de Corcoesto, a través da subcontrata Terratec Geotecnia, de sondeos de exploración mineira e xeotécnicos nas cuadrículas mineiras que configuran o permiso de investigación Julia 2 e Julia 3, que se atopan en tramitación na actualidade. A empresa mineira non dispoñía, por tanto, de autorización administrativa para a realización deses traballos que se desenvolveron sen ningún tipo de control medioambiental en zona de dominio público hidráulico, co consentimento das administracións sinaladas.
Ademais do anterior, a empresa mineira tampouco dispón de autorización de Augas de Galicia para captación de auga do río Lourido, para o seu uso na  realización dos sondeos xeotécnicos necesarios para o cálculo da estabilidade das balsas de cianuración e lixiviación, que están fora do ámbito das actuais concesións mineiras de Corcoesto.
Como consecuencia deses traballos, setenta e sete vivendas da parroquia de Cereo quedaron sen abastecemento de auga para consumo humano, debido aos danos causados pola empresa mineira e a súa subcontrata, aos acuíferos soterrados que abastecían o manancial do Regueiro. Estes danos non foron reparados por parte da empresa, que non amosou interese algún en atender as reclamacións dos veciños afectados. Por este motivo, acoden agora á vía xudicial para facer valer os seus dereitos.
Por todo o anterior, solicitan ao xulgado que instrúa a denuncia presentada e que se condene ás empresas, e tamén ás administracións, pola pasividade e inactividade destas últimas ante estes feitos. Solicitan ademais que se proceda á reposición inmediata do abastecemento de auga e á indemnización aos propietarios das vivendas afectadas polos danos e prexuízos ocasionados.