luns, 31 de decembro de 2012

Querido Apalpador

O Apalpador. Leandro Lamas


Querido Apalpador
desde a Plataforma pola defensa de Corcoesto, temos algo que pedirche nesta última noite do ano 2012.
Xa sabemos que o teu e apalpar barrigas para ver se comeron abondo ao longo do ano, pero por unha vez ímosche pedir que cambies un pouco o protocolo.
Que tal se en vez de apalpar barrigas apalpas cacholas? Hai algunhas por San Caetano que non sabemos se “comerían abondo”. Polas súas actitudes, parece que lles faltou algún nutriente que lles puidese proporcionar algo fundamental nos bos gobernantes: sentidiño.
Dicía Churchill que para ser bo gobernante hai que pensar un pouco máis nas vindeiras xeracións, e un pouco menos nas vindeiras eleccións.
Esa clase de “sentidiño” é a que che pedimos que lles inocules na cachola aos nosos gobernantes.
Cumpriría que fosen quen de pensar un pouco máis na xente que vive ligada á terra de xeito sustentable, e un pouco menos no seu peto. Un pouco máis no futuro a medio e longo prazo, e un pouco menos nun presente mirado con lupa. Un pouco máis nos verdadeiros intereses da xente desta terra, e un pouco menos nos intereses de empresas foráneas totalmente alleas a ela. Un pouco máis no noso patrimonio natural, e un pouco menos nas ganancias de catro canadenses. Un pouco máis nos postos de traballo reais e sustentables que xa existen, e un pouco menos nas promesas efémeras que calquera persoa con dous dedos de fronte -eles tamén- saben que non son reais.
Cumpriría que tivesen o sentidiño que se precisa para tomar unha decisión rotunda e acertada para protexer o noso territorio dos depredadores: botar fóra de Galiza a megaminería.
Sabemos que non é doado o que che pedimos.
Sabemos que pedir sentido común dentro da cabeza dos nosos gobernantes é, case case, como pedirlle peras a un pexegueiro, ou amoras a unha laranxeira.
Pero confiamos na túa sabedoría milenaria para ese traballo.
Ti que traes felicidade e fartura para todo o ano, acórdate de Corcoesto.

sábado, 29 de decembro de 2012

Peche da nave da Mineira de Corcoesto



Non, non é unha inocentada.
Edgewater ten que pechar de xeito inmediato o seu centro de traballo en Corcoesto, no que viña desenvolvendo labores relacionados con actividades extractivas mineiras, por carecer de licenza para o exercicio desta actividade.
A empresa canadense vén operando neste centro de traballo situado nunha antiga nave agrícola desde hai varios anos co consentimento do Alcalde de Cabana, que a sabendas de que carecía de licenza, nunca esixiu que se cumprise coa legalidade. 
Foi a raíz dunha denuncia presentada por persoas do lugar, na que solicitaron a reposición da legalidade e a imposición das sancións que procedesen, cando o Alcalde se viu obrigado a actuar de xeito inmediato, ordenando a suspensión da actividade nun prazo máximo de vinte e catro horas. Asemade tivo que darlle traslado da denuncia e do expediente tramitado á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta de Galicia e proceder a incoar o expediente de reposición da legalidade previsto no regulamento de disciplina urbanística que desenvolve a lei do solo de Galicia.
O centro de traballo que agora se pecha, está situado en solo rústico de protección ordinaria, polo que o Concello non pode outorgar licenza municipal para actividades relacionadas coa explotación mineira ao tratarse dun uso, que segundo a lei do solo de Galicia, require de autorización autonómica. 
Consideramos ademais que as instalacións de almacenamento, oficinas e de laboratorio xeolóxico non son legalizables nin cumpren os requisitos para que se lle poida outorgar á empresa mineira licenza para o exercicio desas actividades.
Desde a Plataforma non imos consentir ningún trato de favor por parte das autoridades coa empresa mineira de Corcoesto. Acodiremos á fiscalía ante calquera indicio de prevaricación.
A empresa canadense semella especializada no incumprimento da normativa española en xeral, e da medioambiental en particular, ao que agora hai que sumar tamén, o exercicio da actividade mineira sen licenza.

xoves, 27 de decembro de 2012

Progreso

Progreso. Imaxe do Partido da Terra
A Plataforma pola defensa de Corcoesto, ao igual que outros colectivos cuxo obxectivo é a defensa do patrimonio natural e o medio ambiente, recibe constantemente acusacións de opoñerse ao progreso.
Pero...que entendemos por progreso?
A empresa mineira promete un montón de postos de traballo na zona durante as labores de explotación. Digo un montón, porque as cifras bailan arriba e abaixo cunha facilidade pasmosa.
Aínda que o señor Feijóo, que parece funcionar como un delegado da empresa canadiense, falou no seu  momento de máis de mil postos de traballo, no proxecto fálase de 271. Pero en ningún momento se clarifica canto duraría cada un dos contratos. Se contrato 10 persoas este mes, outras 10 o mes que vén e outras 10 ao seguinte...estou contratando 30 persoas este trimestre? 
Nas nosas alegacións solicitamos un estudo pormenorizado dos postos de traballo reais que se crearían, especificando o tempo que corresponde a cada un. Esa alegación, como tantas outras, non foi merecedora dunha resposta por parte da compañía mineira nin por parte da Administración (tanto é o mimetismo entre ambas, que ás veces custa distinguir cal é cal!)
No proxecto dise tamén que se van realizar investimentos no capítulo de Acceso Xeral por valor de 1.686.179,04 euros. Estes investimentos son necesarios para a explotación pero non melloran a situación previa na zona, xa que se trata de desvíos de estradas, ríos... Son investimentos feitos para paliar a destrución que  van levar a cabo inicialmente, de modo que só ten un efecto reparador dos propios efectos negativos do inicio da actividade. Ningún dos investimentos previstos vai mellorar a dotación de infraestruturas da zona. 
Se o proxecto se pon en marcha, o que deixen cando marchen vaise parecer máis a un deserto de pedra que a nada que poidamos entender como progreso.
Cal é daquela o progreso ao que nos acusan de opoñernos? Os 17 millóns de toneladas métricas de residuos totais? A balsa de lodos tóxicos, coa súa ameaza permanente de accidente catastrófico? A destrución do solo e dos acuíferos que hai baixo el? O aumento exponencial dos niveis de arsénico no río Anllóns e na súa desembocadura?
Señores de Edgewater e da Consellaría: non queremos ese "progreso". Claro que nos opoñemos a el.
Queremos poder explotar os nosos recursos dunha maneira racional e sustentable. Queremos que as xeracións que veñen despois poidan seguir explotándoos. Queremos deixarlles esa herdanza, que recibimos das xeracións que nos precederon, e non unha herdanza de cianuro e arsénico. Non queremos deixarlles o futuro envelenado.

domingo, 23 de decembro de 2012

Reunión en Corcoesto

Un momento da intervención de Alba Nogueira
Na mañá de hoxe, celebrouse en Corcoesto unha reunión informativa á que acudiron, ademais dun bo número de persoas de Corcoesto, persoas directamente afectadas polo proxecto de Cereo e de Valenza de Coristanco.
A reunión comezou coa presentación da mina en cifras, que tendes á vosa disposición neste mesmo blogue, na lapela "Máis información". Algunhas das cifras provocaron o asombro das persoas presentes, que as descoñecían, pola súa magnitude. A maioría das preguntas en relación a esta presentación xiraron en torno á perigosidade do cianuro empregado na lixiviación, así como do arsénico que se desprende das rochas como consecuencia da explotación, como pon de manifesto o estudo recentemente divulgado pola Sociedade Galega de Historia Natural.
Contouse coa presenza de Alba Nogueira, que orientou á veciñanza respecto dos aspectos xurídicos do proxecto: posibles medidas legais a tomar, que requisitos debe reunir un proxecto para poder proceder ás expropiacións, como actuar ante a  posibilidade de expropiación...Algunhas persoas presentes fixeron fincapé nas múltiples irregularidades que aparecen tanto no proxecto como na DIA publicada hai uns días. Alba Nogueira insistiu na importancia de tratar de evitar que sexa declarado proxecto estratéxico, polas repercusións que iso tería para a súa tramitación.
Interveu tamén Margarida Prieto, do Sindicato Labrego Galego da Terra Chá, relatando as mobilizacións que alí se veñen levando a cabo dende hai 6 anos, en oposición a unha mina de seixo que pretende usurpar moitas hectáreas de terreos produtivos.
Tanto unha como a outra incidiron na necesidade de levar a cabo accións (legais, divulgativas, de mobilización) de xeito unificado en tódalas parroquias directamente afectadas, así como de concienciar a xente doutros lugares da comarca que, posiblemente por descoñecemento, pensa que o proxecto non vai afectar á súa localidade: Ponteceso, Pazos, Canduas...
Do BNG, formación que desde un primeiro momento fixo público o seu apoio ás nosas reivindicacións, e mesmo levou a cabo iniciativas parlamentarias ao respecto, tanto no Parlamento galego como no europeo, estaba presente a parlamentaria Carme Adán.
Á reunión asistiron tamén varias persoas de Enxeñería sen Fronteiras, que ofreceron o seu apoio á Plataforma. 
Desde a Plataforma queremos trasladar o noso agradecemento a tódalas persoas que aportaron o seu gran de area para que a reunión de hoxe tivese a gran carga informativa e mobilizadora de conciencias que pensamos que tivo. E desde o noso blogue volvemos a berrar "Non á mina", hoxe con máis forza e con máis voces que nunca.


sábado, 22 de decembro de 2012

AGE visita Corcoesto

Beiras animou á veciñanza a mobilizarse contra a minaría salvaxe



Esta mañá, no cabanote de Baralláns (unha das casas máis próximas ao lugar onde o proxecto ubica a balsa de lodos), recibimos a visita dos deputados de AGE Xosé Manuel Beiras, Antón Sánchez e Xavier Ron.
Achegáronse aquí para coñecerin situ o impacto da proxectada mina e falar coa veciñanza.
O grupo de veciñas e veciños que alí se xuntou transmitiulles a súa preocupación polas consecuencias que para o seu medio de vida e o patrimonio natural que herdaron das anteriores xeracións podería ter este proxecto se chegase a facerse realidade.
 Os deputados de AGE fixeron un chamado á mobilización popular para defender a nosa terra fonte ás intencións do P.P. de vendela (máis ben regalala) aos novos colonizadores.
"Señor Beiras, permítame unha pregunta -dixo a dona da casa-: é necesaria tanta destrución para crear postos de traballo?"
Desde a Plataforma preguntámonos exactamente o mesmo. Ata onde nos vai cegar a  promesa da creación duns postos de traballo que no mellor dos casos serán efímeros, e nos vai impedir ver todo o que se destrúe, incluíndo tamén postos de traballo sustentables como os da gandeiría ou o marisqueo?
Mañá celebrarase unha nova Asemblea en Corcoesto, ás 11 da mañá no local da escola.
Animámosvos a que veñades. A loita non fixo máis que comezar.

martes, 18 de decembro de 2012

Arsénico sen compaixón

  Desembocadura do Anllóns. Imaxe de Rozavales
A Sociedade Galega de Historia Natural vén de facer público un estudo do Instituto de Investigacións Mariñas que pon en entredito a DIA positiva da Consellería ao proxecto de explotación mineira de Corcoesto, ao poñer de manifesto que as concentracións de arsénico nas augas do río Anllóns "aumentan 2,1 veces ao atravesar a zona de arsenopiritas na parte media da bacía (zona mineira de Corcoesto) ata acadar os 3,96 microgramos/litro, achegándose ao límite inferior (4,5 microgramos/litro) dos ríos europeos contaminados, e á metade do máximo admitido para augas potables establecido pola Unión Europea, a Axencia de Medio Ambiente dos EEUU e a Organización Mundial da Saúde".
Malia que esta concentración pode deberse á existencia natural de arsenopiritas na zona, o estudo afirma que "as zonas de sedimentos máis contaminados son consecuencia directa da antiga explotación de ouro que agora se quere reactivar". 
Se coa anterior explotación, levada a cabo de xeito tradicional (subterráneo), se acadaron eses niveis...que vai pasar se se pon en marcha o proxecto de Edgewater, que é un tipo de minaría moito máis  agresiva para o medio? A onde van chegar os niveis de arsénico? De que maneira se vai ver afectado o subministro de auga potable ás persoas residentes nesa comarca?
Que vai ser do esteiro do Anllóns, unha Zona de Especial Protección de Aves cunha riqueza ornitolóxica recoñecida por tódolos especialistas na materia? 
Que vai pasar co marisco que aí se obteña?
Queremos que Augas de Galicia se pronuncie publicamente ao respecto. É a súa responsabilidade.
A Consellería de 1/2 ambiente vén de emitir a súa DIA respecto do proxecto, xusto no momento en que se fai público este informe sobre o arsénico. Cando un organismo da Administración emite un informe que beneficia ao proxecto dunha empresa, sabendo que da execución dese proxecto se derivan danos para o ben común, estase incorrendo en prevaricación. Preguntámonos se tal vez non é este o caso, e se a fiscalía anticorrupción non debería intervir de oficio, xa.

sábado, 15 de decembro de 2012

Visto bo ambiental da Consellería de Infraestruturas



A Consellería de Infraestruturas emite nota de prensa declarando as bondades ambientais da mina, mais non publica a Declaración de Impacto Ambiental.
Como ven sendo habitual, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas actúa como se no canto dun órgano da administración galega fose unha delegación da empresa canadense. É inadmisible que saque unha nota de prensa louvando as bondades da mina ao tempo que lle da o visto bo ambiental sen publicar a correspondente declaración de impacto ambiental.
A exposición pública do proxecto xa foi no seu día un despropósito. Unha lei publicada este ano e que regula os proxectos industriais estratéxicos, permitiu aos mineiros canadenses  a tramitación conxunta do proxecto e o seu estudo de impacto ambiental nun tempo récord. Os colectivos ecoloxistas tiveron que empregarse a fondo para que o proxecto fose posto ao seu dispor no xeito que marca a lei, aínda que con considerable retraso, e moitas veciñas e veciños que acudían aos Concellos afectados viron todo tipo de trabas para poder estudalo.
A día de hoxe, os veciños seguen sen coñecer o estado das concesións mineiras (que sospeitan que poderían estar xa caducadas) a pesar de ter demandada esta información reiteradas veces dende o pasado mes de agosto, e mesmo ter solicitado o amparo do Valedor do Pobo.
É ridículo que a Consellería manifeste que para garantir a integridade do espazo natural protexido Río Anllóns e salvagardar os seus valores naturais de posibles afeccións van manter o proxecto de minería ao aberto con cianuro a unha distancia de 140 metros de dito espazo protexido. Dende xa convidamos ao Señor Hernández e ao Sr. Feijoo a pasar as súas vacacións de verán e a aloxarse nalgunha das vivendas de Corcoesto e que están a pouco máis de 140 metros da mina cando esta estea en explotación.  Desexamos que gocen da Rede Natura do Río Anllóns, que escoiten súa sonoridade natural e respiren o seu puro ar mentres se levan a cabo algunha dos centos de voaduras anuais proxectadas capaces de arrancar máis de 37 mil metros cúbicos de material dunha sentada;  ou que beban das límpidas augas  dos mananciais de Corcoesto (se é que queda algún) cando o arsénico estea xa debidamente disolvido neles,  e que gocen do marisco do estuario do Anllóns cando a balsa con residuos de cianuro estea a pleno rendemento, ou mesmo  a darse un baño nas  augas hiperácidas con altos contidos de metais pesado  no lago-pucharca que pensan construír nun dos buratos...
A plataforma pola defensa de Corcoesto vai a estudar con detalle a declaración de impacto ambiental  unha vez sexa publicada, e vai solicitar os informes que avalíen dita declaración. Se, como pensamos, ditos informes non son congruentes coa protección do ambiente, ímolo denunciar diante de tódalas instancias, e pediremos as responsabilidades que corresponda, mesmo penalmente, se hai indicios de prevaricación ou corrupción.
En Corcoesto non imos permitir que os ignorantes, féridos e duros, imbéciles e escuros destrúan o noso entorno e o noso modo de vivir.

luns, 10 de decembro de 2012

Interese público, ou atraco?


Onte celebrouse unha reunión no Bar Lista, en Valenza de Coristanco.
A ela acudiu un número considerable de persoas, interesadas por informarse acerca da mina e tamén, claro, sobre as expropiacións.
Durante a reunión proxectouse a presentación "A mina en cifras", ofrecendo datos que están, na súa maioría, recollidos no propio proxecto.
Logo falouse da famosa "carta" enviada pola empresa á veciñanza, instando a xente, dunha maneira coactiva, ameazante e manipuladora, a vender (malvender!) os seus terreos.
Vender agora a un prezo baixo ten unha dobre consecuencia: para quen vende, que perde a posibilidade de optar a un prezo maior no momento da expropiación, se esta chegase a producirse (e tamén perde a posibilidade de conservar o seu terreo se o proxecto finalmente non se aproba!); e para quen, máis tarde, poida verse na situación de ser expropiado. Si, porque, se finalmente o proxecto se aprobase, os prezos de venta que se fixen neste momento tomaranse como referencia despois, para as expropiacións. 
Desde a Plataforma non entendemos moi ben que un interese aparentemente tan privado como o dunha mina de ouro poida considerarse "de utilidade pública".
É o ouro un metal de primeira necesidade? Pódese dar esa consideración a un material que se usa basicamente para a ostentación e para especulación?
Ou acaso a utilidade pública deste proxecto deriva de repercusións positivas que vaia ter a longo prazo para a nosa comarca? Cales son esas repercusións positivas? Vai supoñer un avance revitalizador para a zona despois do remate da explotación? Ou máis ben vai contribuír á súa despoboación e a que acabe por converterse nun deserto de pedra?
Non compartimos a idea de que sexa de utilidade pública, por máis que desde a Administración (e por motivos que eles saberán) pareza ampararse esa interpretación.
Por iso a perspectiva de sermos expropiados parécenos un auténtico atraco a man armada. Como o da viñeta.
Se alguén ve a diferencia...que nola explique!

domingo, 2 de decembro de 2012

Mineira de Corcoesto non quere debate

Mineira de Corcoesto intenta coaccionar aos veciños pero ten medo a debater publicamente con nós sobre a mina de ouro.
Por que dicimos iso? Pois porque hai xa tres semanas que desde a Plataforma se enviou á empresa mineira un convite para realizar un debate público sobre “Mina si ou Mina non”, e ata o momento non tivemos resposta algunha. Ao mesmo tempo, Edgewater está a utilizar estratexias de dubidosa legalidade para a adquisición dos terreos necesarios para levar a cabo o proxecto mineiro.
A Plataforma remitiu a súa invitación á Empresa o pasado 12 de novembro. O envío realizouse por carta certificada á súa sede en Canduas (Cabana de Bergantiños), confirmándose a recepción, mediante chamada telefónica ao Xerente da Empresa ao día seguinte do envío. Seguimos agardando contestación da empresa mineira á súa invitación.
Semella que Mineira de Corcoesto síntese máis cómoda nas moquetas de San Caetano ou nos despachos dos Alcaldes dos Concellos afectados, que nun encontro público de debate, en igualdade de condicións, coa Plataforma, que defende os intereses da veciñanza, loitando contra a espoliación dos recursos naturais e a destrución do hábitat e do Medio Ambiente fronte aos intereses especulativos da empresa Edgewater, da que Mineira de Corcoesto fai parte.
Tendo en conta o tempo transcorrido, na Plataforma preguntámonos se a falta de resposta obedece ao desprezo que a Empresa Mineira sente pola xente de Corcoesto, ou ben se teñen medo ao devandito debate, pola pobreza do seu argumento e pola celebración nunha contorna neutral, que poida poñer en evidencia as súas carencias.
Froito do desprezo da mineira pola xente do lugar son os intentos intimidatorios que están a levar a cabo para facerse coa propiedade dos montes, coaccionando aos veciños con argumentos falsos para que estes cedan aos seus intereses especuladores. Os veciños xa saben que Mineira de Corcoesto se verá na obriga de expropiar no caso de que os lexítimos propietarios non vendan no prazo ou condicións que a empresa estime arbitrariamente, polo tanto non se precipitarán a malvender sen máis garantías que a percibir un 10% do seu valor na actualidade.
Tamén saben q só mediante a aprobación do proxecto por parte da Administración se verán obrigados a recibir aos compradores nas súas casas. Esa aprobación, a día de hoxe aínda non se produciu.
E desde a Plataforma seguiremos loitando para que non se produza.

venres, 21 de setembro de 2012

Voceiro

Este blogue quere ser o voceiro da Plataforma pola defensa de Corcoesto.
A Plataforma naceu en oposición a este proxecto mineiro, que só traerá para Corcoesto residuos cargados de cianuro e arsénico.
Nós queremos un futuro sustentable para a nosa comarca. Creemos que se poden buscar alternativas laborais que respecten o ambiente e non supoñan unha ameaza para a vida e o desenvolvemento da nosa terra.
Querémoslle á nosa terra. Queremos conservala.
Queremos deixar en herdanza ás xeracións vindeiras unha terra rica, viva e fértil como a que as xeracións anteriores nos deixaron a nós.
Negámonos a deixar unha herdanza podre de escouras contaminadas.
As xeracións que veñen detrás non merecen iso.


Se queres contactar con nós para apoiar o manifesto, envía os teus datos a: corcoesto@googlegroups.com.
Tamén podes deixar un comentario debaixo do propio manifesto cos teus datos, e engadirémolos.